A apoteósica actuación das Tanxugueiras entre a mocidade galega emigrante en Bruxelas
O trío de pandereteiras actuou xunto a De Ninghures, Fillas de Cassandra e Terbutalina na terceira edición do EmigraSon que se celebra na capital europea

Momento álxido da actuación de Tanxugueiras este sábado no Festival EmigraSon, en Bruxelas / x

Esa "Galicia portátil", como lle chama o escritor Manuel Rivas, a que segue poboando o exterior, viviu un momento eufórico coa música en galego este sábado en Bruxelas, onde a comunidade emigrante máis moza celebrou a súa cultura e identidade no marco do festival EmigraSON. O evento, organizado de forma autoxestionada e sen ánimo de lucro pola asociación homónima, reuniu a centos de mozos galegos que, afastados da terra por motivos laborais, atopan neste festival un espazo de encontro e reivindicación da súa lingua e tradicións.
Detrás deste exitoso proxecto están nove amigos —Karan, María, Cris, Mateo, Gara, Claudia, Ángel, David e Alejandro— que, movidos pola súa paixón pola música galega, decidiron achegar Galicia á súa cidade de acollida, Bruxelas, a cidade das institucións europeas. A dedicación e esforzo conxunto fixeron posible esta terceira edición do festival, celebrada na sala de concertos La Madeleine, que esgotou entradas e congregou a un público entregado e emocionado.
O festival contou coas actuacións de bandas como De Ninghures e Fillas de Cassandra, que encenderon o ambiente coa súa enerxía e o seu compromiso coa cultura galega. Porén, o momento máis esperado chegou coa actuación das Tanxugueiras, que elevou o público co seu xa mítico retrouso "Non hai fronteiras". A sala converteuse nunha auténtica foliada improvisada, onde os asistentes, emocionados, corearon e bailaron ao ritmo da música en galego.
O evento tamén serviu como despedida para a banda Terbutalina, que anunciou unha pausa indefinida e escolleu o EmigraSON para o seu (polo de agora) derradeiro concerto.
A celebración coincidiu co Día de Rosalía de Castro, engadindo un valor simbólico a unha xornada que reivindicou a lingua e a cultura galegas fóra das fronteiras da terra. O éxito do festival demostra que, aínda lonxe de Galicia, a música e a tradición seguen sendo unha poderosa ferramenta de unión e identidade para a mocidade emigrante.
As Tanxugueiras, coa súa actuación apoteósica, non só agrandaron un festival que vai a máis con cada edición, senón que tamén deixaron claro que, como di a súa canción, "non hai fronteiras" para a cultura galega e que a morriña sempre está presente. Bruxelas foi, este sábado, un pouco máis Galicia e o EmigraSon confirmou que o "país portátil" segue aí.
- Vientos huracanados, lluvias persistentes y descenso de la cota de nieve: el temporal sacude a Galicia esta semana
- La pelea en rúa do Franco: «un episodio aislado» que visibiliza la debilidad del neofascismo en Galicia
- El hijo de un recluso gallego del franquismo exento de cargos apela a más familias a 'presentar una reclamación
- Borrasca Goretti: el viento y oleaje mantienen a Galicia en alerta naranja
- Nieve a 500 metros para el Día de Reyes: esta noche llega un nuevo frente a Galicia
- La colonia gallega en Venezuela, siete días después: «Estoy en la calle, prefiero no hablar»
- Los bateeiros detectan una «alarmante escasez de mejilla» y temen por su futuro
- El mal tiempo persiste en Galicia: un temporal costero activa la alerta naranja

