A Mesa acusa a Xunta de favorecer a "desaparición" do galego nas aulas

Denuncian que o 35 % dos centros de secundaria elixen libros de texto en castelán para as materias que se deberían impartir en galego

O presidente da Mesa pola Normalización lingüística, Marcos Maceira, xunto á autora do informe, Nuria Fociños, este luns en Santiago.

O presidente da Mesa pola Normalización lingüística, Marcos Maceira, xunto á autora do informe, Nuria Fociños, este luns en Santiago. / A Mesa

Axencias

O presidente da Mesa pola normalización, Marcos Maceira, denunciou este luns que a Xunta está a favorecer unha “desaparición paulatina” e “intencionada” do galego nas aulas.

Maceira presentou esta mañá en Santiago de Compostela o Informe sobre a presenza do galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio, no que a súa autora Nuria Fociños cuantifica “a desvantaxe” do galego trala implantación do denominado decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Esta norma, sostén o representante da Mesa, establecía a obrigatoriedade dunha evaluación oficial por parte do Goberno galego, pero ata o momento a Xunta non fixo o esforzo de "comprobar os seus efectos e introducir as melloras pertinentes".

“O Goberno leva 13 anos incumprindo sistematicamente algunha das partes do seu propio decreto" e mesmo a "requirimentos de organismos internacionais como o Consello de Europa ou o poñente especial da ONU para as minorías", segundo A Mesa que afirma que a Xunta se limita a ofrecer os datos que indica o decreto pero sen comprobalos.

O informe “constata que máis da metade dos centros públicos incumpren o requisito de ter un Plan Lingüístico de Centro publicado e actualizado”.

Este dato, segundo Maceiras, "demostra a falta de escrúpulos dos responsables políticos" da Consellería de Educación e da Xunta, que di que non dubidan en mentir publicamente.

Ademais, en base á información do documento, denuncian que o 35 % dos centros elixen libros de texto en castelán para as materias que se deberían impartir en galego.

Esta situación, sosteñen desde A Mesa, empeora nos centros que contan con Edixgal, o programa da Xunta de Galicia para libros de texto dixitais, e que son xa un 59 % do total.

Neles, a presenza e diversidade de materiais en castelán é moi superior ao galego, cando non é exclusiva, o que garante ao español un mínimo de 52 horas no conxunto da ESO (40,62 %) fronte ás 29 do galego (22,65 %) e as 16 de outras linguas (12,5 %).

Outro aspecto do decreto que se incumpre sistematicamente segundo apuntan na Mesa, é un plan de formación que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servizos de apoio teñen unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego, así como un coñecemento da situación sociolingüística de Galicia.

“Todo indica que esta política de eliminación paulatina de calquera presenza do galego nas aulas é intencionada e está perfectamente calculada. Non é que se incumpra unha parte dun decreto, é que se incumpren todos os elementos que garanten un mínimo para o galego", alertou o presidente da Mesa.