BARÓMETRO CULTURA GALEGA 2024
Os xestores culturais galegos volven suspender ás administracións públicas
Segundo o ‘Barómetro da cultura galega 2024’ presentado en Santiago, o Estado ten a peor valoración, seguido do Goberno autonómico e os concellos e deputacións provinciais

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o responsable do ‘Barómetro da cultura galega 2024’, Håkan Casares, onte, na sede do Consello da Cultura Galega / Efe

Os xestores culturais galegos "volven suspender a actuación das diferentes administracións públicas". Así o reflicte o Barómetro da cultura galega centrado no pasado 2024, estudo que realiza o Consello da Cultura Galega desde 2021 para medir o estado e a evolución da actividade cultural da nosa comunidade e que presentou no día de onte, en Santiago de Compostela, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o responsable do barómetro, Håkan Casares.
O estudo, que recolleu datos de 976 empresas, profesionais, departamentos de cultura das administracións públicas e entidades culturais do terceiro sector entre o 20 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2025, destaca que a administración estatal recibe a peor puntuación, con 3,21 puntos. Asimesmo, suspenden a administración autonómica (4,28 puntos) e os concellos e deputacións provinciais (4,54 puntos), as únicas administracións, estas últimas, que melloran en valoracións. "Non se aprecian grandes cambios –con respecto a anteriores Barómetros da cultura galega–. A administración estatal e autonómica baixan un pouco e a local experimenta unha mellora mínima", sinalou Casares, responsable deste informe.
"Crecemento moderado"
O Barómetro da cultura galega, que en palabras de Casares busca "ser útil" para "que as entidades culturais poidan tomar decisións estratéxicas", tamén salienta que 2024 foi un ano de "crecemento moderado" para a cultura galega. "O 39% das entidades consultadas, catro de cada dez, consideran que o ano foi igual que o ano anterior. Un 37% cre que foi mellor ou moito mellor e un 21% que foi peor. Á inmensa maioría de entidades, o ano foilles igual ou mellor", resumiu Casares, que engadiu que, pese a este "contexto positivo", 2024 rexistrou "valores inferiores aos anos 2021 e 2022".
O barómetro establece que entre as entidades que tiveron un "ano positivo" atópanse os museos, aquelas organizacións que desenvolven actividades relacionadas co patrimonio cultural, a educación cultural, os departamentos de cultura das administracións; e, con algo de distancia, as artes gráficas, as bibliotecas e arquivos, a música e o audiovisual.
Tamén na parte positiva, pero por debaixo da media, se sitúan o teatro, a danza, os espectáculos e as actividades auxiliares das artes escénicas. Pola contra, no plano negativo, están as artes visuais –que nesta nova edición do Barómetro da cultura galega se separan doutras actividades relacionadas–, as publicacións periódicas e o comercio de libros, que acumulan dous exercicios en declive. "Temos indicadores de que aumenta a edición de libros e as vendas. As familias compran máis libros. Iso non significa que ás librarías galegas ou ás librarías que se atopan na mostra lles vaia mellor. Existen moitas canles para comprar libros. Nós o que vemos no barómetro é que as librarías físicas ás que preguntamos levan dous anos de exercicios negativos. Vemos que lle baixan os seus ingresos e que suben os prezos. Están vendendo máis caro e en menor cantidade. Iso podería ser unha explicación pero haberá máis causas", indicou Casares.
De feito, o estudo revela que oito de cada dez entidades "notaron un incremento dos prezos das materias e servizos que precisan". Uns custos que, segundo as previsións, anteriores á guerra comercial desatada por Donald Trump, "se irán moderando" e "non van crecer tanto como en anos anteriores". "Pese a estas alzas, a maioría das entidades culturais trata de manter os prezos dos seus productos e servizos", asegurou Casares.
Con todo, segundo o Barómetro da cultura galega 2024, as expectativas dos xestores culturais galegos para 2025 son "moderadas". Un 41% cre que será igual que o ano 2024, mentres que o 39% esperan que 2025 será un ano mellor e o 16% pensan que será peor. "Esta visión lixeiramente optimista do 2025 é algo menor que a expectativa que se viña vendo en anos anteriores", comentou Casares, quen declarou que "aquelas entidades que xa tiveron un 2025 positivo" son, precisamente, aquelas que "cren que van a ter un 2025 mellor".
"Similares" son as expectativas en canto ao emprego no sector cultural, que amosa "estabilidade". "Tres cuartas partes da mostra non ve cambios. O leve crecemento do emprego débese a que sube un pouco máis o número de entidades que incrementaron o seu cadro de persoal das que tiveron que reducilo e parte dese incremento da forza laboral tamén tira do sector público", destacou Casares. Esta tendencia, segundo o citado estudo, "confirma a dificultade para atopar profesionais", especialmente nas "artes gráficas, arquitectura, publicidade, deseño e a música". "Levamos varios anos detectando que un dos sectores nos que atopan máis dificultades para atopar profesionais adecuados é a música", sentenciou Casares.
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- Galicia también estará en el Mundial 2026: así es la canción con sello gallego que sonará en todos los partidos
- Una canción en gallego y con sello compostelano, nominada a mejor tema 'hardstyle' del año
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí
- De construcción más alta de Europa a reclamo turístico: avanza la protección de la chimenea de As Pontes
- Gallegos en una Venezuela al borde de la guerra: 'Ni Europa ni la oposición acabarán con el chavismo. Solo Trump