Un total de 225 alumnos de Nós Oposicións acadaron praza de Educación este ano
O centro de preparación, fundado hai 20 anos, incorpora este curso un novo equipo na especialidade de Bioloxía e Xeoloxía, a especialidade de Inglés para Escola Oficial de Idiomas e a de Debuxo Técnico

Alumnos de Nós Oposicións, dunha das aulas / Nacho Romero
B.C.
Nós Oposicións, academia de preparación fundada hai vinte anos e que conta con sedes na Coruña, Vigo, Santiago e Lugo prepárase para un novo curso que vén cheo de novidades. Os resultados, polo momento, avalan os seus métodos: dende a empresa sinalan que, nas recentes oposicións de Educación do 2024, un total de 225 alumnos de Nós obtiveron unha praza, e houbo especialidades, engaden, nas que máis do 60% das prazas foron obtidas por alumnado Nós. Estes datos obxectivos "dan boa conta do éxito do método de preparación que seguimos en Nós Oposicións", explican. Dende a empresa, porén, afástanse da autocomplacencia e manifestan que todo proceso formativo precisa "dunha mellora continua", polo que introducirán, de cara ao vindeiro curso, novas propostas para seguir mellorando o método.
Novidades para o novo curso
Entre as novas incorporacións aos programas, no ámbito de Educación incluirase un novo equipo para a preparación na especialidade de Bioloxía e Xeoloxía, a preparación da especialidade de Inglés para Escola Oficial de Idiomas, a de Debuxo Técnico e a ampliación de novas especialidades aos centros de Santiago e Lugo. Outra das novidades de cara ao novo curso será o inicio do grupo de preparación a nivel de Estado da especialidade de Física e Química, na que vai a ser a súa primeira incursión na preparación a nivel de toda España.
No ámbito das oposicións para a Xunta de Galicia, son de recente creación os grupos A1 que Nós prepara, conxuntamente, coa categoria A2. Do mesmo xeito, tamén ofrecen clases de preparación para grupo C2, Educación Social, Orientación Laboral ou técnicos de Educación Infantil, onde en outubro vanse poñer en funcionamento grupos intensivos de preparación de cara aos exames previstos para marzo de 2025.
No ámbito do SERGAS, en setembro volve a preparación dos grupos de Laboratorio e Traballo Social e está previsto o inicio de distintos grupos de Enfermaría. A academia adianta que permanece á espera de que, "cara finais de ano" se dean a coñecer as Ofertas publicas de emprego, tanto da Xunta como do SERGAS, que de seguro traerán consigo a preparación de novas especialidades, valoran.

Instalacións de Nós Oposicións, na praza da fábrica de Tabacos / Nacho Romero
Equipos docentes e especialidades
"Todo proxecto formativo que busque o éxito e a permanencia debe asentarse nun equipo docente de solvencia e con experiencia", comentan dende Nós Oposicións, que conta, ilustran, cun equipo con ampla experiencia no ámbito da preparación de opositores, que cada curso se amplía con novas incorporacións.
"Un dos maiores éxitos para nós é poder afirmar que gran parte deses docentes que nos acompañaron no inicio seguen na actualidade con Nós, e á súa vez, moitos dos que foron alumnos e alumnas nosas agora forman parte do equipo de preparación", engaden. A percepción de cercanía e proximidade que ofrece o Proxecto Nós Oposicións é un dos rasgos distintivos do centro de formación.
Nos primeiros anos, o centro enfocaba as preparacións nunhas poucas especialidades de Educación e Sanidade. Co paso do tempo, estas foron aumentando ata abarcar no momento actual todas as especialidades de mestres a meirande parte das de Secundaria. En Sanidade, pasaron de preparar Enfermaría a facelo en máis de 15 especialidades, e, dende o ano 2014, preparan tamén procesos selectivos da Xunta. No 2018 deron comezo á preparación das oposicións do ámbito dos Corpos e Forzas de Seguridade, nomeadamente Policía Nacional e Policía Local.

Aula de Nós Oposicións / Nacho Romero
Oferta flexible
"En Nós buscamos ofrecer unha formación flexible en entornos ben acondicionados", avanzan. Con esa premisa, ao longo dos últimos anos o centro acometeu un significativo proceso de transformación das instalacións, e emprendeu asimesmo un proceso de transformación dixital de todas aulas e dos propios procesos de preparación, de tal xeito que no momento actual calquera persoa pode levar a cabo unha preparación dende calquera parte do mundo a través da aula virtual.
"O obxectivo fundamental que nos moveu dende o primeiro momento foi ofrecer unha formación de garantías ao alumnado que o capacite para obter unha praza na administración pública, todo guiado sempre polo principio da transparencia", manifestan. En cada unha das formacións que se imparten, o opositor ou opositora dispón de dúas clases de proba para que valore se a formación que se lle ofrece dende o centro se axusta ás súas necesidades ou esixencias. En caso negativo, pode abandonar a formación sen custe.
Os profesionais da academia brindan acompañamento ao alumno dende que comeza a preparación ata que remata o proceso selectivo, tanto por parte do equipo de administración como por parte dos equipos docentes que están presentes ao longo dos exames para solventar calquera dúbida ou necesidade razoable.
Consellos para empezar
Dende Nós Oposicións advirten de que preparar unha oposición "é un proceso complexo e longo" para o cal hai que estar "comprometido e concienciado". Por iso, sinalan que é fundamental, antes de tomar unha decisión, recabar información das distintas opcións que existen acordes á titulación, ao tempo do que se dispón e do xeito de estudar. A academia recomenda solicitar información en distintos centros e comparar para decidir a que mellor se axuste ás necesidades de cada quen.
"Para que o proceso de preparación sexa exitoso non podemos deixar de mencionar a outro piar fundamental: o equipo de administración, que son os que fan posible que todo encaixe e se desenvolva eficazmente", recoñecen. Un feito que, aseguran, calquera opositor que teña tido contacto con Nós Oposicións poderá confirmar.
"Preparar unha oposición é unha tarefa difícil, pero con traballo, esforzo e a guía e o acompañamento axeitado máis cedo que tarde o éxito chega e ese instante permanecerá inesquecible na memoria de cada persoa", animan.