Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ana Pontón Portavoz Nacional do BNG

"A secuencia na Xunta é clara: Madrid manda, Rueda obedece e Galicia perde"

A líder do BNG acaba de chegar de Arxentina e Uruguai, unha axenda internacional para "pór Galicia no mundo". No doméstico, avisa que "a sombra de Feijóo é alongada" e mantén a Rueda "submiso aos intereses do PP de Madrid". E amósase preocupada pola "corrupción sistémica das forzas estatais".

Ana Pontón Mondelo (Sarria, 1977).

Ana Pontón Mondelo (Sarria, 1977). / Antonio Hernández

Martín García Piñeiro

Martín García Piñeiro

Santiago

Ana Pontón reforzou a súa axenda internacional dun tempo a esta parte. Acaba de chegar de viaxe de Uruguai e Arxentina. A que responde esta estratexia exterior que non foi tan intensa noutros líderes do Bloque?

Hai dúas cuestións importantes. Por un lado, o contacto coa comunidade galega no exterior, porque lle damos oportunidade para que coñezan mellor o proxecto de goberno do BNG e facemos máis lobby como galegos. E á súa vez, vemos experiencias de éxito que podemos aproveitar para a dinamización económica do noso país. Por outra banda, para nós é importante estreitar vínculos con outras forzas políticas e proxectar Galicia no mundo. De feito, unha das grandes carencias desta Xunta é a da axenda exterior.

Está en Suramérica a solución a problemas estruturais de Galicia como o demográfico ou o laboral a través do retorno de emigrantes?

En todas partes podemos aprender algo e hai que ver mundo para saber que cousas de fan e que podemos copiar, non mimeticamente, pero si para inspirarnos. En Uruguai, por exemplo, paréceme interesante a aposta que fixeron por un sector público da enerxía, que é un dos grandes debates que temos en Galicia. Alí ese modelo permítelles ter un retorno relevante de recursos que logo se invisten en políticas sociais. En Galicia, o modelo do PP é expoliar o país para beneficiar as empresas sen ningún beneficio para os galegos. Nós tamén apostamos por unha empresa pública e defendemos a tarifa eléctrica galega.

Referíame sobre todo a se o retorno de emigrantes é a solución á falta de man de obra ou á caída demográfica?

O retorno é unha oportunidade para moita xente, por exemplo en Arxentina, que ten unha crise económica importante. Que ocorre? Que a iniciativa que a Xunta puxo en marcha, copiada por certo dunha proposta do BNG, non ten demasiado impulso. Falamos dunhas 2.000 persoas beneficiadas, unha achega pequena sobre o volume de galegos e descendentes que hai na emigración. Agora propoñemos incrementar un 50% dos fondos dese programa de retorno e analizar que está fallando para que moita xente que está a buscar un modelo de vida fóra do seu país non aposte por Galicia.

Euskadi, Cataluña e España teñen institutos para promover as súas linguas. Galicia non e o galego é o único castigado

Detecta unha perda de vínculo con Galicia na colectividade ou mantense un sentimento forte de conexión con Galicia?

Hai un sentimento forte, pero agora ábrese unha nova realidade a través da Ley de Memoria Histórica, coa que se vai incorporar un número importante de galegos de segunda e tercera xeración. Aí temos o reto de revivir ese vínculo con Galicia, pero hai que facer un labor máis forte para que esa raíz se manteña. Alí vin xente aprendendo o noso idioma e a nosa cultura, pero debemos incrementar a oferta. Para iso, o BNG propón crear o Instituto Rosalía de Castro, como ente para a proxección internacional da lingua e a cultura de Galicia. Euskadi, Cataluña e España teñen estes institutos, e a lingua galega é a única que está castigada nesa proxección internacional. Aí vese o desinterese da Xunta respecto da lingua, por iso está en situación crítica e non é froito da casualidade, senón resultado das políticas antigalegas do PP.

Pontón, nun corredor do Pazo do Hórreo.

Pontón, nun corredor do Pazo do Hórreo. / Antonio Hernández

"Agardar un mes para ir ao médico non é normal nin aceptable"

A Xunta xa ten os Orzamentos de 2026 practicamente listos. O BNG rexéitaos. Que cambiaría?

Cambiaría o orzamento de arriba a abaixo, porque non vai solucionar os problemas de Galicia. Ten moita propaganda e poucas solucións reais. De feito, repítense os titulares doutros anos, mentres o problemas dos galegos medran. Un exemplo é a vivenda, onde falan dunha aposta sen precedentes e logo vemos que a execución orzamentaria en vivenda vai con moito atraso. Os orzamentos cronifican os retrocesos sociais e o estancamento económico de Galicia.

O BNG mantén a sanidade como un dos seus cabalos de batalla. Os problemas da sanidade resólvense con cartos neses Orzamentos ou precisan de algo máis?

Agora mesmo temos un problema moi importante en Atención Primaria, que sufriu un recorte acumulado de 1.650 millóns de euros. Polo tanto, a falta de recursos xera problemas graves, porque unha espera dun mes para ir ao médico de cabeceira non é normal, non é aceptable e supón un deterioro importante da saúde pública. Igual que a demora nas consultas de dignóstico, porque o que están atrasando é a posibilidade de ter unha solución ao teu problema e evitar danos maiores. E vemos un persoal farto de precariedade, das ocorrencias e do maltrato desta Xunta. Así que creo que na sanidade galega faltan tres cousas: recursos económicos na pública, que se están desviando á privada, onde este ano haberá un orzamento récord de 300 millóns; investir máis en Atención Primaria, porque estamos segundos de España pola cola; e ir a un novo modelo de Primaria máis multidisciplinar. Se se amplían especialidades como psicoloxía clínica, podoloxía, terapia ocupacional... iso descargará aos médicos de cabeceira. Por que non se fai? Porque o PP non quere. A súa idea é clara: desmantelar o público para beneficiar o privado, como vemos no número de galegos que contratan un seguro médico. Pero isto mesmo pasa na atención aos maiores nas residencias.

O PP acúsaos de ser os do non: á eólica, á industria, ao biogás... Por onde pasa entón o futuro industrial de Galicia?

O PP está moi nervioso co BNG. En vez de dedicarse a gobernar dedícase a facernos oposición, e ademais desde o bulo e a mentira. Temos un 'bulogoberno' e un 'bulopresidente' e iso denota a falta de proxectos do PP. O BNG claro que defende un modelo alternativo á megaminería contaminante e á macrocelulosa. Nós defendemos un desenvolvemento sustentable, no que a enerxía se planifique e no que se teña en conta o medio ambiente e o rural. Galicia non pode ser un lugar onde veñan as empresas arrasar con todo e deixarnos as súas consecuencias. Vémolo co litio, porque nos queren impoñer unha explotación que arrasará unha zona enteira, pero ese litio non se transformará aquí senón en Zaragoza, onde vai crear 4.000 empregos. O modelo do PP é ese: aquí extráense os recursos e os procesos industriais van fóra. Rueda está subordinado aos intereses das grandes empresas pero iso é letal para o futuro de Galicia, porque nun momento de cambio como o actual esa política pode pasarlle factura a moitas xeracións futuras. A min non me gustaría levar na miña conciencia hipotecar o futuro de novas xeracións. Galicia debe aspirar a un modelo de desenvolvemento baseado na innovación, a tecnoloxía, o coñecemento e o respecto ao medio ambiente, e non a un modelo industrial do século XX.

A axenda política galega leva tempo 'estatalizada'. Esa realidade vai a máis?

O que se agravou foi a estratexia partidista que lle marcan desde Madrid ao PP. Rueda importa a crispación e a mentira, que é unha política moi madrileña, e está absolutamente subordinado aos intereses electorais de Génova. A sombra de Feijóo é moi alongada e Rueda non saíu dela. E o grave é que vai contra os intereses de Galicia, porque o BNG negociou no acordo de investidura que a comunidade teña unha condonación de débeda, que poden ser 4.000 millóns, e o presidente Rueda di que non nos interesa. Isto é un exemplo de ata que punto está subordinado ao PP de Madrid: cando ten que escoller entre o partido e Galicia, elixe o PP. A secuencia é clara: Madrid manda, Rueda obedece e Galicia perde.

Rueda importa a crispación de Madrid, porque na lameira desaparece a política

É difícil facer política nun contexto como o actual, no que parece que todo vale e no que ninguén lembra xa o que pasou a semana antes?

Estamos nun contexto difícil, sobre todo porque a polarización e a crispación o que fan é afastar a cidadanía da política e favorecer os discursos extremos. Por iso me parece grave ver o PPdeG querendo impor tamén en Galicia esa forma de facer política, porque no fondo son conscientes de que o seu balance de xestión non se sostén, xa que o descontento social é cada vez maior. A estratexia do PPdeG é traer a crispación, porque se hai insultos e lameira, non falamos dos problemas da sanidade, a educación, a vivenda... Na lameira desaparece a política. Eu sempre lles digo aos compañeiros do BNG: que iso non nos desvíe nin un milímetro do noso obxectivo. Estamos aquí para falar dos problemas da xente.

O exemplo desa volatilidade política é que apenas se fala xa dos lumes.

Nós seguimos lembrando os lumes, entre outras cousas porque hai milleiros de persoas sen auga potable pola irresponsabilidade do PPdeG, que non tomou medidas malia estar alertado de que a cinza chegaría aos ríos. E imos seguir lembrando que hai que tomar decisións para que a situación non se repita. O que pasa é que vemos un PPdeG na dirección contraria, por exemplo querendo expandir a superficie de eucalipto, cando xa temos case o dobre do que estimaba o Plan Forestal para 2030. Pensar que en medio do cambio climático e logo dos grandes lumes do verán o modelo forestal é seguir facendo grandes plantacións de eucalipto é unha irresponsabilidade tremenda.

Vaise abrir outra vez o melón do financiamento autonómico. É optimista?

Levamos máis dunha década cun sistema caducado que nos fai perder a nosa posición. Pero o grave é que o Estado está cambiando de estrutura, na que Euskadi xa ten un sistema que lle permite ter o control dos seus recursos, en Cataluña danse os pasos para que o teña... E Galicia vai quedar fora pola submisión de Rueda aos intereses do PP de Madrid. É un paso atrás gravísimo en termos de estatus político. E o primeiro que hai que facer é rachar a idea falsa de que Galicia é pobre e vive da solidaridade madrileña, que os nosos impostos non dan para manter as nosas competencias. Iso é falso: o Estado recada en Galicia máis do que inviste. O BNG vai traballar para que os galegos teñamos a chave dos nosos impostos.

No BNG hai moita xente que di que temos que reforzar esta liña de traballo que nos trouxo ata aquí

Para o BNG as últimas eleccións autonómicas foron un varapau moral logo da expectativa que se creara. Recuperou o pulso o partido?

Nunca o perdemos. Tivemos un resultado histórico e estamos máis preto que nunca dese obxectivo que é darlle aos galegos un Goberno que poña no centro este país e a súa xente e que aposte por un proxecto modernizador de Galicia. O resultado deunos máis azos para continuar e creo que imos na boa dirección, vendo a agresividade e o nerviosismo do PP.

E non chegar á Xunta supuxo erosión no seu liderado interno do BNG?

Os proxectos son colectivos. Eu noto unha gran ilusión nesta nova etapa que se abriu hai case unha década e o que vexo é que hai xente que cre que temos que seguir nesta liña e fortalecer o proxecto que nos trouxo ata aquí. Porque para o BNG é estratéxico conseguir a presidencia da Xunta, xa que é clave para mellorar o futuro do país. E tamén é importante consolidar a hexemonía política en Galicia.

Pontón non ve erosionado o seu liderado interno.

Pontón non ve erosionado o seu liderado interno. / Antonio Hernández

"O PP non soporta que a xente vexa que o BNG goberna mellor ca el"

Falemos de Raxoi. Empeza a haber movementos na esquerda para unir forzas e siglas de cara ás municipais. Entraría o BNG nalgunha ecuación dunha fronte ampla?

O BNG ten un proxecto moi claro, centrado no noso país e en Santiago, onde vemos que a alcaldía de Goretti Sanmartín está enderezando problemas importantes que había na cidade, que viña dunha situación de deterioro en moitos ámbitos, algúns enquistados como o da depuradora ou o do Peleteiro, por citar algúns. Este goberno logrou avances e demostrou que o futuro para Santiago para polo proxecto do BNG.

Dóelle perder alcaldías potentes como Ribeira a través de mocións de censura?

As mocións de censura, cando teñen detrás pactos escuros e interes persoais e partidistas, son unha ferramenta criticable. Ao alcalde de Ribeira fixéronlle unha moción de censura por facer moi ben o seu traballo, porque a transformación do concello nestes dous anos foi impresionante, cun alcalde transparente e coa man tendida. O PP non pode soporter que se vexa que o BNG goberna mellor ca el. Algún día coñeceremos os intereses detrás da moción de Ribeira, na que incluso concelleiras denunciaron presións para obligalas a asinar. Pero nas vindeiras municipais veremos ao pobo de Ribeira darlle o seu apoio de novo a Luis.

Preocúpanos moito a corrupción sistémica dos partidos estatais; o BNG non ten ningún condenado

O BNG está a mostrarse crítico cos escándalos que salpican o PSOE a nivel nacional. Está en risco o seu apoio ao Goberno?

Nós non estamos en Madrid para apoiar a Pedro Sánchez, senón para defender os intereses de Galicia. Chegamos a un acordo de investidura porque hai unha serie de compromisos cos galegos e somos moi esixentes, por iso logramos avances relevantes no tren, na AP-9, no saneamento da ría do Burgo, na AP-53, a débeda... Aí é onde se ve a utilidade do BNG, que cun deputado e unha senadora logra máis que o resto de deputados das forzas estatais. E con máis peso político imos ser capaces de facer máis. Ese será o noso reto de cara ás eleccións. Somos unha forza que fala moi claro respecto da corrupción e vemos con preocupación como hai unha corrupción sistémica que afecta ás forzas de ámbito estatal, prácticas que non podemos tolerar, porque a corrupción rouba o de todos e dana as institucións democráticas nun momento onde vemos como avanzan forzas que cuestionan os fundamentos da propia democracia. Tolerancia cero coa corrupción. No BNG estamos cero persoas condenadas por corrupción e esa é a mellor garantía para a cidadanía.

Haberá eleccións xerais en 2026?

Son incapaz de adivinar que vai pasar. Non creo que na folla de ruta do presidente estén as eleccións, pero outra cousa é se as circunstancias llo van permitir. O apartado xudicial será o que teña maior impacto. En todo caso, agora mesmo hai un Goberno e debe impulsar unha axenda social e cumprir con Galicia e se o fai así, terá a disposición do BNG a buscar acordos. Pero vemos cousas que non nos gustan, como o incremento no gasto militar cando temos tantas necesidades sociais sen atender no país. Son cuestións que hai que revisar, porque a deriva militarista vai provocar recortes sociais si ou si, e se hai que elixir entre bombas ou pensións, nós quedamos coas pensións.

Tracking Pixel Contents