‘Antes de nós’, o filme que mostra o lado máis íntimo e persoal de Castelao chega hoxe ás salas de cinema
Tras o lanzamento do éxito ‘O corpo aberto’, a cineasta Ángeles Huerta regresa este venres á gran pantalla coa estrea dunha película que resume como "a historia que marcou ao home que marcou a Galicia", un acercamento a unha das figuras máis representativas da nosa cultura que foxe do mito que o rodea ao mesmo tempo que presenta a unha persoa coas súas virtudes e defectos

Cris Iglesias e Xoán Fórneas, en ‘Antes de nós’, no papel de Virxinia Pereira e Castelao / Cedida

Castelao antes de ser Castelao. A historia que marcou ao home que marcou a Galicia. Isto é o que propón Antes de nós, película coa que a cineasta Ángeles Huerta regresa hoxe ás salas de cinema tras o seu éxito O corpo aberto –longametraxe coa que arrasou nos Premios Mestre Mateo de 2023– e rodar entre clase e clase da escola de idiomas da Coruña, onde exerce como mestra, nos lugares que Castelao pisou e viviu, concretamente en máis de trinta localizacións de nove concellos galegos, entre eles Santiago.
Antes de nós trátase dunha achega honesta da intimidade dunha das grandes figuras da cultura galega que foxe do mito que o rodea ao mesmo tempo que presenta a unha persoa coas súas virtudes e defectos. "Fixémolo así porque só na intimidade, sobre todo nos momentos máis fráxiles e vulnerables, como amosa a película, é onde se ve a natureza dos seres humanos, cales son as súas escollas", recoñece a directora Ángeles Huerta a EL CORREO GALLEGO.
Faino a través de dous momentos da vida de Castelao, os cales non se atopan precisamente entre as súas etapas máis coñecidas, centrándose nun primeiro momento no papel crucial de Castelao como médico no seu Rianxo natal durante a epidemia da gripe española que afectou a toda a poboación en 1918 e, máis tarde, na súa viaxe a Bretaña en 1929. Unha elección do guionista do filme, Pepe Coira, para nada casual, pois achegan dous momentos da intimidade de Castelao que preceden a dous fitos da historia do galeguismo, e é que o episodio que nos retrotrae ao ano 1918 trátase dun preludio da Primeira Asamblea Nacionalista, mentres que a parte do filme correspondente a 1929 móstranos a forma de pensar de Castelao pouco antes da fundación do Partido Galeguista.

Xoán Fórneas, en ‘Antes de nós’, no papel de Castelao / Cedida
Un Castelao en construción
Malia todo, a pesar de estar presente, a política non se trata do tema principal dunha obra que mostra a un Castelao preñado de futuro e cheo tanto de inxenuidade como ardor xuvenil que xa dá mostras do político que abandeirará no futuro o compromiso con Galicia, a loita contra o caciquismo e a defensa dos máis débiles, pero tamén os alicerces do Castelao artista.
Unha figura, a de Castelao, á que pon voz e cara de forma sensacional o lugués Xoán Fórneas, e iso que non ía ser o protagonista principal nun primeiro momento. "Cando me enterei de que sería o protagonista quedei pampo, porque eu non fixen o casting para facer de Castelao, senón de outro personaxe", desvela a este medio Fórneas, que tamén recoñece que tivo "presión" e "responsabilidade" ao ter que poñerse na pel dunha figura como Castelao, "unha eminencia e un heroe no imaxinario dos galegos".

Unha escena da longametraxe ‘Antes de nós’ / Cedida
O traballo previo que Fórneas tivo que facer para lograr o resultado final non foi nada doado, pois non só tivo que traballar cunha lingüista para adaptarse ao galego de Castelao, senón que tamén o seu papel lle esixiu baixar de peso e un gran traballo de investigación. "Tratei de dar o salto á ficción da figura de Castelao cun traballo de investigación profundo, investigando moito a nivel de literatura, visitando varias veces o museo de Pontevedra, adentrándome en toda a súa figura artística e política para, despois, deixar iso a un lado e construír e dar o salto tamén á miña imaxinación, ao meu punto de vista de quen era Castelao, como sería eu Castelao. Foi o reto máis grande da miña carreira como artista", declara Fórneas, un dos grandes protagonistas dun título que garda relación con toda unha xeración que marcou a Galicia, pero que ademais fala dun nós como equipo, en referencia á figura sen a cal Castelao seguramente non acabase sendo Castelao, a súa muller, Virxinia Pereira. Este é o punto de vista de Cris Iglesias, a actriz que interpreta a Virxinia en Antes de nós, un papel que considera un "regalazo" e co que coincide por primeira vez tras unha cámara co intérprete Xoán Fórneas, con quen mostra unha gran química.

Cris Iglesias métese na pel de Virxinia Pereira / Cedida
Papel de Virxinia Pereira
Iglesias destaca que "Virxinia non estivo tan detrás como a xente pensa ou a historia escribiu". "Gústame dicir que se lle invisibilizou, non que fose invisible. Estaba en espazos nos que non era común que as mulleres estiveran. Hai recollidas fotografías nas que era a única muller en grupos de vinte persoas en contextos políticos. É unha muller que escribiu cartas e discursos que nos din que era unha muller moi intelixente. Máis que o típico personaxe de muller que se encontraba detrás do seu home, Virxinia ía da man de Castelao e fixo un gran equipo co seu marido", engade. Un feito que se observa ao longo dunha longametraxe na que a súa relación, como todas, sofre os seus altibaixos.
Sobre a posibilidade de facer unha continuación e ver na gran pantalla a evolución de Castelao ata converterse no pai do nacionalismo galego e nun dos grandes referentes da nosa cultura, Iglesias teno claro: "Oxalá teñamos un Despois de nós e poidamos contar todo o que veu despois dos anos 30, que é tremendo". Na mesma liña posiciónase a directora do filme, Ángeles Huerta, que asegura que lle "encantaría facelo". "Sería unha película diferente e sería maravilloso facelo dentro duns quince ou vinte anos cos mesmos actores abordando o exilio, esa soidade e resistencia de Castelao e Virxinia e ese mundo do galeguismo na Arxentina. Pero iso nunca se sabe", sentencia Huerta.
- Galicia, bajo la lluvia en el Puente de Difuntos: estos serán los días más pasados por agua
- El Bono Activa Comercio de la Xunta vuelve esta semana
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Tras los pasos de Ribadavia: este pueblo gallego compite por las luces navideñas de Ferrero Rocher
- Prime Video vuelve a elegir Galicia como plató de uno de sus últimos éxitos: arranca el rodaje de la segunda temporada
- Las dos Galicias: temporal en el Atlántico y 25 grados con incendio forestal en A Mariña
- Luis Zahera y Tamar Novas ya trabajan en un nuevo proyecto para Netflix, una especie de ‘La casa de papel’ con sello gallego
- El primer temporal del otoño deja un reguero de incidencias y vientos de 155 km/h