Crean unha base de datos para favorecer a remuda xeracional nas explotacións lácteas galegas
Smart Farm Saving, un proxecto de Unións Agrarias (UUAA), prevé facilitar que os gandeiros que queiran xubilarse atopen a quen ceder a titularidade da súa granxa

Gandeiro galego nunha granxa de leite / Bernabé / Javier Lalín
Javier Ramos
Dende a fin das cotas lácteas, no ano 2015, Galicia ten perdido preto de 4.000 explotacións de gando vacún de leite. Das 9.500 rexistradas naquel entón só quedan hoxe na comunidade unhas 5.500, cifra que diminúe a un ritmo próximo ás 400 granxas pechadas cada ano.
Son as cifras presentadas polo sindicato Unións Agrarias para defender a importancia do seu novo proxecto, Smart Farm Saving, creado coa intención de facilitar a remuda xeracional no lácteo galego, onde a gran maioría de propietarios de explotacións é de idade avanzada. Segundo UUAA, dous terzos dos responsables da produción de leite son maiores de 55 anos, un feito que dificulta a supervivencia das explotacións cando chega a hora da xubilación.
Tradicionalmente ligadas á economía de autoconsumo e subsistencia, moitas destas granxas familiares pechan cando ningún dos descendentes dos propietarios se quere facer cargo do negocio. Centos de hectáreas de superficie agraria útil que deixan de ter uso ano tras ano.
Por este motivo, a nova ferramenta desenvolvida por Unións Agrarias prevé medidas para paliar esta dinámica. Smart Farm Saving é o nome da iniciativa dedicada a crear unha base de datos de explotacións con propietarios próximos a idade de xubilación, catro ou cinco anos antes de que esta se produza. Tamén se recollen e se teñen en contra outros parámetros importantes, como a dimensión e superficie das explotacións, a súa ubicación e o seu estado actual en canto a tecnoloxías e adaptación á normativa do sector. Todos estes parámetros son facilitados ás persoas interesadas en asumir un destes negocios e que -de acordo co exposto por UUAA- amosan habitualmente a súa disposición a facerse cargo destas explotacións.
O responsable do sector lácteo en Unións Agrarias, Óscar Pose, manifestou que, nas oficinas do sindicato, son frecuentes as chamadas e as visitas de xente interesada en asumir a titularidade de granxas de leite, tanto procedentes de Galicia como doutras partes de España e mesmo do estranxeiro. Con este novo programa, que aínda se está a pór en marcha coa fase de recolección de datos e que prevé estar en pleno funcionamento no ano 2026, a organización sindical tentará evitar que as explotacións lácteas deixen de funcionar pola falta de remuda xeracional, porque -constatou Pose- as granxas que cesan a súa actividade rara vez volven funcionar.
Este proxecto de UUAA tamén prevé un período de convivencia dos antigos propietarios cos interesados en asumir a titularidade das granxas nos anos posteriores, de modo que poidan coñecer de primeira man o estado das explotacións e observar o seu funcionamento.
Para un “rural vivo”, agregou Pose, fai falta que existan “explotacións produtivas e viables”, polo que considerou fundamental “incidir antes de que pechen” estas granxas e asegurar a súa actividade a futuro.
O voceiro de Unións Agrarias para asuntos lácteos tamén comentou a inminente renovación dos contratos de venda de leite por parte de produtores a empresas en Galicia. A este respecto, denunciou que hai unha “imposición total de todas as condicións” por parte da industria, que non lles deixa marxe aos gandeiros a negociar mentres se fai ver que existe unha “suposta negociación”. “Non se está negociando”, criticou Pose, que, sen concretar as condicións ideais de duración e prezo destes contratos, aprezou que o importante é que sirvan para darlle “estabilidade” real ao sector e garantir condicións dignas e viables para os produtores.
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- Galicia también estará en el Mundial 2026: así es la canción con sello gallego que sonará en todos los partidos
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí
- De construcción más alta de Europa a reclamo turístico: avanza la protección de la chimenea de As Pontes
- Gallegos en una Venezuela al borde de la guerra: 'Ni Europa ni la oposición acabarán con el chavismo. Solo Trump
- Así quiere la Xunta incentivar la caza del jabalí ante la peste porcina africana
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra

