Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PPdeG reivindica a importancia da educación para que as mulleres vivan «en liberdade»: «Nin caladas, nin submisas»

Paula Prado lamenta que a esquerda «pretenda silencialas», como exemplifican os materiais didácticos que enviou aos centros educativos cunha referente cultural, Rosalía de Castro, cunha mordaza

Representantes do PPdeG onte en Santiago

Representantes do PPdeG onte en Santiago / Cedida

Santiago

O Partido Popular de Galicia reivindicou onte, co gallo do 25N, a importancia da educación para que as mulleres vivan «en liberdade» fronte a unha esquerda que «pretende silencialas».

«Todas estas mulleres que representamos ao PPdeG imos seguir alzando a voz imos pedir que sexamos mulleres en liberdade: nin caladas, nin submisas», expresou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, no acto co que o partido conmemorou o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, e que tivo lugar na contorna da significativa avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta de Santiago de Compostela.

Participaron, entre outras, a responsable de Política Social e Igualdade no Goberno galego, Fabiola García; a responsable de Medio Ambiente no Goberno galego, Ángeles Vázquez; a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia; e a vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño; así como alcaldesas, deputadas autonómicas e nacionais, e senadoras.

O PPdeG avogou este ano por incidir na importancia de educación, porque «é neses primeiros pasos, nos colexios e institutos, onde está parte da clave da erradicación». «Na educación galega estase facendo un magnífico labor nesta dirección a pesar de quen hai quen queira boicoteala», dixo Prado.

Nese sentido, sinalou á esquerda galega, que enviou aos centros educativos materiais didácticos como un no que converteron a un referente da nosa cultura, Rosalía de Castro, nunha muller calada e submisa, cunha mordaza na boca. «Pero nós non o imos permitir, en Galicia queremos mulleres libres, que poidan falar nos centros educativos, na política e en calquera ámbito, porque ese tamén é un xeito de loitar contra a violencia de xénero», deixou claro a secretaria xeral do PPdeG.

Por iso, cunha imaxe de Rosalía de Castro sorrinte e sen mordaza, co lema ‘Mulleres en Liberdade: nin caladas, nin submisas’, o Partido Popular de Galicia comprometeuse a traballar nesa dirección.

Así mesmo, Prado fixo un chamamento a «non confiar nun PSOE e un BNG que van a favor da corrupción e en contra as mulleres, apoiando a un Goberno de Sánchez corrupto», que «presumía de encabezar o Goberno central máis feminista da historia, algo que a día de hoxe parece unha broma».

«Non hai nada menos feminista que a Lei do 'só si é si', con máis de 1.500 agresores beneficiados; o mesmo que pretender combater a prostitución rodeándote de compañeiros que a consumen; ou comprar en AliExpress unhas pulseiras antimaltrato defectuosas para as mulleres más vulnerables», abundou.

Por último, agradeceu a todas as presentes a demostración cada día da «forza das mulleres do PPdeG» e o «compromiso» do partido coa eliminación da violencia contra a muller, e lembrou a todas as mulleres que no último ano foron asasinadas en toda España. «Imos seguir traballando para eliminar esta lacra social de primeira magnitude», concluíu.

A importancia da unión das mulleres

Pola súa banda, Fabiola García subliñou que o PPdeG «vai continuar sensibilizando e concienciando sobre a importancia que ten que as mulleres estean xuntas nesta loita, reclamando e defendendo sempre os seus dereitos».

A responsable de Igualdade no Goberno galego fixo fincapé en sensibilizar e concienciar ás mulleres novas de Galicia sobre os riscos que supón nestes momentos utilizar as novas tecnoloxías: «Nunca, nunca, deben ser controladas a través das redes sociais, dos seus dispositivos móbiles, porque se o consenten, o machismo gaña».

Ademais, incidiu en que o PPdeG vai continuar reclamándolle ao Goberno central máis efectivos policiais na nosa Comunidade, «máis policía que estea nas rúas para continuar protexendo e defendendo a todas as vítimas de violencia de xénero».

Para rematar, criticou ao Goberno de Sánchez polos «fallos que se están a dar unha e outra vez nas pulseiras antimaltrato, no sistema Cometa, que debería protexer cada día a milleiros de mulleres vítimas».

Tracking Pixel Contents