Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PREMIOS GALLEGOS DEL AÑO

Alfonso Rueda: «Tomemos exemplo. Con xente coma vós, Galicia non ten límites»

O presidente do Executivo galego ve nos premiados a «cinco referentes que simbolizan todo o que somos» e recorda que a construción do país do futuro é «unha tarefa colectiva»

Discurso de Alfonso Rueda, presidente de la Xunta, en la Gala Gallegos del Año 2025

Fotografía: Jesús Prieto | Vídeo: El Correo Gallego

Santiago

«Tomemos exemplo de Emilio, Tino, Mabel, Ana e Manolo. Do seu labor incansable, das súas ganas, do seu talento. Con xente coma vós, Galicia non ten límites». Así culminou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o seu discurso de peche da Gala Gallegos del Año 2026 que un ano máis organizou EL CORREO GALLEGO.

Un acto no que o xefe do Executivo galego apelou á capacidade dos premiados para representar unha Galicia «ambiciosa, con visión, innovadora e orgullosa da súa identidade». Ante un auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura cheo de autoridades e representantes da sociedade civil galega, Rueda insistiu en que estes galardóns permiten «entender o país» e recoñecer esa diversidade «que forma a nosa realidade colectiva».

Tras un breve inicio da súa intervención no que Alfonso Rueda quixo parabenizar a Javier Moll e Arantza Sarasola, presidente e vicepresidenta de Prensa Ibérica, respectivamente, pola súa «aposta comunicativa en Galicia». O presidente da Xunta resumiu o papel dos galardoados como Gallegos del Año como «cinco referentes que simbolizan todo o que somos».

No caso de Emilio Pérez Nieto, fundador do Grupo Pérez Rumbao, Rueda fixo un recoñecemento moi persoal. Subliñou o seu «talante encantador» e o seu «optimismo permanente», cualidades que, ao seu xuízo, explican tanto os éxitos empresariais como a pegada humana do empresario ourensán. Destacouno como exemplo de empresa familiar galega «feita desde a raíz, desde o pequeno, e desde a identidade pero coa vista posta no futuro». Por iso, o presidente da Xunta asegurou que o galardón a Pérez Nieto representa a centos de compañías que se transmiten de xeración en xeración.

A investigadora Mabel Loza, referente internacional en farmacoloxía, foi presentada por Rueda como parte esencial dunha Galicia científica que medra e consolida prestixio. «Aquí hai unha rede excelente de talento». O presidente lembrou que o Cimus, centro que lidera Loza, forma parte «dos seis centros de excelencia que nos sitúan como referentes» e que permiten demostrar que a investigación «se pode facer desde aquí e para o mundo». Subliñou a súa contribución a que Galicia deixe de ser vista só como exportadora de talento e pase a ser tamén un lugar de retorno e chegada: «Xente que podería estar en moitísimos sitios decide estar en Galicia» e cuxo traballo atrae talento extranxeiro para desenvolver o seu traballo na comunidade.

O capítulo dedicado a Ana Peleteiro estivo cargado de afecto e admiración. Rueda recoñeceu abertamente a complexidade de converterse en referente: «Non é nada sinxelo, porque para ser exemplo tes que ter xente que queira facer o que fas ti». Destacou que a atleta ribeirense «sabe facer dos fracasos exemplos de mérito para recuperarse e para non baixar a cabeza». Do mesmo xeito, valorou a súa defensa dos valores e da coherencia persoal e reivindicou a súa decisión de regresar a Galicia, onde atopou «forza, confianza e tranquilidade», para preparar desde a casa os próximos retos deportivos.

En Tino Fernández, presidente de Altia, Alfonso Rueda situou un modelo de galeguidade contemporánea, capaz de ligar ambición económica, compromiso cultural e proximidade co territorio. Así, recuperou unha das ideas pronunciadas polo premiado no seu discurso: «Ser galego está de moda». Para Rueda, esa síntese entre visión global e raíces locais fai de Fernández un exemplo dunha Galicia que se sabe diversa pero que aspira a competir «nun escenario cada vez máis grande e máis esixente», sen perder de vista a raíz.

Finalmente, Manuel Rivas foi definido polo presidente da Xunta como un «magnífico escritor, de identidade e de conviccións fondas». Eloxiou a súa capacidade para construír unha literatura «de raíz, profundamente galega», pero con vocación universal. «É perfectamente exportable», afirmou, celebrando que a súa obra siga actuando como ponte cara a lectores doutras culturas e linguas sen renunciar a esa mirada propia que caracteriza o autor coruñés.

A recta final do discurso adoptou un ton máis coral. Rueda chamou á unidade e á corresponsabilidade na construción da Galicia do futuro: «Sintámonos moi orgullosos de todo o que conseguimos e de todo o que nos queda por conseguir». Recoñeceu que «caben as diferenzas e as decepcións», pero non resignarse nin baixar os brazos, porque o país segue a ser «unha tarefa colectiva».

Tracking Pixel Contents