Bertín Osborne, no Salnés: «Eu estou galeguizado desde hai 40 anos»
O cantante andaluz arranca este luns, ás 22.50 horas na TVG, a súa galeguización da man de Eva Iglesias
Xuntos visitan unha adega, unha capela e un restaurante para facer unha empanada

Bertín Osborne e Eva Iglesias, na capela de San Amaro, en Meaño / TVG
Bertín Osborne regresa a Galicia disposto a poñerse a proba. Hoxe luns ás 22.50 horas chega á TVG A miña gran cidade. Corazón galego, un novo formato no que as celebridades de fóra deberán superar seis experiencias para conquistar o seu carné de corazón galego.
O primeiro aspirante é o cantante andaluz, acompañado pola incombustible Eva Iglesias. O escenario: o Salnés, berce do albariño e o bo marisco. «Con Eva calquera cousa é imprevisible, pero vaime encantar seguro», anuncia Bertín antes de comezar. E razón non lle falta: a xornada entre ambos é un percorrido pola Galicia máis auténtica, dende a tradición das aldeas á música e a gastronomía do país. El xa confesa dende un inicio: «Estou galeguizado dende hai 40 anos».
A primeira experiencia lévaos á aldea de San Amaro, en Meaño, onde os recibe Lola, veciña devota e fan declarada do invitado. «Santo Amaro era o discípulo de San Bieito. Este é o pobre; San Bieito, o rico», explica. Eva non tarda en poñer o punto de retranca: «Boa falta che fai un santo avogoso para a reuma, que xa tes unha idade». A veciña tamén lles fala da Virxe da Lanzada e da tradición das mulleres que se bañaban na noite agardando as nove ondas para quedaren embarazadas. «Que as manden á miña casa, e non hai problema», responde el entre risas.
«Crieime nunha adega!»
No pequeno templo, o campaneiro Rogelio ensínalles a distinguir os diferentes toques e lamenta a perda desta linguaxe: «O problema estivo nos 70 e 80, coa chegada das máquinas. Os rapaces novos xa non saben tocar as campás».
A segunda experiencia celébrase entre viñas. Bertín, está coma peixe na auga: «Eu son moi bebedor de viño branco, e só bebo albariño e ribeiro». Eva lévao á adega A do Ferreiro, onde os fillos de Gerardo Méndez, Manuel e Encarna, explican o segredo do albariño. «O noso solo non retén a humidade. Pode chover moito, pero seca rápido», comenta Encarna. Bertín, atento, asente e confesa que tiña pensado mercar un pazo no Rosal, pero a produción anual de 20.000 botellas non lle era abondo. Eva aproveita para picar: «Pero para que queres ti un pazo? Os ricos non tedes onde meter os cartos!». El retruca doído: «Pero se estou teso!», provocando a risa xeral.
O cantante sorprende a Eva falando con soltura de vendimas e barricas: «Vida miña, chámome Osborne, crieime nunha adega!». E lembra a súa nomeación como cabaleiro do albariño por Fraga en Cambados: «Déronme unha capa preciosa e cando ía levala dixéronme que tiña que devolvela!». Eva, previsora tras a experiencia en Rianxo cando o seu convidado lle botara en cara que o viño non estaba abondo frío, tiña preparado un capacho con xeo para refrescar o viño. Porén, Bertín, ben por gusto ben por decoro, agradeceu a temperatura na que viña o viño: «Así si, este está perfecto».
«Que pouco xeito tes!»
A terceira parada lévaos á Quinta de San Amaro, onde os agarda a cociñeira Rocío Garrido. O reto: facer unha empanada de millo con mexillóns. Na cociña, póñense coas mans á masa, literalmente. O andaluz remexe, amasa con paciencia e boa letra e Eva, implacable, apúrao: «Que pouco xeito tes, Bertín!».
Logo de tres experiencias no Salnés, Bertín avanzou no seu proceso galeguizador. Pero o camiño cara ao carné de Corazón Galego aínda non remata. Quédanlle por diante tres novas probas —aprender a tocar a pandeireteira, subirse a unha batea e un xantar de fartura— que decidirán se o sevillano pode presumir de galeguidade total.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- De boquete de 200 metros a destino turístico: Galicia entra en la nueva red de municipios del carbón
- Dos localidades gallegas se suman a la red de los Pueblos más Bonitos de España
- El cocinero Martín Berasategui prueba las delicias de Galicia: 'Nos saludó uno por uno a todos y nos felicitó por el trabajo
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí
- Fin al límite de 100 km/h para ir de Santiago a Lugo por la A-54: 'Era algo anómalo y generaba malestar