Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pontón ensaia o seu discurso de Fin de Ano como presidenta na felicitación do Nadal do BNG: «Como falta menos, teño que estar preparada»

A líder da oposición convértese en monologuista e realiza unha defensa da «variedade de celebracións» nun vídeo con alusións a Altri, aos conselleiros «pluriempregados» do Goberno da Xunta e ao «xenocidio» en Palestina

Ana Pontón, nun momento do vídeo

Ana Pontón, nun momento do vídeo / Cedida

Mateo Garrido Triñanes

Mateo Garrido Triñanes

Santiago

Se o pasado domingo o PPdeG volvía felicitarlles as festas de Nadal aos galegos cun novo spot publicitario, esta mañá o BNG facía o propio cun vídeo —moito máis extenso— no que, sen cameos de ningún tipo, Ana Pontón pásase á comedia stand-up para ensaiar o seu discurso de Fin de Ano como presidenta da Xunta: «Como falta menos, teño que estar preparada».

A líder da oposición realiza un alegato en favor dos «diferentes xeitos» de celebrar o Nadal existentes no país, cunha crítica áceda a «algunhas tradicións centenarias de hai catro días». Neste sentido, Pontón cita eses 'papanoeles' que moitas familias penduran dos seus balcóns durante estas datas: «Un señor de barbas gabeando cun saco pola parede. Hai pouco sería recibido a paus en calquera casa galega».

Outra desas tradicións que menciona Pontón é a das ceas de empresa. Unha cerimonia que a líder do BNG emprega para confrontar as «empresas galegas que xeran riqueza aquí e que xuntan a centos de traballadores» con algunha nova como Altri, que no seu banquete de Nadal tan só xuntará, en opinión de Pontón, «a dous ou tres directivos, un par de alcaldes e os conselleiros do PP».

Iso si, con retranca apunta que se cadra «tampouco van todos» os membros do equipo de Goberno de Rueda a esta cea posto que entre «mineiras, enerxéticas ou empresas da sanidade privada» considera Pontón que terán que elixir. «É o que ten o pluriemprego. Debe ser que non chegan a fin de mes», ironiza a líder nacionalista.

En calquera caso, Pontón subliña que esta de Altri será «a última cea» despois da intensa contestación social que o proxecto da empresa lusa para situar en Palas de Rei unha factoría de celulosa está tendo entre amplas capas da sociedade galega.

Así, a líder do BNG realiza unha crítica ao modelo forestal do Goberno da Xunta e, de xeito retórico, á moratoria alixeirada que o Executivo galego prorrogou sobre o eucalipto. En opinión de Pontón existe o risco de que esta especie pronto substitúa o piñeiro como árbore do Nadal en Galicia grazas ao «conglomerado Encealtripepé» que se ocupará de «entregar un en cada casa» durante estas datas.

Con respecto ás tradicións que non envellecen Pontón cita a do belén, que aínda que puidese parecer «moi antiga» está de rabiosa actualidade: «Un matrimonio vivindo nunha casa precaria, cunha familia desestruturada e unha muller que ten que parir fóra da súa área sanitaria», asemella a líder da BNG a situación do nacemento de Xesús coas vicisitudes que aínda hoxe en día se viven en Galicia.

Lembra ademais que esa escena dáse na cidade de Belén, en Palestina. Un feito que, según comenta Pontón, lle lembrou o seu sobriño que, ao ver un belén, decidiu poñer unha «ambulancia en chamas ou un hospital derrubado» e pendurou da estancia na que se atopan María, Xosé e o neno Xesús unha pancarta que dicía «Paz para Palestina, non ao xenocidio». «E aínda hai quen di que están aleccionados», apunta Pontón en clara alusión ao obxectivo da «neutralidade ideolóxica» que se marcou a Consellería de Educación e as críticas aos manuais presentados nos centros pola CIG.

Ao remate do seu discurso Pontón apunta que, se cadra, a do discurso de Fin de Ano é outra tradición coa que «rachar» cando chegue á presidencia da Xunta, antes de felicitarlles o Nadal a todos os galegos.

Tracking Pixel Contents