Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Cesga, un bastión de recursos para atraer talento e evitar a ‘fuga de cerebros’

O Goberno galego investirá 56 millóns de euros na construción dunha nova sede en Santiago e na ampliación das ferramentas computacionais do centro para mellorar o posicionamento internacional da comunidade neste eido

De esquerda a dereita, Adrián Mosquera, Carmen Cotelo, Lois Orosa e José María García-Valdecasas

De esquerda a dereita, Adrián Mosquera, Carmen Cotelo, Lois Orosa e José María García-Valdecasas / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mateo Garrido Triñanes

Mateo Garrido Triñanes

Santiago

«A importancia do Cesga é esencial para os investigadores. Se non crecese tan rápido, teríamos que pensar en marchar de Galicia». Con esta frase, o investigador líder do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Idis) en Hematoloxía Computacional e Xenómica, Adrián Mosquera, resume á perfección a necesidade por parte da comunidade científica da comunidade de que o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) vexa as súas capacidades operativas ampliadas.

Así as cousas, o Cesga non só se está a converter nun verdadeiro bastión de recursos fronte a ‘fuga de cerebros’ da comunidade, senón que os seus medios computacionais están xa a atraer talento cara a Galicia. Mesmo empresas como NOW Systems teñen decidido establecerse en territorio galego grazas ás técnicas de cálculo que o centro que dirixe o compostelán Lois Orosa lles facilita para levar a cabo a súa actividade.

Precisamente, sobre a actividade deste ente dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e do CSIC versou unha nova edición dos foros que está a organizar EL CORREO GALLEGO, desta volta baixo o título O novo Cesga, na vangarda da ciencia en Galicia, onde a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, e o director do Cesga, Lois Orosa, debullaron a liña estratéxica de traballo do centro nos próximos anos, marcados pola construción dun novo edificio no polígono da Sionlla que traerá consigo un ensanche das súas infraestruturas, e cuxo despregamento está previsto que conclúa a mediados de 2026.

Lois Orosa, Adrián Mosquera, Mateo Garrido, Carmen Cotelo y José María García-Valdecasas durante la conversación.

Lois Orosa, Adrián Mosquera, Mateo Garrido, Carmen Cotelo y José María García-Valdecasas durante la conversación. / Jesús Prieto

Xunto a eles, Adrián Mosquera e José María García-Valdecasas, responsable de Aplicacións Operacionais e Intelixencia Artificial da empresa NOW Systems, aportaron a súa experiencia como usuarios dos recursos computacionais que o Cesga pon a disposición tanto da comunidade científica como do ámbito empresarial.

Neste sentido, sobre a fiestra de oportunidade que atopou o Executivo galego no eido da supercomputación e a incipiente computación cuántica para ampliar as capacidades do centro, tal e como demandaba a comunidade científica, falou Carmen Cotelo. «Cremos que é o momento de seguir investindo e captando talento para posicionarnos de verdade como unha referencia a nivel internacional neste eido», sinalou a directora da Gain.

«A importancia do Cesga é esencial para os investigadores. Se non crecese tan rápido, teríamos que pensar en marchar de Galicia»

Adrián Mosquera

— Investigador do Idis

No marco das políticas de I+D+i que o Goberno galego está a levar a cabo, 56 millóns de euros —o 80% dos mesmos, procedentes de fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia no marco do PERTE Chip— serán investidos na mellora das prestacións deste centro durante o próximo ano e medio. Un financiamento que irá dirixido á construción da nova sede do Cesga, a actualización do supercomputador Finisterrae, mellorar as infraestruturas dedicadas á computación cuántica e fortalecer a capacidade de almacenamento e tratamento de datos.

Unha intención, esta última, de incrementar a posibilidade de acopiar un grande volume de datos que viña sendo fortemente demandado polos investigadores usuarios do Cesga, segundo sinalou o seu director. «Existe unha demanda moi importante dende todas as áreas nese sentido. Precisamente, o outro día me comentaban que neste momento era máis barato repetir unha análise xenómica que almacenar os resultados acadados nese primeiro estudo», exemplificou Lois Orosa.

Aplicacións

De cara a trasladar á sociedade todo este traballo que está a realizar o Cesga, é importante dar a coñecer as diferentes aplicacións que os seus recursos supercomputacionais están tendo xa no eido científico e empresarial da comunidade.

«É o momento de seguir investindo e captando talento para poder posicionarnos de verdade a nivel internacional»

Carmen Cotelo

— Directora da Axencia Galega de Innovación

Niso afondaron Adrián Mosquera e José María García-Valdecasas. O líder do grupo de Hematoloxía computacional do IDIS explicou como o Cesga lles fornece en adestramento de algoritmia de Intelixencia Artificial para mellorar a predición da resposta do cancro hematolóxico —como a leucemia ou o mieloma múltiple— aos tratamentos dispoñibles e, así, poder desenvolver terapias personalizadas. «É unha estrutura transcendental para a investigación en Galicia», afondou Mosquera sobre o centro.

O tamén doutor no CHUS sinalou que nun futuro próximo «o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos doentes, forzosamente van ter que pasar polo uso das tecnoloxías da información e a interacción con centros de supercomputación». Así é, xa que mentres os recursos humanos na sanidade son cada vez máis limitados, as ferramentas de medicina de precisión e a súa demanda por parte dos sistemas de saúde manteñen un crecemento imparable. Por iso, Mosquera augurou que progresivamente os médicos «terán que traballar de forma compaxinada coas ferramentas de Intelixencia Artificial para aumentar as súas propias capacidades», non só para avaliar e tratar os doentes, senón tamén para resolver dúbidas, por exemplo en torno ao perfilado xenético dun tumor, en moi pouco tempo e cunha precisión moi alta.

«Tendo unha base de coñecemento importante temos máis posibilidades de atraer fondos e potenciar a nosa infraestrutura»

Lois Orosa

— Director do Cesga

Uns recursos que, segundo apuntou o doutor do CHUS, están xa a salvar vidas, por exemplo, permitindo anticipar se un paciente terá complicacións dun risco inadmisible, aportando esa información ao cadro médico para orientar o tratamento cara outras terapias.

«A medicina é unha cuestión de probabilidades. A forma tradicional de soster estas probabilidades está baseada na experiencia en datos de cohortes grandes e non é o suficientemente robusta e precisa como para tomar decisións individualizadas. A Intelixencia Artificial permítenos iso, e así balancear moito mellor a toma de decisións», sentenciou Mosquera.

Pola súa parte, José María García-Valdecasas puxo enriba da mesa o polo de atracción que o Cesga está supoñendo xa no eido da empresa tecnolóxica. «A nosa empresa decidiu instalarse en Galicia, precisamente pola presenza do centro e todos os recursos que nos ofrece», explicou.

«A nosa empresa decidiu instalarse en Galicia pola presenza do Cesga e todo o que nos ofrece»

José María García-Valdecasas

— NOW Systems

NOW Systems realiza a predición oceanográfica diaria do estado do mar para toda a fachada atlántica europea para o sistema de monitorización europeo Copernicus empregando recursos do Cesga. Un prognóstico fundamental, por exemplo, para Salvamento Marítimo. «Cando desaparece un barco ou un mariñeiro cae ao mar empréganse este tipo de modelos para intentar identificar a traxectoria que puido ter esa persoa e, así, reducir a zona de búsqueda mellorando as probabilidades de atopalo», explicou o enxeñeiro.

Para unha empresa como NOW Systems contar coa capacidade de cálculo e almacenamento que proporciona o Cesga «é fundamental». «Para unha empresa como a nosa ou un organismo científico é imposible contar cuns recursos técnicos como os dun centro de supercomputación. Por iso, non vemos o Cesga como un mero provedor de datos, senón que dicimos que é parte do consorcio. Apórtanos talento humano en toda a parte de optimización e xestión dos nosos modelos», afondou García-Valdecasas.

Capital humano

Xustamente, máis alá da importantísima infraestrutura tecnolóxica que o Cesga aporta aos seus usuarios, tanto Adrián Mosquera como José María García-Valdecasas quixeron destacar a cercanía do capital humano do centro. «Ao final, estades creando uns nichos comunicativos, a través da interacción entre científicos de moi diferentes backgrounds con vós que son valiosísimos», apuntou o investigador do Idis. «É moi curioso que nunha mesa tan técnica como esta tiveramos chegado ambos a esa conclusión. É posible que aquí non estea o supercomputador máis potente de Europa pero o que se nos aporta aquí non o hai noutros lugares. Esa capacidade humana de que cando temos un problema sabemos que hai unha persoa á que podes chamar ou escribir para que che axude a resolvelo é impagable. Non só nos aportan a infraestrutura senón ese vínculo cun persoal moi cualificado e esa perspectiva de crecemento que tamén é moi importante», afondou o enxeñeiro de NOW Systems.

Nisto profundizou o director do centro, Lois Orosa, explicando o Plan estratéxico do Cesga: «A parte do persoal é fundamental. A captación e atracción de talento e a potenciación das capacidades do noso persoal. Cremos que, a partir disto, vén todo o demais. Tendo aquí unha base de coñecemento importante temos máis posibilidades de atraer certos fondos que outras institucións e seguir potenciando a nosa infraestrutura».

Tracking Pixel Contents