Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pleno municipal

Castro reclama información sobre o contrato de mantemento das zonas verdes de Santiago

Alerta do bloqueo do convenio colectivo de xardinería e do risco de elaborar uns pregos cunha previsión de custos laborais "irreais" de non terse esta cuestión en conta

O parque de Berce do Sar, na Sionlla, é unha das novas zonas verdes de Santiago que debe incorporarse ao contrato

O parque de Berce do Sar, na Sionlla, é unha das novas zonas verdes de Santiago que debe incorporarse ao contrato / Antonio Hernández

Santiago

A concelleira non adscrita, Mila Castro, interpelará no vindeiro pleno municipal ao goberno local para coñecer o estado de elaboración dos novos pregos do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo municipal. Castro sinala que o actual contrato rematará definitivamente o 31 de agosto do 2026, tras esgotarse todos os prazos previstos. Ante este escenario, considera "imprescindible" que o goberno local aclare en que punto se atopa a redacción dos novos pregos e cal é o calendario previsto para a súa aprobación e licitación.

A concelleira advirte de que os atrasos rexistrados noutras licitacións, como ocorreu cos centros socioculturais, "obrigan a extremar a planificación para evitar situacións de urxencia que poidan afectar á continuidade do servizo, á calidade do mantemento dos parques e zonas verdes e ás condicións laborais do persoal". Así, critica que "non pode ser que este goberno local leve todo sempre ao límite, traballe sen planificación e sen anticiparse aos problemas".

Castro reclama tamén información sobre as melloras que se prevén incorporar no novo contrato, "tanto en termos de calidade do servizo como de sustentabilidade ambiental e garantía de dereitos laborais". Lembra que as necesidades mudaron desde o anterior contrato "xa que se crearon novas zonas verdes que deben ser contempladas nos pregos se queremos garantir un correcto mantemento" como é o caso do Berce do Sar nas proximidades do polígono de A Sionlla.

A concelleira non adscrita Mila Castro nos soportais de Raxoi

A concelleira non adscrita Mila Castro nos soportais de Raxoi / Cedida

Bloqueo do convenio colectivo

A preocupación da concelleira "intensifícase" pola situación do convenio colectivo de xardinería que afecta ao persoal adscrito a este contrato, actualmente bloqueado tras meses de negociacións coa empresa adxudicataria. Castro alerta de que, se non se asina un novo convenio antes de pechar os pregos da futura licitación, "podería elaborarse un estudo económico desaxustado á realidade, sen recoñecer os custos laborais actualizados", algo que "lembra ao que ocorreu cos centros socioculturais".

Así, Castro preguntará no pleno municipal deste xoves polo punto no que se atopa a elaboración dos novos pregos, que melloras técnicas se incorporarán e que medidas está a impulsar o goberno local para contribuír ao desbloqueo do convenio colectivo, "e evitar erros de cálculo nos orzamentos da futura licitación".

Tracking Pixel Contents