O doutor Juan Gestal, Medalla de Balnearios de Galicia polo seu compromiso dende a USC co termalismo médico
Leva quince anos formando a máis de 2000 futuros médicos neste campo e difundindo o valor terapéutico das augas mineromedicinais galegas

O doutor Juan Gestal recibirá a Medalla de Balnearios de Galicia o próximo 22 de novembro / Cedida
El Correo Gallego
A Asociación de Balnearios de Galicia celebra o seu 40 aniversario cun acto que terá lugar o 22 de novembro na facultade de Medicina da Universidade de Santiago, coa colaboración de Turismo de Galicia. No transcurso do evento entregarase a Medalla da Asociación ao doutor Juan Gestal Otero, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, polo seu compromiso e impulso á hidroloxía médica na nosa comunidade.
O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, salienta que “a Asociación naceu hai corenta anos movida polo convencemento absoluto do noso potencial, da calidade das nosas augas como factor terapéutico”. Nesta liña, sinala que “en Europa xa entón a cura balnearia sufragábaa en parte a Seguridade Social, pero en Galicia aínda seguimos a traballar para demostrar que mellora a calidade de vida dos termalistas, co consecuente aforro do gasto farmacolóxico. Esta inquedanza levounos en 2010 á creación da Cátedra de Hidroloxía Médica coa facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Agora queremos recoñecer o labor realizado polo doutor Gestal neste tempo, a súa implicación por formar aos futuros médicos neste campo e difundir entre o ámbito sanitario pero tamén entre o conxunto da poboación as propiedades terapéuticas das nosas augas”.
Impulsor da Cátedra xunto ao finado doutor Luis Rodríguez Míguez, o doutor Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, amosa o seu agradecemento a esta homenaxe da Asociación de Balnearios de Galicia. Explica que a docencia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na facultade de Medicina da Universidade de Santiago en 2006, froito dun acordo coa Asociación. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que neste tempo xa levado formado a máis de 2000 alumnos.
Retos de futuro
“Na Cátedra temos como obxectivo que a cura balnearia, como ocorre noutros países de Europa como Italia ou Francia, sexa incorporada nas prestacións do Sistema Nacional de Saúde. Ademais dos importantes beneficios para a saúde da poboación, suporía un importante pulo para o desenvolvemento do medio rural, onde están instalados a maioría dos balnearios” -manifesta o doutor-.
“Por outro lado, estamos a avanzar na unificación dos protocolos terapéuticos dos balnearios, adaptándoos aos aplicados noutros países de Europa. Isto permitiranos implantar a historia clínica electrónica -Termagal- en todos os centros termais de Galicia, o que contribuirá notablemente ao desenvolvemento de importantes investigacións neste eido, centradas nos efectos terapéuticos das augas mineromedicinais” -salienta-.

O doutor Gestal nunha conferencia na USC / Cedida
As patoloxías crónicas e o envellecemento da poboación
O doutor sinala que “a Cátedra naceu co obxectivo de contribuír a que os futuros médicos coñezan as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen en Galicia e a súa relevancia na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos de evolución crónica”. Nesta liña, destaca a efectividade das augas no tratamento da dor, nas patoloxías reumáticas, respiratorias, dermatolóxicas…, xunto aos seus beneficios de cara a un envellecemento activo. Pon de relevo que “as bondades das nosas augas son coñecidos e empregados desde hai máis de 2000 anos. Nos últimos tempos, a balneoterapia está a cobrar unha gran relevancia dentro da Medicina debido, fundamentalmente, a dous factores: o progresivo envellecemento da poboación, que conleva un enorme incremento das patoloxías crónicas; e o interese actual pola promoción da saúde, na que a balneoterapia xoga un papel esencial”.
O doutor pon de relevo que, ademais da formación dos futuros facultativos, desde a Cátedra elabóranse publicacións para dar a coñecer os beneficios da cura termal, en particular o “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia” , que se distribúe entre todos os médicos e MIR en formación da comunidade das especialidades de reumatoloxía, traumatoloxía, pneumoloxía, dermatoloxía, rehabilitación, pediatría e medicina familiar; que recolle as principais indicacións e procedementos de aplicación dos diferentes tipos de augas dos balnearios galegos. Ao longo destes anos tamén editou outro tipo de publicacións, como guías didácticas para escolares. Nesta liña, Gestal indica que se van realizar novas iniciativas para os máis pequenos.
A frutífera traxectoria do doutor Gestal
Juan Jesús Gestal Otero (Muros, 1947) é membro do Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia, académico numerario das Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia e académico correspondente das Academias de Medicina de Buenos Aires e Paraguai. Foi xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago, director xeral de Saúde Pública e decano da facultade de Medicina da USC.
Ten dirixido e participado en 35 proxectos de investigación competitivos. Dirixiu 53 teses de doutoramento e publicou máis de 100 artigos científicos en revistas internacionais. É autor de 30 libros, entre eles Pandemias. Las epidemias que asolaron la humanidad e Riesgos del trabajo del personal sanitario. Organizou os primeiros másteres de Saúde Pública, de Administración e Xestión Sanitaria, de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, e de Técnicos Superiores de Prevención de Riscos Laborais de Galicia, así como os Cursos Universitarios de Especialización en Vacinas.
Entre outras distincións, é Doutor Honoris Causa pola Universidad Nacional de Ica (Perú), Insignia de Ouro da USC, Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Vila de Muros, Medalla de Ouro da Academia Médico-Quirúrgica de Santiago, Medalla Solidariedade COVID-19 da Asociación Histórica da Garda Civil, membro de honra e Medalla de Ouro do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña, Galego do Ano 2021 do Grupo Correo Gallego, Medalla de Ouro da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. Tamén é membro de honra da Asociación Médica Argentina, da Sociedad Cubana de Microbiología y Parasitología e da Sociedade Portuguesa de Medicina do Traballo.
Anteriores galardoados coa Medalla de Balnearios de Galicia
Balnearios de Galicia instituíu as Medallas da Asociación no ano 2000. Manuel Fraga Iribarne foi o primeiro galardoado polo seu apoio ao sector como presidente da Xunta de Galicia. Ese mesmo ano entregóuselle a título póstumo a Marcial Campos Fariña debido ao prestixio internacional que conseguiu o sector grazas ao seu labor desde Termas de Cuntis. En 2001 premiouse a Aurelio Miras Portugal, daquela director xeral de Turismo. En 2005 recaeu na hidróloga Josefina San Martín Bacaicoa e no enxeñeiro de Minas Antonio Ramírez Ortega. En 2007 recibiuna o doutor Luís Rodríguez Míguez, titular da cadeira de Hidroloxía Médica da Real Academia de Medicina de Galicia e impulsor xunto ao doutor Gestal da Cátedra de Hidroloxía Médica. En 2009 foi para Eduardo Laherrán de la Sota, en recoñecemento á súa contribución ao termalismo galego desde a dirección de Baños de Molgas e como socio fundador da Asociación. En 2013 outorgóuselle ao Imserso, coincidindo co 25º aniversario do seu Programa de Termalismo Social.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- De boquete de 200 metros a destino turístico: Galicia entra en la nueva red de municipios del carbón
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- Galicia también estará en el Mundial 2026: así es la canción con sello gallego que sonará en todos los partidos
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí