FORO MULLERES DE PRIMEIRA - VEGALSA EROSKI
A igualdade require a firme ruptura do teito de cristal, sen medo ao mando das mulleres
As participantes no foro Mulleres de Primeira, organizado por EL CORREO GALLEGO e co patrocinio de Vegalsa-Eroski, homenaxean e poñen en valor o camiño aberto polas “nosas avoas”, un esforzo indispensable

O foro Mulleres de Primeira, que foi organizado por EL CORREO GALLEGO co patrocinio de Vegalsa-Eroski, analizou as grandes cuestións que preocupan hoxe ao feminismo, como a igualdade, a corresponsabilidade, a coeducación, o teito de cristal e demais importantes temas que van relacionados, nunha mesa redonda onde participaron Carmen Rodríguez, vicepresidenta de CLUN, presidenta de Mulleres de Seu, presidenta de AGACA, vicepresidenta de FOROESGAL e gandeira; María Paz Gutiérrez, licenciada en Ciencias Políticas, directora de Solidariedade Internacional de Galicia e presidenta da Coordinadora Galega de ONGD; Rosaura Leis Trabazo, catedrática de universidade e vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica, e Celia Herbón Dieste, bateeira e vicepresidenta de Mulleres Salgadas.
O foro, con todo, principiou coa intervención de Gabriela González Márquez, directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporavita de Vegalsa-Eroski, que relatou a súa experiencia persoal en relación ás trabas que tivo que enfrontar profesionalmente polo feito de ser muller. “Cando entras nun comité de dirección –comezou– onde só tes unha compañeira muller de 16 membros, penso que hai dúas formas de enfrentarte a esta realidade, ou masculinizarte e perder a túa esencia como muller para integrarte dentro do comité ou simplemente defender o teu ser, a túa esencia. Eu tiveno claro desde o primeiro día e penso que iso tamén axuda ás compañeiras que van entrando despois”.
“Penso que non temos que deixar de ser nós para estar nunha empresa onde a maioría é verdade que son homes. É verdade que no noso sector o 80% das responsables das tendas son mulleres, pero cando imos subindo si hai ese teito de cristal. Do mesmo xeito, tamén se está vendo que hai unha evolución na sociedade e tamén hai un relevo xeracional, e si vemos que agora cambiaron moito as cousas”, proseguiu.

Un momento da charla organizada por EL CORREO GALLEGO / xosé ramón r. iglesias
A directiva de Vegalsa-Eroski, así a todo, valorou os cambios que se están levando a cabo no mundo empresarial: “Partindo da educación, da cultura, estamos en igualdade de posibilidades ante un posto, ante unha promoción que pode haber internamente. Isto é bo. Penso que isto se está vendo agora e aínda tardará uns anos en verse nos comités, nas xuntas, nos consellos de dirección. Pero si que este movimento está en marcha”. Gabriela González tamén destacou que “a muller non ten medo a un posto de responsabilidade”.
A seguinte en tomar a palabra foi a catedrática en Pediatría Rosaura Leis, que fixo un recoñecemento “a nosas avoas, aquelas avoas, como a miña, que sacaban esa luz apoiándose nos seus pequenos logros. Seguramente, grazas a todas elas estamos hoxe aquí, avanzando moito”.
“Eu tampouco podo deixar de nomear a miña avoa”, tomou o relevo Carmen Rodríguez, vicepresidenta de CLUN, quen recordou que veu do mundo do cooperativismo de Feiraco, agora CLUN. “Madre mía, se voltamos a vista atrás, coa historia que temos... Miña avoa era viúva, mutilada de guerra e tiña tres fillas... Estaba nunha casa que non era a súa, porque casou co meu avó e meu avó faleceu na guerra. Que máis referente teño eu que a miña avoa e miña nai? Miña avoa foi fundadora de Feiraco”, lembrou con visible emoción.
“Imaxinade –continuou– naqueles tempos a unha muller nun ámbito totalmente masculinizado, de cooperativas... Tivo ese empuxe. Para min é un orgullo”. “Dela tirei moitas leccións para a vida, naquela sociedade, nunha casa que non era a súa, lidiar con todas estas cousas. E logo a historia repítese un pouco, pois miña nai casa e quédase soa na casa, eran tempos complicados e meu pai emigra a Suiza. Volve ser a figura da muller, miña nai, a que nos saca adiante aos catro irmáns”, describe en homenaxe a súas proxenitoras.
Pola súa banda, María Paz Gutiérrez, de Solidariedade Internacional de Galicia, ao fío das avoas mencionadas citou as feministas latinoamericanas como referentes neste ámbito porque “son moi de colectivos”. Asi, mencionou a María Galindo, representante do colectivo boliviano Mujeres Creando, que “fala dos feminismos intuitivos, eses que non están na academia nin no streaming, eses que non obedecen a políticas públicas, senón aqueles que cada muller, como as nosas avoas e as nosas nais, o desenvolve de xeito intuitivo enfrontándose a retos”.
Celia Herbón Dieste, bateeira, tras explicar que a súa vida transcorreu sempre no mar, reivindicou o traballo das mulleres neste ámbito. “As mulleres no mar, na batea en concreto, nacemos cando as bateas. A man de obra era totalmente feminina. E en todas as tarefas do mar vin mulleres cobrando menos que os homes co mesmo traballo”, afirmou.
Todas as participantes coincidiron en mirar atrás para louvar a súas devancerias e a un futuro onde se rachen todos os teitos de cristal.
Seguir avanzando coa implicación dos homes, co bo uso das redes sociais e cos liderados colectivos
A gandeira Carmen Rodríguez, vicepresidenta de CLUN, presidenta de Mulleres de Seu, presidenta da Asociación Gallega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e vicepresidenta de FOROESGAL relatou unha anécdota moi indicativa da postergación que sufriu a muller ata hai ben pouco nos eidos profesionais e máis concretamente no seu ámbito, o gandeiro: “A nós facianos cursiños de formación, por exemplo de calidad do leite ou técnicas de muxir, e quen viña á formación? Todos os maridos, todos os homes. E sabedes quen muxía na casa normalmente? As mulleres”. “E había que mediar –continuou– para que poideran vir as mulleres, porque os homes dicían ‘logo xa lles explicamos nós na casa’. Pero que lle ían explicar se ese traballo xa o facían as mulleres todos os días!”. Saltando do mundo do lácteo ao do mar, a testemuña da bateeira Celia Herbón ilustra tamen as dificultades do universo feminino nese eido: “Hai confradías onde o voto dun home conta polo de catro mulleres. Este é un dato”.
A pediatra Rosaura Leis, pola súa parte, introduciu o tema da implicación dos homes na loita pola igualdade, xa que “é importante que as mulleres se agrupen e formen equipos, pero tamén o é que neses equipos se metan aos homes”. E para clarificar aínda máis esta proposta puxo o exemplo persoal dun dos seus mestres: “Eu quero reivindicar aquí que nestes momentos hai unha escola infantil no hospital que permite conciliar a vida de moitas das mulleres que estamos no hospital e todo foi por unha idea do profesor Rafael Tojo. Quero poñelo de exemplo”.
Rosaura Leis insistiu na necesidade de integrar nos movementos a prol da igualdade “a todas as persoas que cren nos mesmos dereitos”. A catedrática da USC tamén destacou o tema da corresponsabilidade nas tarefas domésticas e, sobre todo, no coidado da familia. “Eu recoñezo que son das persoas ás que lles custa delegar”, admitiu, aínda que considerou imprescindible saber pasar de non querer delegar a dicir “que ben o fixeches”. “Cando falamos da educación en igualdade, sen nengunha dúbida, falamos da materia transversal máis importante, nas escolas, nas casas, nas redes sociais e na sociedade en xeral, é a materia máis importante”, dixo.
Sobre o papel que deben adoptar os medios de comunicación neste tema, todas as participantes no foro consideraron que é esencial para que a sociedade camiñe pola senda correcta e transformadora en pos da igualdade que “as mensaxes que emitan sexan as adecuadas”.
E sobre o futuro que nos espera, a presidenta de AGACA, Carmen Rodríguez, estimou que “estamos nunha xeración que ten a responsabilidade de servir un pouco de espello ás futuras. Por que hai tanta fuxida de talento feminino? Xente moza superpreparada que vai desenvolver o seu proxecto de vida a outros lugares e non se queda aquí. Temos que darlle as ferramentas necesarias para que teñan calidade de vida aquí”.
“A educación e a formación son fundamentais e é importante que asumamos que non só se da na escola, porque tendemos a unha delegación excesiva sobre un profesorado esgotado nos ámbitos da educación infantil, primaria e secundaria. A educación é un proceso de construción que nos concerne a todos. E unha responsabilidade social e aí temos un reto grande”, considerou a directora de Solidariedade Internacional de Galicia, María Paz. Sobre as redes sociais, a súa idea é que “nos ten sobrepasados a todos e a todas e facemos referencia á que a mocidade non sabe facer uso delas, pero eu tampouco. Temos que ser quen de convertir o gran potencial das redes sociais nun elemento a favor do feminismo, a favor das nosas loitas, igual que o está a ser agora no sentido contrario. Imos ver se somos capaces de revertir esa tendencia e lonxe do autoritarismo que está a acontecer somos quen de ampliar dereitos”.
María Paz tamén recalcou a necesidade que ten a muller de avanzar como colectividade, fuxindo de grandes liderados individuais, xa que “ninguén ten que asumir tanto peso sobre as súas costas. Lideremos colectivamente”. Un concepto este dos liderados comunitarios en que incidiu tamén a directiva de Mulleres Salgadas, Celia Herbón, aludindo a súa propia asociación, na que “ninguén é máis importante que ninguén por moito cargo que ocupe”.
- La historia de Pablo Agrafojo Pedrosa, cantante de la Orquesta Capitol que cambió el taller por la verbena
- Netflix regresa a Galicia con la serie que acerca la historia real de la narcotraficante detrás del mayor alijo de cocaína incautado en los 90
- Cambio brusco del tiempo en Galicia: las tormentas pondrán fin al calor este jueves
- De una punta a otra de España en tiempo récord: tres radares de Tráfico cazan al mismo conductor en Galicia, Zamora y Jaén más de 200 kilómetros por hora
- Burger King cancela su colaboración con el gallego El Xocas: 'Sus declaraciones no representan los valores que defendemos
- Adiós a Pinta, Linda, Chula y Beyoncé: la tradición de poner nombre a las vacas se extingue en Galicia
- Renfe permitirá viajar con perros de hasta 40 kilos en sus trenes de Galicia desde el 21 de julio: en ventanilla, con correa corta y bozal
- Muere a los 66 años el santiagués Javier López Iglesias, secretario de Organización del sindicato Unións Agrarias
