Unha historia de raqueiros nunha vila mariñeira galega
'O Burato do Inferno', unha edición de Faktoría K achega en imaxes unha narración sobre un pirata da terra arrepentido

cadernodacritica.wordpress.com / CARMEN FRANCO VÁZQUEZ USC
CARMEN FRANCO VÁZQUEZ USC
A colaboración entre os irmáns Trigo, José Manuel (1954) e Ramón (1965), deu como resultado en agosto de 2010 O Burato do Inferno, que comezou como o xerme dun guión de cinema. Está baseada nunha historia de raqueiros (piratas de terra) nunha vila mariñeira galega, A Guarda. Os protagonistas son Bieito, un raqueiro arrepentido que quere saldar as contas co seu pasado, e o seu fillo Xosé, que recibe o encargo de rectificar os actos cometidos polo pai.
Este libro preséntase nunha edición moi coidada. A cuberta achega moita información sobre o que nos espera no interior. Nun primeiro plano aparece un personaxe que amosa trazos inquietantes, con roupas escuras, sen barbear, cunha cicatriz debaixo dun ollo e esgrimindo un puñal. Está axexando nunha calella estreita, iluminada malamente pola luz dun farol, e ao fondo divísase o mar.
A expresividade das imaxes é suficiente na maioría do relato para seguir a narración dun xeito visual e só cando é imprescindible unha aclaración aparece o texto. Os personaxes da obra, debuxados con poucos detalles, amosan riqueza de emocións nos xestos e nas actitudes: fereza, odio, rancor, maldade, saña...
O deseño das viñetas varía en función das imaxes. Así, atópanse panorámicas nunha única viñeta, escenas de fero dinamismo en sucesivas viñetas verticais, viñetas horizontais que amosan un achegamento progresivo como se dun zoom se tratase, etc. Son unhas composicións que beben de fontes cinematográficas, que enriquecen as imaxes con picados e contrapicados, con escenas de planos sucesivos que suxiren movementos de cámara tipo traveling ou enfoques graduais ata un fragmento importante da escena. O tempo narrativo non é continuo, pois xógase coa liña temporal que vai desde o presente ao pasado, seguindo outro recurso cinematográfico, o flashback.
Cómpre salientar en O burato do inferno que a técnica elixida para estas ilustracións concorda moi ben coa narración, xa que a ausencia de cor e a riqueza de tons que se obteñen co lapis e co carbón conseguen crear unha atmosfera brumosa e chea de misterio. Deste xeito, como case toda a narración se desenvolve pola noite, os contrastes de branco e negro dos debuxos semellan a oposición entre a luz e a escuridade, o ben e o mal. Pola súa banda, o estilo expresivo empregado materialízase nos trazos oblicuos, enérxicos e vigorosos, que achegan moito dinamismo ás imaxes.
En definitiva, esta obra é un exemplo importante de narrativa visual na que se pon de manifesto a eficacia das imaxes para mergullarnos na historia dunha maneira directa e cunha riqueza de matices que se van descubrindo en lecturas sucesivas xa que a información que achega o libro non se esgota na primeira ollada. Así mesmo, correspóndese cunha interesante achega a unha temática escura e incómoda da Historia de Galicia.
carmen.franco@usc.es
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Entra en vigor el encierro de aves de corral en 40 concellos por la gripe aviar
- Mil docentes de colegios e institutos dejan las aulas gallegas este año
- Un nuevo temporal de viento y lluvia ya está a las puertas de Galicia: así será el tiempo los próximos días
- Alerta naranja en la provincia de A Coruña por el temporal