Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

"O Bloque non pode abandonar a xente con prestixio e experiencia"

O número dous de Esquerda Nacionalista espera que moitos afectados pola renovación do Bloque sexan integrados de novo en cargos orgánicos e institucionais ·· Confía nunha recuperación de votos nas municipais

Manuel Blanco

Manuel Blanco / XAIME LEIRO • SANTIAGO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

XAIME LEIRO • SANTIAGO

Xan Rama

Coordinador executivo de Esquerda Nacionalista (EN)

_ EN despois dos avatares dos últimos anos (fóra-dentro da dirección do BNG) celebra unha asemblea tranquila co obxectivo de simplificar siglas. ¿Terá algunha materialización práctica, máis alá do tradicional chamamento neste sentido?

_ Eu entendo que si. Porque hoxe o BNG está composto por unha amalgama de militantes independentes e de partidos e colectivos que se foron diluíndo no tempo. EN intenta buscar un espazo común que poida albergar a esquerda democrática e nacionalista dentro dun BNG plural.

_ A disolución de UG ou a perda de forza do Colectivo Socialista ou Inzar, ¿levou nalgunha medida ó reforzo de Esquerda Nacionalista?

_Esquerda Nacionalista non ten ningunha traxectoria nin interese en anexionar nada. O que nos gustaría e que de aquí en diante dende un diálogo fluído cos demais compañeiros puideramos buscar unha alternativa maioritaria dentro do Bloque que represente o progresismo.

_A chegada do Bloque ó Goberno galego reforzou o polo da UPG e do contorno de Anxo Quintana ¿Queda espazo libre entre eses dous polos para traballar no Goberno ou no Bloque?

_Non se pode separar unha cousa da outra porque o acceso ó Goberno é moi recente. Agora ben, é verdade que no Bloque ou en calquera outra organización acaban sempre tendo unha posición de forza os representantes que esa formación ten no executivo con respecto á propia organización. De aí que nós tratemos de que estes dous compoñentes se vaian apartando dalgunha maneira e que o consello nacional do Bloque non se acabe convertendo nun consello de directores xerais, secretarios xerais e conselleiros porque levaría a cerrar as portas a todo o que non é o propio mundo institucional. Nos cremos que aí hai cancha.

_Nos relatorios da quinta asemblea de EN afírmase que o BNG leva oito anos de perda de apoios da sociedade nas sucesivas eleccións. ¿Fíxose unha reflexión profunda ou quedou todo en nada polo atemperamento da chegada á Xunta?

_O desprazamento de Manuel Fraga da Xunta atemperou todo. E isto é así porque se crea a ilusión de cambiar Galicia, de tomar medidas positivas para a maioría da poboación. Iso arrefriou as posicións máis críticas ante os resultados das eleccións autonómicas.

_¿Aprenderon para os vindeiros comicios municipais dos erros dos autonómicos?

_As municipais non están gañadas. Hai que traballar moito. Hai que abrirse á sociedade e ós candidatos e vai haber que buscar aquelas persoas que sexan referentes sociais porque as organizacións non só se manteñen e medran desde os programas senón que tamén teñen moito que ver as caras que se presentan porque son ámbitos moito máis próximos que as autonómicas, xerais e europeas e os cidadáns teñen moi en conta a confianza que lle inspira o veciño que vai na lista.

_Os socialistas están deixando ben claras, incluso dando apoio desde a Xunta, as súas apostas por determinados candidatos e cidades. Por exemplo por Abel Caballero e por Vigo. Dos candidatos do BNG nalgunha das grandes cidades (Vigo ou Lugo) nada se sabe.

_Creo que está a tempo de reaccionar. É ben certo que moitas personalidades do BNG foron absorbidas polo Goberno da Xunta. Non podemos facer ollos cegos de que as persoas que se trasladaron á Xunta deixaron baleiros nas cidades nas que estaban traballando nalgunhos casos importantes. Se agora se fixera o proceso de volver a levalos ás cidades das que partiron, ocorrería o contrario co traballo que están desenvolvendo na Xunta. Isto leva a que na dirección do BNG se vai ter que pensar moito e con máis cautela nos referentes que vai presentar nas sete cidades. Nós entendemos que hai tempo no que resta de mes, que é cando se darán a coñecer. As organizacións locais proporán as persoas que lles parezan máis adecuadas e esperamos recuperar o ritmo.

_¿Descarta totalmente unha nova caída do Bloque nas eleccións locais do vindeiro ano?

_A día de hoxe non contemplo ningunha caída. O estar no Goberno é un apoio sólido.

_¿Nos relatorios de Esquerda Nacionalista fálase de que o BNG dilapidou un capital de experiencia coa renovación aplicada nas últimas autonómicas. ¿É posible recuperar algunha daquelas caras para a política municipal?

_É certo que o BNG na última asemblea nacional se decidiu por unha clara renovación dos seus cargos. Agora ben, nós nunca vimos ben que a renovación levara a facer táboa rasa porque os resultados da xente que se presentara anteriormente tampouco foron tan fortemente negativos e era o momento do achegamento ó Goberno, onde teriamos a necesidade de contar cun grupo parlamentario renovado pero tamén con elementos de experiencia que nos souberan conducir neste proceso. A decisión da dirección non foi por este camiño e nós, xa no seu momento, fixemos dentro do Bloque esta mesma análise que estou a facer agora fóra. Creo que o Bloque non pode abandonar a xente con prestixio, cunha traxectoria política na maior parte dos casos intachable. Entendemos que a estas persoas que quedaron fóra hai que volvelas ir integrando tanto a nivel organizativo como institucional. Pero dificilmente vai ser no mundo municipal debido a que eles tampouco teñen unhas características locais.

O PERFIL

Cintura política

Nacido en Noia no ano 1961 leva militando no BNG dende 1982. Membro do Consello Nacional do Bloque e número dous de Esquerda Nacionalista, é graduado social e diplomado en Maxisterio. Profesor no instituto Xelmírez I de Santigo, desempeñou entre outros cargos institucionais o de tenente alcalde de Noia entre 1987 e 1991. Xunto con Alberte Rodríguez Feixóo e Antonio Fernández Oca forman o núcleo duro dun partido para o que foron capaces de crear un perfil propio .

Tracking Pixel Contents