Foro Mulleres de Primeira: como sumar os homes ao feminismo?

Mulleres referentes reflexionan en EL CORREO GALLEGO sobre os "cambios nas masculinidades" imprescindibles para avanzar en igualdade

Mulleres de primeira. Mesa 1 / Javier Rosende Novo

Tralos avances que trouxo consigo o feminismo, é preciso non baixar a garda e seguir traballando con determinación a prol da equidade entre homes e mulleres, que deben ter os mesmos dereitos e as mesmas obrigas.

E nese camiño, é de extraordinaria importancia a sororidade, esa solidariedade entre mulleres que buscan o empoderamento colectivo para loitar contra a discriminación de xénero. Tecer redes e apoiarse nos equipos –como historicamente veñen facendo as mulleres– é unha vía para defender o conseguido nesa revolución global que é o feminismo e para ganar espazos nos ámbitos que aínda se resisten á presenza das mulleres.

“É preciso un cambio nas masculinidades. Que os homes entren na conciliación e dean un pequeniño paso atrás para que as mulleres poidan estar na vida pública”

Goretti Sanmartín

— Alcaldesa de Santiago

Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín / Jesús Prieto

Son algunhas das reflexións que se puxeron enriba da mesa no foro Mulleres de Primeira, organizado por EL CORREO GALLEGO co patrocinio do Concello de Santiago e que reuniu no Hotel Monumento San Francisco cinco mulleres de destacada traxectoria profesional, comprometidas cos valores feministas e que son referentes nos seus respectivos ámbitos: Goretti Sanmartín, alcaldesa compostelá; Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago; Begoña del Río, policía e coordinadora xefa de Protección Civil en Santiago; Charo Barca, presidenta e fundadora da Fundación Andrea, que axuda a familias con nenos que padecen enfermidades de longa duración, e Marga Tojo, escritora e comunicadora, que forma parte da directiva da asociación Xornalistas Galegas.

“Ninguén lle cuestiona a un home que acaba de ser pai que vaia de viaxe ou que traballe. A unha muller, si”

Begoña del Río

— Coordinadora xefa de Protección Civil de Santiago

Begoña del Río

Begoña del Río / Jesús Prieto

As cinco botaron man das súas propias experiencias sobre as persoas –tanto mulleres e homes– que foron referentes nas súas vidas ou sobre os momentos en que tomaron conciencia de que non existía una igualdade plena entre mulleres e homes. No caso da alcaldesa de Santiago, ese momento definitorio chegou na secundaria, cando se decatou que había profesores que se permitían bromas de mal gusto coas súas alumnas –chegou a ser expulsada da clase por non rirlle as grazas a un deses docentes–.

Hoxe, o mundo é outro, pero quedan aínda, como subliña Goretti Sanmartín, moitas discriminacións que pesan sobre as mulleres e que se fan patentes ao ver o mundo con eses lentes violetas dos que fala a escritora Gemma Lienas no seu libro O diario violeta de Carlota e que é unha invitación a observar o que sucede ao noso redor desde unha perspectiva crítica de xénero.

“Hai un avance no plano performativo, con homes que si gozan da familia, pero no plano real o atraso é enorme”

Marga Tojo

— Escritora e comunicadora

Marga Tojo

Marga Tojo / Jesús Prieto

Pero, que se pode facer para avanzar cara un mundo máis xusto coas mulleres? A rexedora incide en que unha das claves está na educación. “Ten que haber máis contidos transversais de igualdade en todo o sistema educativo”, sinala.

Ademais diso, Goretti Sanmartín cre “necesario” un “cambio” nas masculinidades. “As mulleres xa chegamos a todos os sitios, pero é certo que na política o perfil das que ocupan a cargos de relevancia adoita ser o de mulleres sen cargas familiares, nin fillos e fillas nin pais e nais, ou que xa teñen unha determinada idade”, sinala. Agora, o que queda, prosegue, é que os homes vaian a un “novo modelo de estar na vida”, no que aprendan a gozar da familia e poidan dar “un pequeniño paso atrás para deixar que sexan as mulleres as que dean o paso adiante para poder estar na vida pública e profesional”.

“Dáse por feito que somos as mulleres as que temos que asumir os coidados. Temos que cambiar a perspectiva”

Charo Barca

— Presidenta da Fundación Andrea

Charo Barca

Charo Barca / Jesús Prieto

As mulleres participantes no foro concordan con Sanmartín en que unha das materias pendentes da sociedade actual é a plena incorporación dos homes ao mundo dos coidados. “Dáse por feito que somos as mulleres as que temos que facernos cargo de todo e asumímolo como algo natural”, apunta Charo Barca, lembrando a súa propia experiencia cando a súa filla Andrea –falecida en 2003 aos oito anos– naceu con parálise cerebral. “Adoitamos levar ese peso, pensar que se non o facemos nós ninguén vai ser quen de facelo, e é un cambio que temos que adoptar”, sostén.

Para Marga Tojo, as novas masculinidades estanse introducindo “timidamente” na sociedade e si que percibe un avance “no plano performativo”, con homes que son “máis afectivos e que se permiten gozar da vida familiar”. Non obstante, no plano real, “o das relacións de poder”, a comunicadora cre que hai “un atraso enorme”.

“Temos que saber detectar os homes eclipse e os homes explicadores que son expertos en poñer o foco sobre eles”

Elena Vázquez Cendón

— Decana de Matemáticas na USC

Elena Vázquez Cendón

Elena Vázquez Cendón / Jesús Prieto

E é que, como apunta Begoña del Río, “ninguén lle cuestiona a un home que acaba de ser pai que vaia traballar ou de viaxe. A unha nai, si”. “Cuestiónase todo, o que fas e o que non fas”, abonda Marga Tojo.

Pero ese foco crítico tamén está posto sobre as mulleres que non so nais. “Non se cuestiona que un home sexa pai ou non”, afirma Elena Vázquez Cendón. “Pero hai un momento do currículo no que o que che preguntan é:cando casas? cando tes fillos? A carreira, o doutoramento é o de menos. Parece que ao final tes que estar dando explicacións sobre por que non es nai”, subliña.

Condutas “do pasado” ante aos avances do feminismo

As participantes no foro Mulleres de Primeira organizado por EL CORREO GALLEGO concordan en percibir en certos sectores unha volta a mensaxes reaccionarios e negacionistas respecto da discriminación cara a muller en moitos ámbitos. Como explica Marga Tojo, se ben o feminismo é un movemento “maduro, estable e con máis de 300 anos de historia”, é “novidoso” o status de “hexemonía” que ten na actualidade, e é precisamente ese avance o que, ao seu xuízo, suscita unha “reacción” que se percibe, por exemplo, no ascenso dos partidos de extrema dereita.

Neste aspecto detense tamén a empresaria Charo Barca, á que lle preocupa que eses avances acadados polo feminismo acaben por dar lugar a unha polarización entre as posicións que uns e outros bandos adoptan ao contemplar eses logros de moitos anos. “Hai que atopar un equilibrio para que nese dereito que temos as mulleres a estar presentes en todos ámbitos: política, empresariado, universidade, medios de comunicación... se poñan en valor as nosas capacidades e non o noso xénero”, apunta.

Un momento do foro Mulleres de Primeira, organizado por EL CORREO GALLEGO en colaboración con el Concello de Santiago

Un momento do foro Mulleres de Primeira, organizado por EL CORREO GALLEGO en colaboración con el Concello de Santiago / Jesús Prieto

No foro tamén se fixo fincapé na importancia de traballar coa xente moza e de prestar atención a micromachismos e actitudes alarmantes que se detectan nos centros de ensino. “É preocupante que xente nova con acceso á información siga tolerando que lle controlen o móbil e lle digan como ten que vestir ou, indo máis alá, que se produzan agresións sexuais de menores a menores”, sinala Begoña del Río. Ao respecto, incide en que é fundamental educar os fillos homes no respecto ás mulleres e aos colectivos LGTBI. “Hai algo que falla e que non estamos a facer ben”, lamenta.

Na cuestión educacional incide tamén Charo Barca, que recoñece que, se ben sempre intentou facer o exercicio de criar en igualdade os seus fillos, un home e unha muller, descubriuse a si mesma en moitos momentos relacionando máis as cuestións vencelladas á educación emocional coa filla que co fillo, algo que tenta “modificar”. “Hai que seguir traballando para conseguir ese equilibrio educacional, que as oportunidades sexan as mesmas para nenas e nenos”, afirma.

Homes "eclipse" e "explicadores"

Outro micromachismo sobre o que alerta a profesora Vázquez Cendón é o que ten que ver coas persoas “eclipse”, que ocupan o foco principal a costa do espazo que lle corresponde a unha muller. “É algo que case todas sufrimos algunha vez. Ti lanzas unha idea, hai señores que non se apuntan a ela, pero, pasados dous ou tres minutos, hai un que a recupera como se fora súa. E ti pensas: que mal o debín de explicar eu”, di a decana de Matemáticas, que pide “tino” para saber detectar os homes “eclipse” e os homes “explicadores”.

Ao mesmo tempo, a profesora Vázquez Cendón considera necesario “activar” as visibilidades na esfera do público. “Se hai que coller unha vasoira, parece que nacemos con unha debaixo do brazo. Pero no liderado cústanos levantar a man”, argumenta. “Estas cotas de poder que acadaron moitas mulleres foron froito de moitos equipos e redes de mulleres, onde tamén había homes que apostaron por elas ou que non fixeron de lastre”, sinala, para lembrar que ese poder que se conquistou pódese perder “decontado”.

Os equipos e a solidariedade entre mulleres é, para Marga Tojo, unha das claves das que debe botar man o feminismo para seguir conquistando os espazos que lles corresponden ás mulleres. Tamén cre necesario dotar as novas xeracións de autoestima e responder cunha narrativa “baseada nos afectos e no amor” ás narrativas “dos youtubers misóxinos e violentos, que, a través das plataformas e as redes sociais, entran acotío nas nosas casas”.

Unha solidariedade entre mulleres que tamén defende Begoña del Río. “Fronte ás estratexias de ‘divide e vencerás’, hai unha realidade que demostra que as mulleres traballan perfectamente xuntas e en equipo”, salienta. A coordinadora xefa de Protección Civil en Santiago engade que é necesario contar coa complicidade masculina. “Os homes teñen que ir da man connosco”, sostén.

E todo isto, di Elena Vázquez Cendón, aprendendo a normalizar que as mulleres “non somos perfectas” e que se sacan valiosas leccións das cousas que se podían ter feito doutra maneira. “Ese perfeccionismo tamén é un lastre para as mozas”, zanxa a decana de Matemáticas