«Compostela Aberta, os ‘rosonistas’ e Sumar deben ir xuntos ás municipais»
Malia a súa amarga estrea nas autonómicas galegas, os de Yolanda Díaz insisten en que, sen eles, o cambio político non será posible en Galicia
A día de hoxe traballan «caladamente» para gañar estrutura territorial, co convencemento de que chegarán «fortes» as vindeiras convocatorias

Paulo Carlos López, secretario xeral de Sumar Galicia / Jesús Prieto

«Sabemos gobernar e así o demostramos no Goberno do Estado», afirma con rotundidade o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia. Paulo Carlos López traballa coa súa executiva para construír unha organización «sólida» que, avanza, se presentará nas sete cidades galegas nas municipais de 2027.
Un ano despois da elección da nova executiva de Sumar Galicia, como está a organización?
Mellor que hai un ano. Se non temos unha organización sólida, non hai posibilidade de cambio en Galicia. Así que deixamos as urxencias electorais e centrámonos en construír os órganos de dirección e en traballar nas comarcas. Levamos constituídas case unha decena de comarcas e ese é o traballo que nos queda, seguir capilarizando a organización.
A sensación é que non avanzan...
É un traballo que aínda non loce, porque é máis interno, e estamos facéndoo dunha forma calada e teimuda coa idea de estar nas mellores condicións para dentro de 2 anos. Oobxectivo é medrar tanto en militancia como en simpatizantes. Militancia que asiste ás reunións, que paga unha cota e que se implica directamente. Ese concepto que foi herdado do que se concibiu como nova política de inscrito ou ciberinscrito era difuso e non construía organización.
«Estaremos fortes para facer un bo papel nas xerais e, por suposto, nas galegas do 2028»
Sumar non é Podemos...
Sumar non é Podemos. É algo distinto desde a perspectiva da cultura política, desde a perspectiva programática, porque temos unha vocación innata de goberno, e dende a perspectiva de respectar a plurinacionalidade, cousa que Podemos non fixo, non fai e polo que vexo non fará. Está instalada nun centralismo desorbitante.
Cando estarán en condicións de competir electoralmente? Nas autonómicas de 2028?
E nas municipais de 2027 tamén. Estaremos fortes para facer un bo papel nas xerais e, por suposto, nas galegas do 2028.
En que concellos contan presentarse ás municipais?
Estaremos nas sete cidades galegas dunha forma ou doutra. Estamos traballando para iso, tamén en Santiago de Compostela.
En solitario ou buscarán unha coalición con outras forzas?
Cremos que Compostela Aberta, Sumar e os ‘rosonistas’ [por Mercedes Rosón, concelleira non adscrita, expulsada do PSOE] deberan ir nunha única candidatura na que as siglas non sexan o importante.
Xa se está negociando iso?
Aínda non.
Postularíase como candidato?
Non o descarto.

Paulo Carlos López, secretario xeral de Sumar Galicia / Jesús Prieto
En todo caso, que lle falta a Sumar Galicia para demostrar que está viva e ten proxecto?
O que necesitamos é tempo. Somos unha organización que naceu hai dous anos, pero temos algo no noso ADN que temos que intentar transmitir: facemos boas políticas públicas e sabemos gobernar, e así o demostramos no Goberno do Estado. Pero, ademais, pretendemos realizar un cambio estrutural nas relacións capital-traballo. Demostrámolo cando subimos o salario mínimo, cando fixemos a reforma laboral, cando reforzamos a capacidade das persoas traballadoras para poder negociar con máis forza nos convenios colectivos... Mudar todo isto non é fácil, pero é a mellor ferramenta para poder facer que a xente viva mellor. E niso estamos.
A súa elección como secretario xeral contou co respaldo de Yolanda Díaz. Que papel ten no deseño da estratexia política de Sumar Galicia?
Yolanda Díaz é o maior capital político que temos a nivel estatal e está informada de todos os pasos que damos. E, por suposto, ten un cariño especial pola organización polo feito de ser galega.
Pero, manda en Galicia?
Ten evidentemente unha grande influencia. Se hai algunha decisión estratéxica sempre a consultamos, como é natural. Pero o día a día levámolo outras persoas, tanto Verónica Martínez Barbero, voceira de Sumar no Congreso e presidenta de Sumar Galicia, coma o resto da Executiva máis eu.
«Yolanda Díaz segue sendo unha líder moi valorada e representa a política máis profundamente transformadora de Europa»
Segue sendo un activo electoral en Galicia?
É un activo electoral para Sumar a nivel de Estado, para Sumar Galicia e para todo o espectro progresista. Yolanda Díaz segue sendo unha líder moi valorada e representa a política máis profundamente transformadora de Europa. Así se recoñece tamén fóra das nosas fronteiras e creo que aínda ten moito que dicir na política española.
As enquisas prognostican outra cousa...
As enquisas radiografían o momento. Non vou dicir que non valen, pero responden a intereses tanto duns como doutros. As xerais do 2023 daban á dereita como gañadora, mesmo con 200 deputados. Ao final, non foi así.
Fracasaron na súa estrea nas autonómicas galegas. De cara á cita do 2028, cal cren que é o principal problema que ten Galicia?
O primeiro, o da vivenda. É un problema crónico, a auténtica aspiradora do salario da clase traballadora e por iso dentro dunhas semanas imos presentar unha iniciativa lexislativa popular con outras organizacións para intentar actualizar a lei de 2012 do Parlamento de Galicia, cunha idea principal que é intervir o mercado. E esa intervención pasa polo control dos alugueiros.
«Creo que é posible un entendemento poselectoral coas forzas de esquerda en Galicia se dan os números. Estou seguro»
Para que haxa cambio político en Galicia, ten que haber unha alianza das forzas da esquerda. Realmente visualiza un tripartito en Galicia?
Co Partido Socialista temos unha tradición de coalición curta, pero unha tradición xa no Goberno do Estado, e tamén co BNG temos unha interlocución no que foi a maioría de investidura de Pedro Sánchez, o que nos permite, digamos, establecer unha interlocución fluida. Creo que é posible un entendemento poselectoral se dan os números. Estou seguro. Oxalá chegue ese momento. Estamos, insisto, traballando para que realmente chegue.
O seu liderado en Sumar Galicia parece indiscutible. Que lle aporta vostede á organización?
Traballo e perseverancia, que son fundamentais para unha organización que está nacendo. Tamén a experiencia de case dúas décadas de activismo estudiantil e activismo político. E finalmente o que aprendo da miña profesión, porque ser profesor de ciencia política permite coñecer como funcionan as políticas públicas e cales son os mellores mecanismos para redistribuir a riqueza.
Fai política, pero non vive da política...
Sempre vivín do meu traballo. Cada quen pode escoller o seu camiño profesional. Pero eu creo que podo aportar máis á política se teño a miña profesión porque non estou preso da condición política.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- De boquete de 200 metros a destino turístico: Galicia entra en la nueva red de municipios del carbón
- Dos localidades gallegas se suman a la red de los Pueblos más Bonitos de España
- El cocinero Martín Berasategui prueba las delicias de Galicia: 'Nos saludó uno por uno a todos y nos felicitó por el trabajo
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí
- Fin al límite de 100 km/h para ir de Santiago a Lugo por la A-54: 'Era algo anómalo y generaba malestar