Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Foro EL CORREO GALLEGO | Mesa do Agro

Apostar polo rural como medio de vida: "Os produtos do campo galego non teñen teito"

Produtores de mel, queixo, flor e mazá son exemplo de que a incorporación de mozos ao agro é viable. Destacan o potencial de Galicia e puntan a claves como a innovación e a formación. A Consellería de Medio Rural destina máis de 24 millóns ao relevo

Martín G. Piñeiro (moderador), con David Liñares, Isabel Barral, Mª José Gómez, José Balseiros, Santiago Miguélez e Orlando Villamayor, no AC Palacio del Carmen.  | | J. PRIETO

Martín G. Piñeiro (moderador), con David Liñares, Isabel Barral, Mª José Gómez, José Balseiros, Santiago Miguélez e Orlando Villamayor, no AC Palacio del Carmen. | | J. PRIETO

Martín García Piñeiro

Martín García Piñeiro

Santiago

Apicultores cargando colmeas con exoesqueletes, vinagre ecolóxico de mazá para a conserva de marisco, pole de abella galega como superalimento, queixo de Arzúa-Ulloa con trufa , flor mellorada xeneticamente e cultivada con robots... O rural de Galicia de hoxe agocha unha realidade que dista moito daquela imaxe en branco e negro á que se asociou no pasado e que lle roubou prestixio e autoestima. As estatísticas din que o agro segue a ser un sector envellecido e sen relevo, unha tendencia global á que non escapa Galicia. Pero tamén medran os exemplos que confirman que o rural é un mundo de oportunidades "onde traballar a gusto e desenvolver unha carreira".

EL CORREO GALLEGO reuníu a catro deses exemplos de emprendemento e relevo exitoso nunha mesa de debate do seu Foro do Agro, onde xunto coa conselleira de Medio Rural, María José Gómez, se abordaron algunhas das claves para incorporar xente nova á actividade. Do potencial dos novos produtos á importancia dos selos de calidade, pasando pola formación, a innovación ou a simplificación administrativa. E tamén se puxeron sobre a mesa retos como a falta de man de obra.

De todo iso falaron Orlando Villamayor, propietario de Sidra Rabiosa (A Estrada); Santiago Miguélez, de Viveiros Compostela (Boqueixón); David Liñares, de Mel de Liñares (Lalín) e Isabel Barral, de Queixería Barral (Arzúa).

Un momento do foro no AC Palacio del Carmen.

Un momento do foro no AC Palacio del Carmen. / Jesús Prieto

Calidade: diferenciarse para gañar mercado e revalorizar

Orlando Villamayor é a terceira xeración —xa se suma a súa filla— dunha familia dedicada á mazá na Estrada, primeiro produtor en ecolóxico de España. A aposta por ese selo ecolóxico foi clave, «"e agora tamén foi un paso importante certificarnos en Artesanía Alimentaria", porque significa "defender unha forma de facer as cousas na que cremos". Villamayor destaca que a mazá na zona ten "unha produción xa moi importante" e "segue medrando". "A asignatura pendente é a transformación: poderíamos producir máis e promocionar o consumo de vinagre de mazá, de zume...".

Santiago Miguélez é a segunda xeración de viveiristas. Desde Boqueixón "apostamos hai sete anos por certificar a Flor de Pascua co selo de Galicia Calidade", un acerto para unha empresa referente neste mercado. O seu prezo de venta duplica o da planta normal. "A xente paga por ter na casa unha planta bonita, máis grande", explica.

David Liñares é o exemplo de mozo emprendedor do rural, unha aventura para a que receita unha clave: «"Ter moita paixón porque son moitas horas". Sobre as certificacións, Mel de Liñares está en Artesanía Alimentaria e na IXP Mel de Galicia. "Foi un paso importante", explica, nun dobre sentido. Por un lado, pola calidade diferenciada no mercado; pero sobre todo "porque dá seguridade ao consumidor, que sabe que ese produto é seguro e está inspecccionado", algo básico no mel, un dos produtos máis adulterados "no que o 55% do que hai non mercado nin sequera é mel".

Isabel Barral.

Isabel Barral. / Jesús Prieto

Isabel Barral, segunda xeración de Queixería Barral, confirma esta vantaxe de certificarse porque permite "que nos recoñezan" no mercado nacional, "onde ao principio nos preguntaban se era García Ulloa", chancea. En 2021 apostaron polo selo ISF Food, a nivel mundial. "Temos a segunda DO máis grande de España e estamos medrando a un ritmo dun 20% anual", un exemplo da calidade do produto galego. "Temos moi pouca competencia a nivel nacional; en Galicia non temos teito. Asóciannos xa a unha calidade diferenciada na que o consumidor xa non pregunta: colle e listo".

A conselleira de Medio Rural lembrou que Galicia ten 36 selos dentre denominacións de orixe (DO) e identificacións xeográficas protexidas (IXP), ademais do selo ecolóxico do CRAEGA e agora, o de Artesanía Alimentaria "que garante que un produto se fai de xeito tradicional". "O consumidor cada vez recoñece máis Galicia Calidade e todo o que hai detrás". Por iso, a Xunta incrementa en dous millóns, ata os 10, o gasto en promoción, para mercados, unha web e campañas. "O que se gasta en promoción revirte no rural e nos produtores".

Innovación e formación: unha garantía de futuro

Nun mercado cambiante e cun consumidor cada vez máis esixente, non só chega coa calidade, senón que hai que innovar. E para facelo, precísase formación e talento. Na sidra da Estrada foron pioneiros no "agroturismo" coas visitas ás maceiras en flor e aos lagares. "Vimos que hai un público que agradece coñecer todo iso", detalla Orlando Villamayor. Defende que a formación é "fundamental" e avanza as súas experiencias innovadoras. "Subministramos mostras de vinagre ecolóxico de mazá a algunha conserveira galega porque cremos que o futuro pode ir por aí. Sería bo ver axiña en Galicia mexillón galego conservado en vinagre ecolóxico de mazá da Estrada". "Hai moito camiño por percorrer, pero ten que haber rendibilidade neses novos proxectos, para que a xente moza poda sobrevivir no rural", destaca.

Santiago Miguélez.

Santiago Miguélez. / Jesús Prieto

En Viveiros Compostela a innovación chega a través da xenética. "«Xa somos punteiros no sector, pero seguimos incrementando e incorporando liñas novas de planta", avanza Santiago Miguélez, que lembra que o outro gran eixo é o da mecanización e robotización, "fundamental para substituír a falta de man de obra". Tamén lembra que apenas teñen subministro de plantas pequena en Galicia e que compran en Cataluña e Andalucía, o que abre outro nicho de mercado para emprendedores en Galicia.

Ademais de fomentar o apiturismo, David Liñares traballa en dúas liñas innovadoras. "Por un lado o animal, para mellorar a nosa abella galega, que é moi boa porque traballa baixo condicións espectaculares, como con orballo, e tamén garda moita reserva de mel polo que non gastamos tanto alimentándoa". E nos produtos, "na apicultura temos unha serie de produtos moi importantes como pole, xalea real, propóleos, cera... Agora mesmo traballamos con dous GDR para investigar e sacar ao mercado un novo produto: o pole, un superalimento con 22 aminoácidos esenciais e que é todo proteína vexetal".

David Liñares.

David Liñares. / Jesús Prieto

Na Queixería Barral teñen tres proxectos sobre a mesa. O primeiro é "poder cortar os nosos produtos", para ofrecer cuñas e táboas "porque as familias son cada vez máis pequenas e é difícil vender un queixo dun quilo", apunta Isabel Barral, que lembra que a consellería colabora nesa estratexia. Outra liña son os produtos novos, porque así o esixe o mercado, e "imos vender queixo con trufa", xa premiado. Por último, "imos habilitar unha zona de cata para poder recibir peregrinos", xa que Arzúa está no Camiño e é unha gran fonte de promoción.

María José Gómez celebra a innovación do rural galego e agarda que se podan seguir mantendo as liñas de financiamento coa próxima PAC. "Para o ano que vén sacaremos unha convocatoria potente para novas actividades no rural", como a investigación. Unha aposta innovadora "que xa se fai nos nosos centros de formación cos rapaces". "Este ano temos un 9% máis de alumnado nos nosos centros de formación agraria", un «bo indicativo» porque despois moitos deles "volven ás súas explotacións ou abren unhas nova" con formación e capacidade de innovación.

Relevo e man de obra: os freos para a profesionalización

Pero innovar, medrar e profesionalizarse require man de obra formada, algo que ahora mesmo lastra o rural galego. En Sidra Rabiosa súfreno para recoller mazá. "A mecanización é a que ten que resolver iso", di Orlando Villamayor, aínda que para pequenas explotacións "é custoso". E apunta que hoxe a xente non só quere salario senón algo máis: "Mellores horarios, facilidade, flexibilidade...".

Santiago Miguélez confirma que nos viveiros "tivemos que automatizar todo o posible" pola falta deman de obra, "sobre todo xente cualificada". "Hai que suplilo con robots e mecanizado", insiste. Sen xente é imposible medrar "e incluso xa nos custa abarcalo todo". "Pero se tiveramos o dobre de planta, venderíase", lamenta.

Orlando Villamayor.

Orlando Villamayor. / Jesús Prieto

Nesta mecanización, a apicultura é un oasis "porque mentres moitos sectores evolucionan, aquí o traballo faise como na época dos meus bisavós", di Liñares. "O que evolucionou foi o envasado e a extracción, pero o resto segue a ser un traballo moi físico". De feito, para evitar os danos de cargar alzas de 30 ou 40 quilos nas súas 800 colmeas experimentan con exoesqueletes. El é partidario de non edulcorar esa dureza do traballo para que a xente que chegue non se frustre. Tamén lembra que están limitados para a man de obra "porque non podemos seleccionar xente alérxica". E cre que fai falla "máis formación" nun sector "complexo para profesionalizar" como o da apicultura, con explotacións medias moi pequenas e familiares.

Queixería Barral ten un plan para chegar a 49 nóminas en dous anos. "Agora mesmo parecemos a ONU", chancea a dona, porque "hai xente de sete nacionalidades" ante a falta de man de obra galega. "Buscamos traballadores debaixo das pedras, pero tes que axudarlles cos papeis, buscarlles casa, solucionar o desprazamento... Este é un reto enorme que temos no rural». E engade un foco de preocupación: "As baixas e o absentismo laboral". "A frustración é enorme", conclúe.

María José Gómez recolleu a luva. "A falta de man de obra é un problema de todos os sectores, aínda que se focalice no rural. A tecnificación si que pode axudar, pero a realidade é que se precisa xente e a maioría son inmigrantes". Ante esa realidade, a conselleilra aposta por "axilizar a nivel adminstrativo" os permisos para que podan traballar segundo entran no país. "Sería unha motivación para eles e para as empresas".

A conselleira María José Gómez.

A conselleira María José Gómez. / Jesús Prieto

«Emprender no rural esixe certa paixón, non pode ser unha obriga»

Ao despacho de María José Gómez chega a diario o pulso do campo de Galicia: as cousas boas pero tamén as menos boas. E desde a visión global que lle dá o cargo, sostén que este 2025 está a ser "un bo ano para o rural e o agro galego". Basea a súa afirmación en varios factores, como "a estabilidade de prezos" no leite e na carne e o "cada vez maior" recoñecemento dos produtos galegos fóra. "É certo que sempre hai ameazas", engadiu, sen esquecer por exemplo que Galicia sae dun verán "complexo" polos lumes; pero defende que, malia todo, a situación xeral "é boa" no rural, xa que vive "un certo período de estabilidade".

Para o que lle vén por diante ao sector a curto prazo, a consellería que dirixe disporá dun 1% máis de orzamento en 2026, co que superará a barreira dos 700 millóns de euros, un recursos que terán tres liñas prioritarias de actuación: relevo xeracional, calidade alimentaria e ordenación do territorio.

"Seguiremos investindo para reorganizar o noso territorio e ese minifundio que nos caracteriza", explica a conselleira natural de Guntín. "Reservamos unha partida moi importante para a mobilidade de terras", así como outra "para a promoción dos nosos produtos", lembra Gómez. Pero tamén hai recursos para a industria, "porque é moi importante transformar". Esa transformación que permite pechar o ciclo produtivo en Galicia e xerar así valor engadido, polo que hai que dispor de industria para facelo, sostén.

En canto ao relevo xeracional e á incorporación de xente moza ao campo, María José Gómez, que ten explotación familiar de leite na casa e fala pola súa propia experiencia, achega a primeira clave: "Sempre aconsello que aquel que queira emprender no rural debe ser porque quere, ten que haber certa paixón, non pode ser por obriga como ocorreu durante moitos anos".

Unha vez se teña clara esa premisa, a conselleira lembra que o rural galego é moito máis que produción de carne e leite, malia que é do que máis se fala. "Hai moitos máis sectores e moi diversos", apunta, como o mel, o queixo, a horta, a flor, o liño, a fresa o aguacate, o kiwi... "Son actividades e cultivos que hai tan só uns anos eran impensables en Galicia", lembra.

Puxo como exemplo desas novas apostas algúns dos compañeiros de mesa de debate, como a mazá de sidra. "Antes todas as mazás que se producían en Galicia iban para fóra, pero agora xa as transformamos aquí", que é un dos obxetivos. "Transformar nós mesmos cantos máis produtos, mellor, para deixar aquí o valor engadido".

E o mesmo no caso da flor e a planta ornamental. "Falamos dun sector moi potente e en crecemento, que dá moitos postos de traballo... Máis de 1.500 empregos, que se di pronto", a maioría mulleres do rural.

Para afondar nesta liña, a Consellería de Medio Rural duplica o orzamento para a tutorización da mocidade, e destinará uns 24 millóns de euros para fomentar ese relevo xeracional e a incorporación de xente ao campo o vindeiro ano.

Tracking Pixel Contents