Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

25 de xullo

Pontón celebra o Día da Patria destacando o crecemento do BNG: “Imos seguir facendo historia”

“Demostramos que non temos límites, nin teito”, afirmou ante os numerosos militantes presentes na Praza da Quintana

Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Santiago

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, aproveitou a multitudinaria celebración do Día da Patria en Santiago de Compostela para destacar o momento que vive o partido. Pontón subliñou que o BNG está a facer historia ao converterse na "alternativa real" ao Partido Popular (PP) en Galicia: “Demostramos que non temos límites, nin teito”.

No seu discurso, Pontón resaltou o éxito sen precedentes acadado nas eleccións galegas, cualificando o ano político coma "o máis intenso das últimas décadas". O BNG emerxeu como unha "clara forza gañadora", grazas a unha implantación social e a uns resultados electorais que, segundo a líder nacionalista, "hai uns meses, só as máis optimistas podiamos soñar".

Celebración do Día da Patria este 25 de xullo na Quintana de Santiago

Celebración do Día da Patria este 25 de xullo na Quintana de Santiago / Jesús Prieto

Pontón enfatizou que a confianza nas capacidades do pobo galego e o entusiasmo por un futuro mellor para Galicia foron claves para acadar os mellores resultados da historia do partido. “O auxe do BNG responde a unha tendencia de fondo sólida e potente”, asegurou, e chamou á militancia a consolidar este avance, destacando a "conciencia de País e amor polo noso".

Desde a renovación política do BNG en 2016, o partido, segundo Pontón, segue a defender os principios nacionalistas sen renunciar ás súas bases. Este cambio converteu o Bloque na segunda forza electoral de Galicia e, segundo a portavoz, na "primeira forza en incidencia política e social", defendendo os intereses galegos tanto en Galicia, en Bruxelas, da man da eurodeputada Ana Miranda, como en Madrid, a través do deputado Néstor Rego e da senadora Carme de Silva.

Pontón tamén denunciou o goberno do presidente Alfonso Rueda, acusándoo de antepoñer os intereses das multinacionais aos de Galicia. Criticou op residente da Xunta por actuar como "axente comercial da portuguesa Altri", un proxecto que segundo ela, ameaza con contaminar a terra e o mar galegos. Frente a isto, destacou o compromiso do BNG coa defensa do medio ambiente e os dereitos dos galegos e galegas, como xa fixeron con proxectos como ENCE ou a mina de Touro.

A líder nacionalista tamén se referiu aos retos que enfronta Galicia, como o financiamento autonómico, a crise demográfica e a fuga de talento, acusando ao goberno do PP de debilitar a posición negociadora de Galicia ante o Estado. “Esa é a realidade que non se ve nunha televisión pública convertida en TelePP”, criticou Pontón.

Pontón rematou o seu discurso convidando á militancia a seguir traballando con entusiasmo por Galicia

Pontón rematou o seu discurso convidando á militancia a seguir traballando con entusiasmo por Galicia / Jesús Prieto

No ámbito internacional, Pontón destacou a importancia de construír a paz nun contexto global convulso, facendo un chamamento á solidariedade e ao antiimperialismo. Expresou a súa preocupación polos conflitos en lugares como Gaza, Iemen, Ucraína e Palestina, reclamando unha resposta contundente de Europa.

Pontón rematou o seu discurso convidando á militancia a seguir traballando con entusiasmo por Galicia: “Somos parte dunha enerxía colectiva que non ten límites, unidas por unha causa común que é Galiza, un gran país cun gran futuro por gañar”, proclamou.

Tracking Pixel Contents