Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO GALEGO

Queremos Galego enche as rúas de Compostela e pide actuar ante "a emerxencia da lingua"

Na marcha participaron representantes políticos da oposición, entre eles a portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG

Belén Teiga

Belén Teiga

Santiago

"Na escola e no traballo queremos galego" foi unha das frases máis escoitadas este domingo en Santiago, onde miles de persoas encheron as rúas da cidade en defensa da lingua. A manifestación, convocada pola Plataforma Queremos Galego, que agrupa a 600 colectivo sociais, busca denunciar a "emerxencia lingüística extrema" que vive o idioma.

A defensa do galego enche as rúas de Compostela cunha multitudinaria manifestación

A defensa do galego enche as rúas de Compostela cunha multitudinaria manifestación / Jesús Prieto

Tambores, gaitas e pancartas reivindicativas tomaron a cidade dende a Alameda ata o Obradoiro, nunha movilización ata a que se achegaron persoas de diversos puntos da comunidade ata nunha trintena de autobuses. A manifestación coincide, así mesmo, co Día de Rosalía.

"A lingua é vital para a nosa existencia como pobo. A sociedade está disposta a actuar ante a emerxencia da lingua, o que cómpre é que o Goberno galego tamén o estea", sinalou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Neste sentido, incidou en que o Executivo liderado por Alfonso Rueda "se quere tomar medidas sabe moi ben o que ten que facer".

A defensa do galego enche as rúas de Compostela cunha multitudinaria manifestación

Ana Pontón, presente na marcha, criticou que o PP leva "15 anos de politicas de derribo e acoso contra o galego" / Jesús Prieto

Tamén presentes representantes políticos, entre elas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen criticou que o PP leva "15 anos de politicas de derribo e acoso contra o galego". Así, unha vez máis, pediu a derogación do decreto de plurilingüismo, "o decreto da vergoña", que "está provocando que os nenos e nenas entren pola porta da escola falando galego e saian falando castelán".

A defensa do galego enche as rúas de Compostela cunha multitudinaria manifestación

Besteiro, tamén na manifestación, aclarou que "non é en contra de ninguén, senón en defensa do galego" / Jesús Prieto

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esgrimiu antes de que dese comezo a manifestación que se trataba dun encontro que "non é en contra de ninguén, senón en defensa do galego". "Unha mensaxe clara ao PP: que escoitei o que os galegos dicimos hoxe, hai que preservar o idioma", resaltou.

A defensa do galego enche as rúas de Compostela cunha multitudinaria manifestación

A marcha polo galego finalizou nunha praza do Obradoiro ateigada / Jesús Prieto

A coordinadora da plataforma convocante, Celia Armas, resaltou na súa intervención nunha praza do Obradoiro chea que "o noso presidente da Xunta é o único incapaz de defender a nosa lingua en Europa". Estas declaracións prodúcense tras o paso de Rueda esta mesma semana polo Comité Europeo das Rexións, no que resultou elexido como un dos vicepresidentes da institución da Unión Europa.

Manifestación de Queremos Galego en Santiago en defensa da lingua

Jesús Prieto

O cantante Mondra foi o encargado de poñerlle o ramo á xornada. Unha foliada improvisada fixo bailar aos manifestantes nunha mobilización que a organización definiu como "histórica".

A resposta da Xunta

Un "escenario futuro esperanzador" para o galego pola vía de "menos extremismos" y máis diálogo é a mensaxe que este domingo quixo trasladar o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nos actos polo 188 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Na ofrenda floral en memoria da "ilustre" e "universal" escritora galega, o titular deste departamento pediu menos "disputas", "extremismos" e "posicións de máximos", e máis "diálogo", "entendemento" e "equilibrio".

"Nese punto debemos encontrarnos", dixo ao ser preguntado o día en que Galicia se moviliza pola súa lingua, nun momento no que as enquisas detectan un descenso de galegofalantes, especialmente entre as xeracións máis novas.

López Campos falou da necesidade de actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, e dixo que niso se está atraballar e cargou contra "persoas que se dedican a ir a reunións a boicotear", con "posiciones maximalistas que non permiten chegar a acordos".

"Tendemos a man", asegurou, non obstante, "pero dentro dun marco razoable".

E concluiu López Campos coa mensaxe de que "a fórmula" para resolver non é "exclusivamente detrás dunha pancarta".

Tracking Pixel Contents