Mar de Santiago capta 4,3M en fondos FEDER para Plans de Actuación Integrado
O xeodestino, conformado polos concellos de Vilanova de Arousa, Valga, Pontecesures e Catoira presentará o mes que vén en FITUR a súa nova oferta e imaxe turística

As inmediacións do río Ulla é un dos enclaves máis transitados por peregrinos no seu paso por Pontecesures. | CEDIDA
Redacción
A Asociación Mar de Santiago ten fixada a meta de converterse nun referente turístico en Galicia. Para elo está a seguir unha folla de ruta pola que acaba de captar máis de 4’3 millóns de euros en fondos da senda financeira FEDER a Plans de Actuación Integrados dunha inversión total de case 7’3 millóns de euros, que se suman aos 1’7 millóns de euros para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, PSTD, Mar de Santiago: un percorrido marítimo-fluvial, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea e aos 170.000 euros do convenio correspondente a este 2025 coa Axencia de Turismo de Galicia.
A sustentabilidade, a mellora da eficiencia enerxética, a posta en valor dos espazos naturais, industriais e culturais e a creación de novas áreas de esparexemento e lecer conforman as principais liñas de acción. O xeodestino, integrado polos concellos de Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures, está a acometer os proxectos do PSTD financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU. Unhas achegas que buscan contribuír á transición verde e sostible, á mellora da eficiencia enerxética, á transición dixital e á competitividade.
O traballo de captación de investimentos públicos para o reposicionamento do destino inclúe todos os ámbitos, comezando por un redeseño da imaxe de marca que se moderniza e simplifica permitindo integrar a identidade dos catro concellos do territorio. Deste xeito, aparecen as ondas do mar que representan a Vilanova de Arousa; as Torres de Oeste, a Catoira; as fervenzas de Raxoi e Parafita en Valga, e a ponte romana de Pontecesures, nunha cor azul que homoxeneiza o azul marítimo e fluvial que delimita o territorio.
A nova imaxe presentarase o vindeiro mes de xaneiro en FITUR, a maior feira de turismo do mundo que se celebra en Madrid, onde tamén se dará conta de todos os proxectos que se están a levar a cabo tanto a nivel supramunicipal como en cada un dos concellos aos que nas últimas semanas sumáronse 4’3 millóns de euros de fondos FEDER con destino á creación de sendeiros peonís e ciclables na contorna do Ulla, Laxes e Ponte Valga en Valga e Pedras Miúdas en Catoira, o módulo de balneario en Vilanova, e a reforma da contorna do Monte salgueiro en Pontecesures que, de forma conxunta dotarán ao territorio de máis atractivos de cara os visitantes e infraestruturas de calidade á cidadanía.
Acondicionamento da lagoa de Porto Piñeiro
Valga está a traballar no proxecto de restauración ambiental da mina de arxila de Porto Piñeiro para o seu aproveitamento multidimensional. Esta iniciativa, prevé a recuperación de zonas degradadas, a restauración de hábitats, a renaturalización e adecuación de sendas peonís e ciclables, así como a instalación de alumeado que permita a optimización da enerxía.
Na actualidade, estase a traballar arreo na construción dunha praia artificial, na rehabilitación e rexeneración dos noiros laterais e no acondicionamento dos terreos da zona norte da lagoa de Porto Piñeiro. Para isto, foi necesario o movemento de máis de 5.000 metros cúbicos de terra para a adaptación da futura infraestrutura.
En paralelo, desenvolverase unha nova fase deste proxecto coa construción dunha piscina e a restauración ambiental da zona norte de Porto Piñeiro con actuacións como a habilitación de sendas peonís e ciclistas que bordearán toda a lagoa. Este plan pretende poñer Valga como exemplo da recuperación de antigos espazos industriais e a súa reconversión en áreas de esparellamento e lecer.
Complexo acuático en O Terrón
En Vilanova de Arousa estase a desenvolver a infraestrutura básica necesaria para a posta en marcha dun espazo dotacional con funcións deportivas, saudables e recreativas, que contará cunha clara vocación medioambiental, turística e social. A obra inclúe a construción dunha piscina recreativa ao aire libre, xunto co equipamento técnico necesario para o seu funcionamento eficiente minimizando o gasto de auga e enerxía e a integración paisaxística da contorna inmediata.
Ademais, séntanse as bases para a implementación do futuro Centro de Talasoterapia sostible, unha instalación singular e pioneira en Galicia que combinará o uso de auga de mar natural con tratamentos de saúde e benestar inspirados no medio mariño.
Posta en valor do manancial de augas termais de As Lombas
Catoira traballa na creación dun parque termal na contorna do campo de fútbol de As Lombas, toda vez que nesta zona se atopan augas mineromedicinais. Estase a habilitar un complexo termal dotado con dúas fontes, unha delas pediluvio, así como a plantar diferentes especies vexetais e árbores de sombra. Esteespazo duns 500 metros cadrados servirá como zona ao aire libre de lecer e benestar para a veciñanza.
O rexurdir da antiga fábrica de Cerámica Celta
Pontecesures pola súa banda leva a cabo a restauración dos terreos da antiga fábrica de Cerámica Celta. Trátase dunha antiga fábrica que supuxo un revulsivo para a economía e para a cultura no seu tempo e que se atopaba en estado de abandono.
A importancia desta industria, fundada en 1926, radica na introdución que se fixo no seu día dunha novidosa e dificultosa técnica de vidrado que marcou un estilo propio á hora de realizar as súas pezas que, ademais, contaron coa participación no seu deseño de grandes artistas plásticos galegos de comezos do século XX como Castelao, Asorey, Acuña, Bonome, Acuña ou Maside, entre outros.
Outros proxectos
Con cargo a esta partida de 1’7 millóns de euros de fondos NextGenerationEU da Unión Europea, os catros concellos, como asociación están a desenvolver un Plan DTI destinado á dixitalización dos recursos turísticos do destino e á creación dunha nova experiencia turística Mar de Santiago – Ulla Navegable. De xeito conxunto leváronse a cabo diversas accións para dar coñecer o destino como o patrocinio da Ruta Quetzal que permitiu a 200 mozas e mozos procedentes de toda España descubrir o potencial turístico de Mar de Santiago.
- La nieve y el frío intenso regresan a Galicia: una masa de aire polar llega para desplomar las temperaturas
- Vientos huracanados, lluvias persistentes y descenso de la cota de nieve: el temporal sacude a Galicia esta semana
- Aire polar, temperaturas bajo cero y fuertes heladas: Galicia se prepara para un fin de semana gélido
- Tormentas, granizo, nieve y vientos de intensidad huracanada: lo peor del temporal llega a Galicia
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Galicia protege a la última pareja que cría en la península de un singular pájaro
- No es spam: todo lo que debes saber del mensaje masivo del Sergas y el virus respiratorio sincitial
- Buscan figurantes para sacar la Galicia más rural en una «nueva serie de época» de Vaca Films: de cortar leña a hacer la matanza