Rutas de enoturismo en España
As adegas, en moitos casos con apostas millonarias para a súa posta en marcha, estanse a multiplicar en todas e cada unha das áreas viñateiras

GH / Redacción
Redacción
En Galicia a cultura do viño ten unha fonda e arraigada tradición. Cinco denominacións de orixe, ben doadas de asociar a un territorio, son a nosa bandeira a prol da calidade.
As adegas, en moitos casos con apostas millonarias para a súa posta en marcha, estanse a multiplicar en todas e cada unha das áreas viñateiras.
E ademais, como especificidade propia, posuímos unha considerable variedade de paixases agrarias do viño: desde os emparrados das Rías Baixas ós socalcos da Ribeira Sacra, das chairas de Monterrei ás terrazas fluviais do Miño. Houbo, asemade, tentativas para definiren roteiros do viño nas Rías Baixas, no Ribeiro e na Ribeira Sacra, pero non acaban de callar por mor da dispersión, a dificultade de establecer itinerarios fáciles de seguir ou a escasa participación das adegas. Celebramos tamén festas de exaltación, algunhas tan consolidadas coma a do Albariño (Cambados) ou a do Ribeiro (Ribadavia). E incluso funciona un Museo Etnográfico e do Viño (Cambados), ó que pronto se vai sumar outro de carácter autonómico en Santo André de Camporredondo (O Ribeiro).
E abondan, por suposto, as enotecas, as tabernas nas que probar o viño do ano, os populares furanchos, os restaurantes con adegas ben surtidas, as tendas especializadas Con todo, o turismo enolóxico non acaba de consolidarse como tal, nin a contar cun tratamento específico por parte de Turgalicia, permanecendo ó xeito dun complemento doutras propostas globais.
De novo, polo que atingue ó complexo mundo do viño, Galicia dispón dunha serie de recursos que, a día de hoxe, se atopan infrau-
tilizados.
Os viños do Atlántico, unha peculiaridade que en España soamente ten parangón nos chacolís biscaíños e guipuscoanos, son coñecidos e apreciados alén do noso territorio, mesmo no plano internacional, pero non acaban de xerar unha cultura turística, a non ser entre minorías, á altura das que existen na Rioxa, Xerez, Ribera del Duero, Douro portugués, A Mancha, Somontano, Penedés, etc.
A hora de analizármo-las causas desta ausencia preguntámonos se terá algunha culpa o noso tradicional carácter individualista, que en moitos casos podería traducirse nunha reticencia a participarmos en proxectos colectivos nos que, non o esquezamos, os produtores (colleiteiros e adegas), teñen un papel principal.
Porén, parece máis ben que hai certa preguiza por parte dos organismos que, máis aló da iniciativa privada, deberían velar por este tipo de intereses: por unha parte os Consellos Reguladores das respectivas D.O., e pola outra as administracións públicas, sexan concellos, entes comarcais, provinciais ou autonómicos.
É certo que se teñen levado a cabo certas iniciativas, polo xeral pouco imaxinativas e inspiradas noutras foráneas, que nos permiten albiscar un horizonte prometedor. Delas imos falar agora, deténdonos especialmente nas posibilidades e posibles atrancos para a divulgación turística, en cada unha das zonas produtoras.
As festas do viño.
Nun país tan afervoado por todo tipo de celebración gastronómica na que, máis aló da pura exaltación e do comercio, inclúa a inxestión copiosa do produto en cuestión, non é de estrañar que as festas dedicadas ó viño se multiplicaran.
Esta circunstancia, de feito, é un dos principais problemas da actual promoción turística, pois o cliente pode acabar por confundir feiras e vilas con viños, e a proliferación esfarela o posible gancho dunha convocatoria única por D.O. ou, cando menos, comarca ou área produtora.
Este xeito divulgativo, por exemplo, promove o erro de confundi-la produción do Albariño co Salnés e mesmo coas Rías Baixas, D.O. que tamén abrangue outros caldos plurivarietais (Condado, Rosal) e tintos. Noutros lugares, así na Ribeira Sacra, a excesiva parcelación en leiras pouco doadas de delimitar xera incerteza entre as persoas que non coñezan ben o territorio.
En calquera caso, todo o mundo ten dereito de organiza-la súa festa, e ata o presente estas son as citas máis consolidadas:
Ribeira Sacra.
A Feira do Viño da Ribeira Sacra é convocada en Chantada a mediados de marzo. Organizada polo concello, é unha das máis temperás do calendario, e no seu día cambiou un título anteriormente referido ó viño de Chantada, unha das subzonas que compoñen a D.O.
Noutra das subáreas atópase debidamente consolidada, con máis de dúas décadas de celebracións, a Feira do Viño de Amandi. Protagoniza a devandita festa Sober, capital do concello e centro da subárea produtora de Amandi, na fin de semana coincidente co domingo de Ramos. No 2001 foi declarada de Interese Turístico, e máis de trinta adegas están presentes cos seus viños, sometidos a un concurso de cata con premios.
O sábado e domingo de Pascoa ten lugar a Feira do Viño de Quiroga, tamén de carácter municipal e con presenza de casetas das adegas e doutros produtos gastronómicos da comarca.
Rías Baixas.
Cambados, coa Festa do viño Albariño, encabeza en antigüidade (desde 1953, a segunda de España tras a de Xerez) e capacidade de convocatoria (máis de 140.000 visitantes cada ano) as feiras do viño galegas. Declarada de Interese Turístico Nacional, a celebración inclúe todo tipo de espectáculos para o público, pero tamén unha serie de ofertas ó redor do produto exaltado: presenza de casetas das adegas, catas e premios, degustacion colectiva, desfile do Capítulo Serenísimo do Albariño e nomemento dos novos membros etc.
Ribadumia, visto o protagonismo indiscutible de Cambados e mais a súa asociación co Albariño, especializouse nos tintos, pois en Barrantes conta cunha das maiores zonas produtoras da D.O. Deste xeito, nunha tradicional carballeira desta parroquia organiza, desde 1967, a Festa do Viño Tinto do Salnés. De acordo coa tónica habitual neste tipo de festas, hai pregón, actuacións folclóricas, verbenas e concurso de cata cos respectivos premios.
A Festa do Viño do Condado (Salvaterra do Miño), fixada a última fin de semana de agosto para aproveita-la presenza dos turistas foráneos, foi convocada por vez primeira en 1960. Os asistentes, aguilloados pola posibilidade de degustar de balde os viños desta subzona, acoden en gran número, e o certame conclúe coa concesión de premios ós viños Deliciosos.
De orixe serodia, para individualizar unha subzona con características propias, a Feira do Viño do Rosal tenta, desde 1993, abrirse un oco nos certames galegos deste tipo. Acolle o evento, que adoita ser organizado a penúltima semana do mes de xullo, a capital do concello. A festa é aproveitada para exaltar outros produtos deste vizoso val, así as conservas ou as flores dos seus invernadoiros.
O Ribeiro.
Asume todo o protagonismo, cunha contundencia pouco habitual, a histórica capital da comarca. A Festa do Viño do Ribeiro, que ten lugar a finais de abril ou principios de maio e foi declarada de Interese Turístico Nacional, é unha das celebracións máis coñecidas e mellor organizadas de Galicia, contando cun cobizoso programa de actos que van máis aló da mera exaltación do viño.
A un xénero até agora esquecido en Galicia, pero moi desenvolvido noutras comunidades españolas, pertence a Festa da Vendima de Leiro, que deste xeito vindica a súa existencia na comarca do Ribeiro. Co mesmo carácter naceu a Festa do Viño Novo de Meréns (outubro).
Valdeorras.
Unha das últimas festas en sumarse ó calendario galego é a Feira do Viño da Rúa, celebrada a mediados de agosto.
Museos, centros de interpretación e rutas do viño.
Por non estar moi claro quen é realmente o encargado de organizar este traballo de promoción, en moitas ocasións atopamos a casa, léase cada unha das D.O., sen varrer.
As iniciativas até agora correspondéronlles ós Consellos Reguladores e ós propios concellos, pero tamén hai incursións tímidas por parte dos Centros Comarcais, limitándose até agora as deputacións (a diferenza do que temos visto, por exemplo, en Valladolid), e maila Xunta, a subvencionar o que outros fan. Tamén é preciso lembrarmos que a miúdo adoita confundirse unha ruta do viño cunha mera ruta das adegas, cando a primeira debe por en xogo moitos máis elementos: paisaxe de viña, antigos centros produtores como mosteiros ou pazos, arquitectura tradicional do viño (por exemplo os vellos lagares), espazos vinculados ó seu comercio, aloxamentos próximos ás videiras ou que dalgún xeito participan neste proceso de exaltación, restaurantes con cartas de viños da comarca, tendas especializadas, etc.
Fixar unha ruta do viño, segundo o modelo creado hai décadas polos franceses, non presentaba maiores problemas técnicos e de investimentos. Trátase de contactar coas adegas, para establecer uns horarios de visita que cada empresa podería adubiar como quixera (acceso ós pagos, exposicións, vídeos, degustacions, tendas), sinalizar no terreo un roteiro base a poder ser de carácter circular, e contar un centro de referencia que podería atoparse na mesma sede do Consello Regulador, un museo, un centro comarcal ou nas propias oficinas de turismo.
Non obstante, como acontece cos trillos de sendeirismo, o problema non estriba tanto na posta en marcha deste operativo, senón nun compromiso para o mantemento dos contactos, o balizamento, a información actualizada, as páxinas de internet, a promoción en feiras de turismo, etc. De feito, e calquera pode facer a proba acudindo a unha oficina de turismo sita no territorio dalgunha das cinco denominacións de orixe, a posibilidade de realizarmos un itinerario do viño en Galicia non é fácil empresa, e que saibamos soamente a oficina de turismo de Ribadavia organiza de xeito periódico roteiros temáticos.
O Ribeiro, polo seu peso tradicional como principal área produtora do país (na actualidade superada por Rías Baixas), acolle as instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, creada en 1985, e tamén vai se-la sede do Museu do Viño de Galicia, superando así a testemuñal presenza que a enoloxía tiña no Museu Etnolóxico do Ribeiro, sito no núcleo vello de Ribadavia. O devandito Museu do Viño, para o que se reservara a espectacular reitoral de Santo André de Camporredondo, cedida polo bispado de Ourense e restaurada por unha escola obradoiro hai dez anos, era un compromiso da Consellería de Cultura, a mesma que dilapidou tantos soños na Cidade da Cultura, que non se acababa de concretar.
A fin, desde a Xunta acaban de adxudica-las obras cunha xenerosa partida que supera, en dous anos, o millón de euros. Desde este centro vaise ofrecer unha visión histórica e antropolóxica do cultivo e maila cultura do viño, prestando atención ás diversas áreas produtoras galegas e ós procesos de elaboración, distribución e consumo. No seu contorno contará cunha viña experimental que tamén poderá ser visitada.
Entre tanto o museu galego non é unha realidade, algúns xa tomaron a iniciativa con propostas que, con ser máis modestas, foron cubrindo este alarmante baleiro. Tal é o caso do Museo Etnográfico e do Viño de Cambados (visita, de martes a domingo de 10 a 14 h e 16.30 a 19.30 h.), unha iniciativa municipal desenvolvida nun moderno contedor próximo ás ruínas de Santa Mariña Dozo.
Este local, nunha forzada síntese, trata a historia do viño, da investigación vinícola e da viticultura nas Rías Baixas, amosando un lagar e unha pota para rematar co proceso de vinificación. Tamén integra unha sala de mostras temporais, unha composición escultórica exterior de Manolo Paz e unha biblioteca especializada.
En Arbo, vila Paradanta máis coñecida pola súa Festa da Lamprea, hai tamén un modesto Museo do Viño, instalado na antiga escola, que nos permite coñece-la produción artesanal dos caldos do Condado.
Outro dos elementos que fan atractiva unha ruta do viño é o da arquitectura das adegas. Sen chegarmos ós niveis de espectáculo vistos na Rioxa, Álava ou Navarra, en Galicia temos interesantes exemplos. Pódemonos gabar de varios pazos e quintas que contan con adegas, sobre todo na D.O. das Rías Baixas (o máis visitado, sen dúbida, é o de Fefiñáns, en Cambados), de mosteiros restaurados coa mesma fin (así o de Xagoaza, en Valdeorras), de atopar pegadas romanas nos alicerces doutras (tamén en Valdeorras), e por suposto de moitas adegas que, malia a súa nova planta, souberon integrarse á perfección na paisaxe (por exemplo a adega Algueira, en Doade, ou a Vía Romana, perto de Chantada).
Entre as que apostaron pola modernidade, benvida sexa, están as adegas Terra do Gargalo (de Roberto Verino, en Monterrei), Regina Viarum (tamén en Doade), Pazo de Vieite (Leiro), etc.
Pola súa banda, na que sería fase máis avanzada deste proceso de promoción, algunhas adegas incorporaron restaurantes e hoteis. Entre os casos máis destacados están Viña Meín (San Clodio) e Casal de Armán (Esposende), ambos os dous
no corazón do Ribeiro, a Casa da Capitana (no centro de Cambados), o Pazo Carrasqueira (Ribadumia), o Pazo e maila Casa Grande de Almuíña (Arbo), ou a Quinta do Ramo (Tomiño), na D.O. Rías Baixas. Outros moitos permanecen integrados nas rutas do viño por proximidade e vocación ¿Para cando unha rede de aloxamentos, sexan ou non de turismo rural, que teñan no viño a súa marca de identidade?
Unha vez máis, como se pode comprobar, Galicia vai atrasada respecto do que se fai noutros lares. No mundo do viño, desde logo, desaproveitamos un inmenso potencial para o noso turismo do interior, que podería achegar un grande valor á Ribeira Sacra (aquí como complemento doutros recursos), O Ribeiro e, sobre todo e pola ausencia doutros elementos identificativos, a Valdeorras.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- De boquete de 200 metros a destino turístico: Galicia entra en la nueva red de municipios del carbón
- Dos localidades gallegas se suman a la red de los Pueblos más Bonitos de España
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- Galicia también estará en el Mundial 2026: así es la canción con sello gallego que sonará en todos los partidos
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí