Entrevista | Ángeles Huerta Directora da película ‘Antes de nós’
Ángeles Huerta, directora da película 'Antes de Nós': "Sen Virxinia Pereira, Castelao non tería sido nunca Castelao"
A cineasta asturiana afincada na Coruña dende hai 23 anos volve estar en boca de todos tras estrear un filme no que achega o lado máis persoal e íntimo do pai do galeguismo

A cineasta Ángeles Huerta, directora do filme ‘Antes de nós’, en Santiago / Jesús Prieto

Tras arrasar nos Premios Mestre Mateo de 2023 con O corpo aberto, Ángeles Huerta (Xixón, 1974) volve estar en boca de todos. Non é para menos, e é que esta galega de adopción, afincada na Coruña dende hai 23 anos, acaba de estrear Antes de nós, película coa que achega a figura de Castelao antes de ser Castelao. Faino mostrando o seu lado máis íntimo, fuxindo do mito que o rodea, ao mesmo tempo que presenta a unha persoa coas súas virtudes e defectos.
Que representa para vostede a figura de Castelao?
Castelao é un icono, un exemplo de resistencia, de dignidade e de compromiso. Foi un home que, ata o final dos seus días, sempre puxo o corpo.
Unha figura á que agora, no 75 aniversario do seu pasamento, rende homenaxe co filme Antes de nós. Por que se decidiu por este título?
É un título moi traballado e debatido. Sempre defendín esta opción porque fai referencia a toda unha xeración que marcou unha época, a Xeración Nós. En Galicia ten estes ecos, pero o interesante é que fóra de Galicia este Antes de nós funciona como un antes de ‘nosoutros’, isto chégame como resumo da película, porque ten moito que ver co constante baile de separación e reachegamento entre Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira, e como nese baile de separación e reachegamento podemos entender as fonduras da alma humana, as fonduras de Castelao.
Como foi grabar entre clase e clase na Escola de Idiomas da Coruña?
(Ri) Por sorte pódense pedir licenzas coas que poder compatibilizar ambos traballos. O que foi a rodaxe, que tivo lugar en máis de trinta localizacións de nove concellos galegos, foi complexa. Hai moitas cousas para facer con pouco diñeiro. Tristemente, o cine independente ten sempre pouco financiamento. Pero fixemos un traballo incrible. Estou eternamente agradecida a todo o equipo. Temos uns profesionais en Galicia a nivel técnico que en calquer outro sitio sorprenderíanse. Sen eles, este filme non sería posible. É xusto recoñecelo.
Antes de nós achega a un Castelao antes de ser Castelao a través de dúas etapas da súa vida non moi coñecidas. O seu papel como médico no seu Rianxo natal durante a gripe española en 1918 e, máis tarde, en 1929, a súa viaxe a Bretaña.
A escolla destes dous episodios é unha escolla do guionista do filme, de Pepe Coira. Para min é un acerto que o espazo da película se sitúe moito no 1918, porque a historia de Castelao é unha historia de derrota, en cambio, ver a ese Castelao novo, que é unha mestura entre inxenuidade e ardor xuvenil, con toda a vida por diante, un Castelao preñado de futuro e unha Galicia na que todo é posible é algo precioso. Vense os alicerces do Castelao que vai ser o político comprometido con Galicia, na loita contra o cacique, a defensa dos máis débiles... pero están tamén os alicerces do Castelao artista. Vémolo na película coa súa relación co canteiro Sobral, que está interpretado por Nancho Novo, como descubre na arte popular a posibilidade dun arte de vangarda radicalmente galega. A película rende homenaxe dende o compromiso artístico, isto implica non facer un panfleto e non deificar aínda máis a un personaxe histórico que, por moi exemplo de dignidade e resistencia que sexa, está dabondo deificado. Tentamos facer unha achega honesta á súa intimidade, tamén porque pensamos que na intimidade, sobre todo nos momentos máis fráxiles e vulnerables, como amosa a película, é onde se ve a natureza dos seres humanos, cales son as súas escollas. É unha película que trata sobre todo o íntimo, pero son momentos que preceden inmediatamente a fitos da historia do galeguismo. O episodio do 18 é un preludio da Primeira Asamblea Nacionalista e o episodio do 29 é un preludio da fundación do Partido Galeguista. Isto axúdanos a entender un pouco onde estaba Castelao neses intres.
Unha figura de Castelao á que pon cara o lugués Xoán Fórneas. Foi doada a súa escolla?
Tiña moitas ganas de traballar con Xoán Fórneas desde que hai uns anos vino meterse na pel do garda civil José Antonio Pardines, a primeira vítima de ETA, na serie La línea invisible. Foi velo e dicir: ‘Eu teño que traballar con este actor’. Creo que vai ser un actor que vai facer época.
Xunto a Xoán Fórneas, atópase a coruñesa Cris Iglesias no papel de Virxinia Pereira, que é capaz de recordarnos a influencia que tivo esta en Castelao.
Agora mesmo, Cristina é máis coñecida para o público galego que Xoán. Estamos afeitas a vela nun rexistro moi diferente, moito máis guerreiro. A súa representación de Virxinia Pereira é dunha sutileza e unha riqueza de matices incrible que nos da a oportunidade de descubrir a unha muller que viviu na súa época, como todas, á sombra do seu marido, pero sen a cal Castelao non tería sido nunca Castelao. E non só por esta visión un pouco de enfermeira do home con problemas de cegueira, porque é ela quen leva as cartas de Castelao con Valentín Paz Andrade ou Ramón Otero Pedrayo. Esas cartas descóbrennos a unha Virxinia retranqueira, intelixente, sensible e comprometida con Galicia que fannos entender porqué acabaron chegando a ese 'nosoutros' malia todas as dificultades.
Falaba antes doutro personaxe, do canteiro Sobral, interpretado por Nancho Novo. Nel podemos ver a todo un pobo.
Este personaxe é a miña debilidade. Nancho novo é a encarnación da dignidade de todo o pobo galego. É un personaxe especial. É ese galego calado, un pouco para dentro, que amosa os seus sentimentos dun xeito retranqueiro, mesmo nos momentos dolorosos, que non dubida tampouco en poñer o corpo e enfrentarse a quen se teña que enfrentar. A súa relación con Castelao é preciosa. Castelao ve nel o elo desa cadea de séculos de transmisión desas obras de arte de creación colectiva, esa sabiduría popular. Castelao ten unha fascinación polo personaxe de Sobral da que Sobral non é consciente. Sobral é un artista que non sabe que o é, mentres que Castelao é un artista que ten sobrada consciencia de selo. Para min, a confrontación entre ambos é das cousas máis bonitas da película.
A labor de documentación que hai detrás do filme serviulle para coñecer unha nova mirada de Castelao?
Lin moitas cousas diferentes, empapeime moito dos seus debuxos... No trazo de Castelao, hai algo único na forma de representar o espazo con poucos elementos terriblemente moderno do que tentei servirme para a composición dos planos e para a dirección por cámara. Sobre o Castelao pensador descubrín os libros de Xoán Carlos Garrido, que para min é a persoa que máis me iluminou no pensamento. Tamén contamos coa axuda do biógrafo Miguel Anxo Seixas.
Por último, veremos na gran pantalla a evolución de Castelao ata converterse no pai do nacionalismo galego e nun dos grandes referentes da nosa cultura?
Encantaríame facer un Despois de nós dentro de quince ou vinte anos cos mesmos actores. Seguramente vaime pillar un pouco maior, pero penso coidarme (ri). Trataríase dunha película diferente na que poderíase abordar o exilio, esa soidade e resistencia da parella conformada por Castelao e Virxinia, e ese mundo do galeguismo na Arxentina. Sería marabilloso, pero nunca se sabe.
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Tiendas de pesca de Galicia apuran las ventas ante la inminente apertura de la temporada de río: 'Esta semana es una fiebre
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- Muere Antón Louro, figura clave del PSdeG en la llegada de Touriño al poder
- Galicia gestionará más de 31.000 solicitudes de agricultores y ganaderos en la PAC, superando los 220 millones
- Médicos de hospitales gallegos dejarán de hacer peonadas ante la «negativa» de la Xunta a negociar el fin de la huelga
- Galicia en el ‘Grand Prix’ de TVE: estos son los pueblos gallegos que aspiran a participar este verano
- Galicia regresa a Netflix: primeras escenas de Luis Zahera en 'Clanes' junto al compostelano Tamar Novas
