Galicia atrae talento retornado
A Xunta ten en marcha a 2ª edición dunha estratexia orientada a facilitar que 30.000 galegos do exterior retornen entre 2023 e 2026, cun foco no eido do emprego na cobertura de vacantes e no autoemprego

Imaxe da feira de emprego celebrada este ano na Arxentina para captar talento. | CEDIDA
Redacción
Galicia está a desenvolver un modelo propio para sumar talento, baseado na captación de persoas traballadoras dun xeito ordenado, planificado e sempre vencellado ás necesidades do tecido laboral galego, tanto por conta allea como por conta propia.
Trátase dunha folla de ruta estratéxica pioneira en España, que busca titorizar todo o proceso de integración sociolaboral das persoas traballadoras, consolidando as pontes de talento entre os países de orixe e o territorio galego, e ofrecendo as máximas garantías a todas as partes implicadas: países de orixe, traballadores, empresas e sociedade galega.
Esta estratexia estrutúrase arredor de dous grandes eixos: o primeiro, centrado nos galegos e galegas do exterior, e o segundo, dirixido á captación de traballadores de terceiros países. En ambos os casos, a actuación desenvólvese da man das empresas para favorecer unha inmigración ordenada e facilitar a integración sociolaboral das persoas participantes.
No ámbito do retorno da diáspora, o Goberno galego ten en marcha a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, unha ferramenta dotada con máis de 450 millóns de euros, que inclúe unha variada batería de accións co propósito de promover o regreso de arredor de 30.000 galegos e galegas neste período de tempo.
Ademais, a persoa beneficiaria conta con facilidades e acompañamento ao longo de todo o proceso, desde a orixe ata a instalación no seu novo fogar. Nesta liña, as persoas galegas que regresan contan, desde o primeiro momento, co apoio das Oficinas de Retorno da Xunta, un servizo pensado para acompañalas e orientalas en todo o proceso de integración.
Gineldo Falcón Valdivieso é un dos beneficiarios desta iniciativa. Nado en Cuba, a súa vinculación con Galicia vén da súa avoa, unha ourensá que emigrou a América Latina nos tempos da Guerra Civil. O mozo de 23 anos topou con esta porta a unha nova vida cando navegaba por Internet. «Mi prima iba a ir a Galicia para estudiar, así que decidí informarme para ver cómo podía ir yo también y di con el programa de la Xunta», relata.
Así, comezou coa tramitación para o seu retorno, un proceso sobre o que só ten boas palabras pola colaboración e axuda que recibiu. «El programa es un diez. Todo se hizo superrápido, hasta en lo que respecta a conseguir vivienda. No puedo poner ni una pega», subliña.
Retorna Cualifica Emprego
Neste marco, unha das accións fundamentais é o Retorna Cualifica Emprego, unha actuación que exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral que está a potenciar o Goberno de Galicia.
A iniciativa garántelle ás persoas traballadoras un contrato indefinido ao casar os perfís laborais das persoas que desexan retornar coas necesidades de talento manifestadas polas empresas adheridas ao programa.
Esta acción foi a que lle permitiu a Gineldo atopar traballo nunha empresa de construción de Palmeira (Ribeira). «Llegas aquí y tienes ganas de trabajar», explica. O retornado cataloga a súa adaptación como «superacogedora», sentíndose arroupado polos seus compañeiros de oficio e encantado coa beleza paisaxística da Pobra do Caramiñal, municipio no que reside. A súa satisfacción é tal que contempla planear o seu futuro laboral e vital en Galicia. «Pienso quedarme aquí», indica Gineldo ilusionado.
Cómpre sinalar que a edición 2025 do programa Retorna Cualifica Emprego conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros e incluíu como novidade axudas específicas para facilitar o acceso ao alugueiro de vivenda, un dos seus grandes retos.
Balance
En total, a suma das dúas edicións do programa buscan favorecer o retorno de preto de 400 galegos do exterior para a súa incorporación ao tecido produtivo galego.
As contratacións abranguen sectores diversos —hostalaría, industria, construción, comercio, servizos ou ámbito agrogandeiro— e as persoas participantes proceden de arredor de 21 países, entre eles Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil, Colombia e México
No eido da atracción de talento, cómpre sinalar que no primeiro trimestre de 2026 a Xunta ten previsto poñer en marcha a nova Oficina de Atracción de Talento que coordinará todas as medidas do eido do emprego destinadas aos galegos e galegas do exterior que deciden retornar para traballar na súa terra, así como as iniciativas dirixidas a favorecer a contratación planificada de persoas traballadoras de terceiros países.
Retorna Emprendedor
No eido do traballo por conta propia —e no marco do apoio global ao emprendemento vencellado ao territorio que lidera Galicia—, a Xunta leva destinados máis de 6,4 millóns de euros á liña do Retorno Emprendedor.
Estas axudas van dirixidas ás persoas galegas que regresan á súa terra de orixe, tanto se naceron en Galicia como nos países onde residen, e teñen como obxectivo facilitar a posta en marcha dun negocio propio, con achegas que poden chegar ata os 10.000 euros. A finalidade é favorecer o seu asentamento e integración social e laboral, contribuíndo así ao fortalecemento do tecido empresarial galego.
A través desta iniciativa, o Goberno galego xa apoiou a creación de máis de 900 proxectos empresariais liderados por persoas retornadas. Ademais, este apoio complétase cos servizos de mentoría ofrecidos polo Programa Merlo e polo asesoramento das oficinas da Rede de polos de emprendemento, que contan con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, reforzando o acompañamento permanente para garantir o éxito das iniciativas e o seu impacto positivo no desenvolvemento económico e social do territorio.
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- Galicia también estará en el Mundial 2026: así es la canción con sello gallego que sonará en todos los partidos
- De construcción más alta de Europa a reclamo turístico: avanza la protección de la chimenea de As Pontes
- Gallegos en una Venezuela al borde de la guerra: 'Ni Europa ni la oposición acabarán con el chavismo. Solo Trump
- Elegidos los ocho mejores quesos gallegos de 2025: 'Son un enorme compromiso con la tierra
- La fábrica invisible que sostiene la medicina nuclear gallega
- Suspendidas más de 250 cirugías, 625 pruebas y 6.900 consultas hospitalarias: Sanidade alerta de 13.200 procesos parados por la huelga