Foro El Correo Gallego | Desenvolvemento local participativo: os GALP
Os GALP logran acelerar a transformación socioeconómica da costa máis alá da pesca
Logo de máis dunha década inxectando fondos para dinamizar o litoral, a Consellería do Mar considera o traballo dos Grupos de Acción Local de Pesca fundamental na súa nova estratexia de Economía Azul de aquí a 2027

A nova estratexia de Economía Azul aprobada pola Xunta este mesmo mes contempla máis de 114 millóns de euros ata 2027 para poñer o mar galego no epicentro das políticas económicas e sociais de Galicia. Trátase de consolidar o sector pesqueiro galego como líder nacional e europeo, pero non só iso, senón tamén diversificar a economía costeira a través do turismo, a defensa da biodiversidade ou o coidado do patrimonio. Un eixo de actuación no que xogan un papel fundamental os Grupos de Acción Local de Pesca (GALP), xa que levan preto de 15 anos facendo precisamente iso:transformar e dinamizar a costa.
“En Galicia, desde a Consellería do Mar levamos facendo este traballo de desenvolvemento das comunidades costeiras durante moitísimos anos”, explica Marta Villaverde, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, nun foro organizado por EL CORREO GALLEGO sobre o papel das Estratexias Locais de Desenvolvemento Participativo (ELDP). Ela mesma admite que a experiencia dos GALP neste eido será fundamental para consolidar os eixos da economía azul nos vindeiros anos. “Os GALP encaixan perfectamente na nosa idea de fomentar e dar valor ás actividades pesqueiras”.
“En moitas das iniciativas que se van executar, os GALP xogarán un papel activo como axentes implicados no desenvolvemento desas medidas, polo que seguiremos apostando por eles”, engade Villaverde, que ilustra esa coordinación entre Xunta e GALP cun caso moi recente como a mortandade de marisco nalgúnhas rías polo exceso de chuvia, un probelma no que os Grupos de Acción Local son “unha fórmula” a través da que artellar proxectos para recuperar eses bancos. Ou o PCUMA (Plan de Cultura Marítima), que pon en valor patrimonio cultural material e inmaterial costeiro “que forma parte da nosa identidade” e que contribúe a cohesionar a comunidade litoral.
E todo baixo o prisma dun binomio que hoxe non se pode separar: pesca e sustentabilidade. “En Galicia levamos moito tempo pescando así”, conclúe a directora xeral. “Incluso antes de que se inventase esa palabra, aquí xa o facíamos así”. Un compromiso que seguirá guiando a acción da Consellería do Mar á hora de aproveitar “todos os recursos que nos brinda o mar”, que en Galicia son moitos.
Tamén Manuela Oviedo é optimista sobre o futuro e o potencial que representan os Grupos de Acción Local de Pesca para a comunidade. Desde a xerencia dun deles, o Costa Sostible, que engloba a ría de Muros e Noia e parte da Costa da Morte, esta noiesa apunta unha das claves: a importancia de que exista unha conexión do GALP cos actores do territorio. “Os GALP non poden ser un mero tramitador de papeis”, avisa. “Se se converte niso, nunha oficina, os proxectos nunca alcanzarán a calidade necesaria nin se executarán en condicións”.
Dende a súa experiencia, en Costa Sostible hai un equipo de traballo que “escoita, que se reúne co sector, que fai propostas... Sen iso, o desenvolvemento local participativo non existiría”.
Refírese ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo ou EDLP, que non son outra cousa que a ferramenta da que dispón o GALP para materializar a súa acción sobre o territorio. E Manuela Oviedo, dende Noia, considera que a día de hoxe “hai implicación suficiente” e existe esa interacción permanente “con todos os actores do territorio costeiro”, que é o que permite materializar proxectos.
“Seguide apostando por nós”
En nome do sector pesqueiro, José Antonio Pérez, presidente da Federación de Confrarías de Pescadoras de Galicia, ten claro cal debe ser o traballo dos GALP nos vindeiros anos: “Que nos sigan apoiando na mesma liña que ata agora” e que siguan “apostando por nós”.
O patrón maior de Ribeira anima, iso si, a traballar na “diversificación” incorporando proxectos que funcionan noutros lugares, porque ao final no se trata só de impulsar o sector pesqueiro, senón que con el “desenvólvense todas as comunidades” do litoral, xa que cada emprego no mar xera “tres ou catro indirectos en terra”, lembra José Antonio Pérez.
A pé de costa, en concreto na de Foz, Carlos Gil puxo en marcha hai unha década Maremasma, unha empresa de actividades e lecer vinculados ao mar. Fíxoo a través dos GALP e con esa experiencia é coa que agora anima tamén a outros emprendedores a dar o paso. “Os GALP funcionan como unha aceleradora de empresas, un motor que che permite emprender grazas a eses fondos que ten”. Con eles, cre que poden nacer na costa galega nos vindeiros anos “moitos proxectos ben innovadores ou ben de revalorización do patrimonio e da costa”, polo que anima a “todo o mundo” a informarse sobre as liñas de axuda dispoñibles.

Obras de cabañas turísticas en Carnota con axudas do GALP Costa Sostible. / ECG
Un impulso para o emprego feminino, as oportunidades para mozos e a demografía
Os GALP levan operando desde 2009 como actores para inxectar fondos europeos nas comunidades costeiras co fin de fortalecer nelas o benestar social, o desenvolvemento económico e a sustentabilidade. Precisamente o mesmo obxectivo que persegue a Xunta desde a Consellería do Mar. E nesa filosofía, as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) “son una oportunidade” que brindan os novos fondos da UE. Este xa é o terceiro período de fondos que afrontan os GALP, logo de aproveitar os anteriores para “proxectos de pesca e marisqueo, pero tamén ambientais e culturais”, di Marta Villaverde.

Marta Villaverde. / Jesús Prieto
“O obxectivo final é o de dárlle valor a un territorio”
Para a Consellería é fundamental o apoio que lle brindan os GALP. “Estos grupos identifican as necesidades máis importantes a cubrir en cada territorio e os recursos que se necesitan para facerlles fronte”. Isto permite “optimizar ao máximo” o diñeiro público, xa que “ninguén mellor que os propios actores dese territorio saben que estratexias hai que desenvolver”.
Ademais, logo deses dous períodos de fondos europeos xa esgotados, os GALP enraizaron nas sociedades costeiras, segundo pode constatar Manuela Oviedo. “Ao principio custou”, como en todo, pero hoxe “percíbese esa implicación da comunidade litoral na estratexia dos GALP”, relata. Galicia xa coñecía antes de 2009 os GDR ou grupos de desenvolvemento rural, polo que algúns xa estaban familiarizados con esta forma de traballar. Pero para o sector pesqueiro era algo novo, o que non foi un problema porque se “foi implicando”.

José Antonio Pérez. / Jesús Prieto
“Non só axudan á pesca, senón á xente de toda a franxa da costa”
Hoxe os GALP son “suficientemente coñecidos e recoñecidos”, porque ademais, en moitos puntos de Galicia, “deron un cambio de imaxe importante á costa”.
Identificar os proxectos
E como identifica un GALP que proxectos financiar e cales non? “A base de escoitar”, explica Oviedo desde Costa Sostible. “Escoitas a xente e vas identificando debilidades que debes incluir na túa estratexia” para unha zona.
Froito diso, só na área de Muros e Noia e Costa da Morte, “percíbese o labor dos GALP” coa creación de marcas de identidade para o sector pesqueiro como Azul de Portosín ou Berberecho de Noia...
“Tamén na restauración, xa que creamos un grupo de establecementos quilómetro cero; ou en proxectos turísticos, xa que é algo vinculado ao mar”.
Para Manuela Oviedo, a mellor proba do éxito dos GALP é “a propia calidade dos proxectos que financian, que a pode percibir calquera cidadán”.

Manuela Oviedo. / Jesús Prieto
“Os GALP son hoxe coñecidos, transformaron zonas enteiras”
Ese éxito dos proxectos costeiros compárteo tamén Marta Villaverde. A directora xeral confirma que todos os proxectos que acaban chegando á Consellería “son moi interesantes, veñen moi ben revisados desde os Grupos de Acción Local e, sobre todo, sempre achegan valor” desde o punto de vista da “diversificación”, “do emprego”, “do emprego feminino”, “da incorporación de mozos”, “de fixar poboación”... En definitiva, de “dar valor a un territorio”.
No anterior período de fondos, lembrou Villaverde, acabáronse 703 proxectos cun investimento total entre recursos públicos e axudas superiores aos 80 millóns de euros. E celebra que sempre se agoten os fondos e que incluso haxa lista de espera de proxectos para o seu financiamento.
Sobre o tipo de proxectos que teñen máis demanda, hai un pouco de todo, segundo Manuela Oviedo. “Temos moito éxito nos proxectos conxuntos presentados por varias confrarías”, xa que unhas “tiran de outras”. “E tamén hai moita demanda de recuperación do patrimonio cultural”, no caso do GALP Costa Sostible, coa carpintería de ribeira; ou relacionados coa sustentabilidade e a nova economía azul, estes últimos cada vez máis demandados pola maior concienciación social.
“O efecto e o traballo dos GALP vese, porque ves postos de traballo xerados”, explica Oviedo. E pon un exemplo: o GALP deu cursos de formación en materia de pesca-turismo “e nesta convocatoria de axudas temos tres armadores que van a habilitar a embarcación” para poder levar turistas mentras faenan. É un exemplo de “diversificación”.
Ese impacto positivo de 15 anos de estratexia de desenvolvemento litoral tamén a detectan no sector pesqueiro, “non só a nivel do mar, senón de toda a franxa costeira”, asegura José Antonio Pérez. Lembra con humor como el, cando presidía un GALP, viu un proxecto para “vender auga do mar” que ninguén entendía, pero que logo foi importante. Tamén se valorizaron especies de peixes na restauración e creouse emprego. “Os GALP axudaron a moitísima xente e a moitísimas familias”.
Pérez tamén pon o foco na diversificación e, de xeito particular, no crecente turismo de pesca. “Para o sector é un complemento”, afirma.

Carlos Gil. / Jesús Prieto
“Esta empresa non existiría xamáis sen os GALP”
Un caso de éxito desde Foz
Ninguén mellor que Carlos Gil para poñer en valor os GALP. Desde Foz, na costa de Lugo, puxo en marcha coas súas axudas Maremasma, empresa de lecer. “Os GALP chegaron a min de oídas” hai máis dunha década nun momento no que rematou a súa formación. “Presentamos un proxecto e tivemos moitísima axuda por parte da xerencia” do GALP, lembra. “Maremasma non existiría sen eses fondos”.
Agora, a empresa está afianzada e diversificada máis alá do turismo náutico estival, xa que tamén pon en valor a biodiversidade litoral, unha liña na que Gil ve “moitas oportunidades” de futuro, como a creación de máis reservas marítimas.
- El furtivismo resiste en los ríos de Galicia con electricidad, redes, sedales y lejía: 'El kilo de trucha se paga a 80 euros
- Galicia bate récord en plazas de FP para el próximo curso: impartirá el primer ciclo superior internacional de España
- Rosalía (y no De Castro) se cuela en el comentario de texto de la PAU en Galicia
- Nervios, alivio y altas expectativas en el primer día de la PAU en Santiago: «Esperaba algo mucho peor»
- Las consecuencias de los errores de selectividad: la Xunta da un paso al frente y quiere formar parte del comité organizador para 2028
- La Xunta cambia al gerente del Sergas en medio de las protestas sanitarias: el oncólogo Luis Ángel León Mateos asume el cargo
- SAIC, la fábrica china de coches que puede sacar a Ferrol de 40 años de agujero industrial
- Una película que acerca una de las grandes tradiciones de Galicia, premio a Mejor Comedia en el prestigioso Celtic Media Festival

