Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

“Un día de alegría e orgullo”: constituída a Fundación que salvagardará o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

Parlamento, Xunta, Concello e Arcebispado selaron a constitución do Padroado que xestionará o mausoleo, "símbolo equiparable na súa esencia á bandeira, ao escudo e ao himno galegos”, nun acto na Igrexa de San Domingos de Bonaval

Mateo Garrido Triñanes

Mateo Garrido Triñanes

Santiago

Dez meses despois do acordo unánime dos tres grupos con representación no Parlamento galego para aprobar a Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres -que avanzou en exclusiva este diario-, esta mañá a Igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu o acto de constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres que devolve á xestión pública o mausoleo no que descansan os restos de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Domingo Fontán.

Así, Parlamento, Xunta de Galicia, Concello compostelán e Arcebispado de Santiago asinaron os estatutos do novo Padroado que recollen a garantía da apertura ao público do Panteón, ben difundindo e fomentando as visitas ao espazo, ou celebrando actos de recoñecento e homenaxe ás persoas que alí están soterradas por parte de organizacións sociais, culturais e políticas, sempre “no marco do decoro e o respecto que deben presidir este lugar”.

Miguel Santalices, xefe do Lexislativo autonómico e, polo tanto, presidente da nova Fundación asegurou atoparse ante un día de inmensa “alegría e orgullo” no que, parafraseando a Castelao, “trocamos os anceios en realidades e as ideas en feitos”.

Tras agradecer a todas as institucións, grupos políticos e axentes da sociedade civil que permitiron facer realidade este acto, a través do cal o Panteón se consolida “como un símbolo equiparable na súa esencia á bandeira, ao escudo e ao himno galegos”, Santalices asegurou que “todos os esforzos e o tempo empregados” nesta tarefa pagaron a pena. “Hoxe para min é un día especial. Durmirei moi ben”, recoñeceu o presidente da Cámara autonómica, antes de apostilar que espera "ser quen de estar á altura desta encomenda, coa que rendemos homenaxe aos nosos devanceiros e seguimos o camiño que nos trazaron na irmandade do amor á nosa terra”.

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, agradeceu o “consenso unánime de todos os representantes do pobo galego” arredor deste “elemento singular da nosa identidade”. O representante da Igrexa puxo de manifesto o traballo do clero de “coidado, xenerosidade e esforzo” para poder chegar a este fito no que “o Panteón inicia unha nova etapa chamado a ser un espazo simbólico de custodio da identidade galega”.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pola súa banda, incidiu na importancia da formalización desta Fundación e que abre o camiño para que “as institucións coiden” un espazo de conmemoración, respeto e honra aos seus máis importantes representantes “que naceu do pobo”.

Sanmartín quixo lembrar durante a súa intervención os traballadores do Museo do Pobo Galego, que coidaron do Panteón durante moitos anos: “Grazas a eles polo seu traballo e por sumarse tamén a esta Fundación”. En opinión da rexedora compostelana, esta rúbrica sitúa a Galicia ao carón de nacións como Portugal ou Francia que, da mesma forma, contan con panteóns “dos que se enorgullecen e que constitúen un símbolo de respecto ao pasado que nos ten que proxectar ao futuro”. Así, afondou en que queda “moito traballo por facer” durante o ano que resta para “constituír as bases de funcionamento do Panteón”. Nese senso, a alcaldesa sentenciou que o obxectivo non pode ser outro que o de manter as súas portas abertas para toda a sociedade.

Finalmente, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, iniciou a súa intervención recordando que “o máis importante que poden ter os pobos son os seus símbolos”. Desta forma, o xefe do Executivo galego incidiu na importancia de manter a concordia e o entendemento arredor das cuestións que atinxan ao Panteón: “Ten que ser para todos, fóra das diferencias ideolóxicas. Hoxe demostramos que xuntos temos máis forza, somos mellores e podemos acadar o que nos propoñamos”.

Así, Rueda situou aos persoeiros inhumados en Bonaval como “símbolos inmortais de Galicia” e chamou a recuperar “este espazo de enorme carga simbólica” a través do “galeguismo integrador”.

Forte presencia institucional

Máis alá dos representantes das institucións que forman parte, dende hoxe, do Padroado da Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, en San Domingos de Bonaval fixeron acto de presencia os conselleiros de Cultura e Educación, Xosé López Campos e Román Rodríguez, respectivamente; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega; Henrique Monteagudo; a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; ou o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, ademais doutras autoridades.

Porén, houbo tamén significativas ausencias como a do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que decidiu acudir na mañá de onte á bodega de Martín Códax en Cambados para interesarse pola situación do sector vitivinícola ante os aranceis impostos por Donald Trump. En representación dos socialistas galegos acudiron a número dous do partido, Lara Méndez, e a deputada e membro da Mesa da Cámara autonómica Patricia Iglesias.

Tanto Pontón coma Méndez incidiron nas súas declaracións aos medios de comunicación na “importancia da unanimidade” que antecedeu ao acto de constitución da Fundación. “Este debe de ser un paso tamén que permita unha maior difusión do que este Panteón de Galegas e Galegos Ilustres simboliza”, apuntou a nacionalista, que subliñou a importancia de que se traballe na socialización deste símbolo entre toda a poboación mais, fundamentalmente, entre os máis pequenos. Ademais, a xefa da oposición demandou celeridade na cesión dos terreos precisos por parte da Igrexa á Fundación, un dos traballos que queda por diante.

Pola súa parte, a número dous do PSdeG chamou a “manter viva” esa historia de Galicia da que forman parte Rosalía ou Castelao. “Se non a recordamos, estamos abocados a repetir erros do pasado”, sentenciou Lara Méndez, tras remarcar que estabamos ante “un día moi satisfactorio”.

Apuntes económicos

A fundación nace cun capital de 30.000 euros dos que a Cámara galega achegará un 50% -15.000 euros-. Os 15.000 euros restantes, a razón de 5.000 euros por cada institución, serán abonados por Xunta, Concello de Santiago e Arcebispado, respectivamente.

A Mesa do Parlamento, oída a Xunta de Portavoces, na sesión do 18 de marzo, emitiu consulta positiva respecto ao acta constitutiva e aos Estatutos da fundación. Tamén publicou o acordo que certifica a autorización, disposición e recoñecemento do importe para achegar por parte do Parlamento, 15.000 euros. 

Tracking Pixel Contents