Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SEMANA CULTURAL

O IES Maximino Romero transforma Baio nun escaparate da ciencia

O centro recibiu a Jorge Mira e Ángel Carracedo e o xoves xuntará 500 estudantes da Costa da Morte

Ángel Carracedo e Jorge Mira con alumnos do IES Maximino Romero, en Baio.

Ángel Carracedo e Jorge Mira con alumnos do IES Maximino Romero, en Baio. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Zas

A ciencia e os científicos enchen estes días as aulas do IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) no marco da XX Semana Cultural.

O científico baiés Jorge Mira impartiu a charla A que altura está o ceo?, unha proposta que combinou rigor científico e capacidade divulgativa, facendo accesibles conceptos complexos dun xeito ameno e próximo.

Ao longo da sesión, o alumnado puido achegarse a cuestións fundamentais da ciencia desde unha perspectiva diferente, estimulando a curiosidade e o pensamento crítico.

Ata Baio tamén se achegou o catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética Ángel Carracedo, quen ofreceu unha charla que permitiu achegar ao alumnado ao fascinante mundo da xenética e da investigación biomédica.

Educación de calidade

Dende a dirección do instituto zaense aseguran que "este tipo de iniciativas permiten traer ao centro experiencias e coñecementos que van máis alá da aula, conectando ao alumnado coa realidade científica actual e espertando vocacións. Contar con relatores do prestixio de Jorge Mira e Ángel Carracedo supón, sen dúbida, un privilexio e un exemplo do compromiso por ofrecer unha educación de calidade".

Deste xeito, engaden, "a Semana Cultural segue avanzando coa presenza de figuras de gran prestixio, consolidándose como un espazo de encontro coa cultura, a ciencia e o coñecemento".

Experimentos con sete centros

O IES Maximino Romero organiza tamén este xoves o I Día da Ciencia na Rúa, unha iniciativa divulgativa e educativa na que participarán outros sete centros da contorna: o IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto), o IES Terra de Soneira (Vimianzo), o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o CPI As Revoltas (Cabana), o CPI Cabo da Area (Laxe), o CPI de San Vicente (A Baña) e o CPI de Zas.

A actividade, coordinada polo profesor Pablo Mira, desenvolverase no pavillón polideportivo de Baio, de 10.30 a 13.30 horas, e reunirá centos de estudantes arredor da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Ao longo da mañá, o alumnado participante presentará unha ampla variedade de experimentos, xogos, proxectos e deseños relacionados cos ámbitos da física, a química, a bioloxía, a tecnoloxía e as matemáticas.

A organización estima que máis de 500 rapaces e rapazas pasarán polo recinto durante a xornada. Ademais, o evento estará aberto ao público, polo que poderá asistir como visitante calquera persoa interesada.

TEMAS

Tracking Pixel Contents