RAÍCES
"Co cambio climático prosperará o viñedo no norte de Galicia ao ter máis horas de sol"
Ézaro Ediciones presenta na feira Xantar de Ourense ‘Los grandes vinos gallegos’, a última obra do historiador do Morrazo Xavier Castro, na que o viño é protagonista e preséntase como peza fundamental "nese cordón umbilical que conecta a Galicia urbana coa rural"

Xavier Castro Pérez (Cangas, 1954). / Ézaro Ediciones

'Los grandes vinos gallegos detalla a historia e características das dez áreas produtoras de viño en Galicia. "É unha forma de pór en valor o traballo de viticultores e adegueiros que, coa súa paixón e respecto pola terra, proxectan a nosa identidade máis alá das nosas fronteiras", di o autor, o historiador, ensaísta e investigador Xavier Castro.
Que tipo de libro atopamos en 'Los grandes vinos gallegos'?
É un libro de historia dos viños galegos que inclúe ademais unha guía para escoller os mellores de cada zona. Conta a historia dos viños, a súa realidade presente e a súa socioloxía; e por outra banda recolle unha valoración de cata a modo de guía, como obra de consulta complementaria.
Que viños elixiu para esa cata?
Son os mellores viños das cinco Denominacións de Orixe e das cinco Identificacións Xeográficas Protexidas, de todas as adegas. Porque o que fai é recoller catas de varias guías especializadas e resúmeas de forma sinxela e directa para o lector, para que escolla o que considere mellor.
O libro é para todos os públicos, é ameno e inclúe unha guía e poemas sobre o viño
Entón, estamos ante un libro que serve tamén para aprendices.
Para todo o mundo. Porque conta de forma sinxela o que sabemos sobre os nosos viños, a través de investigacións alleas e propias. E inclúe partes máis amenas, como unha selección dos mellores poemas sobre o viño, por exemplo.
E a que conclusións chega con esas investigacións?
Pois que os nosos viños son un tesouro e viven un momento de gloria, acadando altas consideracións en guías internacionais como Parker. Xa non se fan malos viños en Galicia. Houbo unha revolución desde os anos 70 para aquí que fai que teñamos viños excelentes.
Antes falou dunha parte sociolóxica do viño en Galicia. Cal?
As múltiples funcións sociolóxicas que tiña. O viño era un alimento, pero tamén unha menciña, porque así figura na medicina popular e, de feito, ata os anos 60 falábase de viños medicinais. O viño tamén era un estímulo; por exemplo, para ir a traballar tomábase viño quente ou sopas de cabalo canso para afrontar este clima áspero que temos. O viño tamén era festa, sociabilidade, taberna, comida... Digamos que facía fluír as redes sociais da época. Tamén se usaba o viño para rubricar acordos, como os dos tratantes: «Veña, viño e morra o conto», dicían. E tamén era indispensable nas promesas de matrimonio e no amor. En resumo, ter viño era ter calidade de vida e non telo, pois era unha merda [ri].
Ata os anos 60 o viño usouse como medicamento, existían os viños medicinais
Cal é a repercusión de toda a cultura do viño, desde a produción ao consumo ou ao enoturismo, no rural de Galicia?
O viño ten un grande impacto non só no rural, senón no conxunto da sociedade, e non só a nivel económico. O rural de hoxe non é o de antes: agora está moi vencellado ao mundo urbano, hai un cordón umbilical entre ambos mundos e o viño flúe por el. O 70% dos habitantes de Galicia teñen vínculos co campo, entón existe esa conexión.

O autor, Xavier Castro. / Cedida
"O minifundio non é malo nun mundo onde se valora o singular, a raíz, o autor..."
Tamén hai moito minifundio no noso viñedo.
Hai moito minifundio, si. No Salnés hai adegas importantes, pero o 70% dos viticultores son minifundistas. Pero penso que neste caso non é algo negativo, senón que é unha riqueza. A razón é que son producións pequenas, a miúdo ecolóxicas, para autoconsumo ou venda de excedentes. E máis nun contexto mundial onde se valora ese viño singular, orixinal, peculiar, de raíz, de autor... Galicia ten iso. E teno ademais con variedades propias de uva, xenuínas e auténticas, que cobraron importancia nas últimas décadas desterrando outras variedades que triunfaron a raíz das epidemias que arrasaron o viñedo. Plantáronse esas variedades porque eran moi produtivas, pero de menos calidade. A partir dos anos 70, coa entrada na UE e a aposta da Xunta por recuperar as variedades autóctonas, mellorou moito a calidade dos nosos viños.
Pero tamén veñen desafíos por diante. Hai temor no sector ás campañas contra o alcohol ou a taxa cero que se vai impor ao volante. De feito, xa se percibe un descenso no consumo.
O consumo moderado de viño non tería que ser repudiado. Os médicos avisan de que calquera consumo de alcohol é nocivo para a saúde, pero só ven órganos soltos como riles, fígado... sen considerar o ser humano como un todo. Un pouco de viño levanta ánimos, xera empatía entre a xente, benestar... E iso algo de san terá, non?
O viño tostado galego leva alomenos 700 anos facéndose e é menos artificial que o Porto ou o Xerez"
Outra clave do futuro do viño en Galicia: vemos vides cada vez máis ao norte, en zonas onde historicamente as houbo pero logo se perderon. Agora co cambio climático recupéranse no Barbanza, Betanzos, Ferrol e incluso A Mariña de Lugo.
No norte de Lugo houbo viño historicamente, en Ribadeo ou Viveiro. Antes, se non producías viño non o bebías, porque o comercio era complexo. Cando se produciu unha mellora no transporte e as comunicacións, avanzou a comercialización e eses lugares abandonaron a produción porque xa o podían mercar. Agora o quecemento global pode mudar iso, porque o viño depende moito da insolación. O invento da parra, por exemplo, é unha forma de elevar os acios para que lles dea máis o sol e logren así máis azucre e máis alcohol, á vez que tamén se separan da humidade da terra, que sempre xera enfermidades. Penso que agora vemos como en zonas máis ao norte de Galicia, onde o nivel de insolación era insuficiente e agora é dabondo, se plantarán viñedos e prosperarán. Todo está no saber facer, pero as posiblidades son elevadas, en todas partes.
Tamén cita os viños tostados galegos como un tesouro, pero son moi descoñecidos.
O tostado é un viño que se fai en Galicia desde alomenos hai 700 anos, coas mellores uvas, como treixadura ou caíño, pendurando os acios das vigas nun proceso de pasificación, no que se deshidratan. Logo exprímense e ferméntanse, e como son uvas con moito azucre sae un viño escaso e xeneroso, tostado, unha especie de Xerez, pero máis natural, que alcanza 14 ou 15 graos de forma natural, sen reforzo alcohólico. Iso é algo que non consegue o Xerez, o viño de Málaga ou o Porto, que son máis artificiais. O viño tostado galego é de absoluta excelencia e ten un potencial enorme. Por agora só o fan algunhas adegas do Ribeiro e Valdeorras. Pero é un tesouro.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- De boquete de 200 metros a destino turístico: Galicia entra en la nueva red de municipios del carbón
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- Galicia también estará en el Mundial 2026: así es la canción con sello gallego que sonará en todos los partidos
- Mariano Rajoy, en Santiago: 'Nací aquí, estudié aquí y mi carrera política empezó aquí