Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

RAÍCES

Juan José Cerviño, director xeral da PAC: «Galicia é a comunidade con maior potencial para os fermentados lácteos»

A Consellería do Medio Rural vén de reactivar o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia dándolles entrada a máis actores da cadea de valor, de maneira que este órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise exerza como «elemento dinamizador» dun sector clave para o rural galego

O lácteo acaba de pechar un ano excepcional e xa afronta novos retos neste 2026

Juan José Cerviño Varela (Pontevedra, 1970).

Juan José Cerviño Varela (Pontevedra, 1970). / Conchi Paz

Martín García Piñeiro

Martín García Piñeiro

—O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia ten a súa orixe no ano 2007, pero nunca chegou a consolidarse como ferramenta para o sector. Que ocorreu en todo este tempo con el?

O Observatorio sempre estivo aí, pero con épocas de máis e menos actividade, e incluso etapas nas que o sector se reunía pero non se lle quería chamar observatorio, senón que se falaba de mesa. Pero, no fondo, o sector lácteo en Galicia sempre mantivo eses encontros.

—E que cambia agora co novo impulso ao Observatorio que lle dan dende a Consellería?

A novidade que cambiamos co decreto é que incrementamos o número de vogais ata 21, para incluir máis xente implicada na cadea do lácteo. No Observatorio estaban representados a industria, os produtores e a distribución, pero agora entran colectivos específicos como Fefriga (a Federación de Raza Frisoa), asociacións de mulleres rurais que rotan a súa representatividade no Observatorio, as organizacións de produtores lácteos creadas en 2012 que aínda non se incoporaran, os consumidores...

—E que papel vai xogar nesta nova etapa o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia?

Eu participei nas reunións do Observatorio dende 2007 e sempre defendín que tivese dous mecanismos de traballo: por unha banda, a reunión do pleno, polo menos unha ao ano; e, por outra, os grupos de traballo, que é o que máis me interesaba. Porque somos tantos no Observatorio que ás veces resultaba difícil ou pouco operativo para abordar cuestións moi concretas ou técnicas que afectaban a unha parte da cadea pero ao mellor non tiñan nada que ver coa outra. De feito, xa empezamos a traballar nun destes grupos para cambiar os prezos por tramos de produción de leite, que datan de 2009 e quedaron desfasados. O sector lácteo galego evoluciona e hai que axustarse á nova realidade.

—O Observatorio defínese como órgano de asesoramento, consulta e análise.

Debe servir para discutir asuntos de actualidade, como por exemplo os fermentados lácteos, dos que se empeza a falar moito e que quizais obriguen a promover algunha normativa nova. Pois iso é obxecto de debate no seo do Observatorio, que debe exercer como elemento dinamizador para o sector, como espazo para propor cousas que logo a Consellería do Medio Rural trasladará a outras administracións en Galicia, en Madrid ou onde corresponda.

Foi un ano excepcional para o lácteo, e se baixa o prezo neste 2026 non será algo traumático.

Juan José Cerviño

— Director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

—A súa reactivación foi unha demanda do propio sector?

Si. Aínda que agora levaba tempo sen reunirse, quizais porque estamos nun momento doce e non había esa urxencia que xorde nos momentos de crise. Pero eu defendo que hai que reunirse precisamente cando as cousas van ben para prepararse para cando se torzan. A idea é ir traballando nas cuestións que sexan de actualidade para o sector. O primeiro grupo de traballo está en marcha para a nova estratificación de prezos; e despois probablemente poñamos sobre a mesa ese asunto dos fermentados lácteos, para ver que produtos queremos, cara a onde debemos ir...

—Ten potencial Galicia nese novo mercado de fermentados?

Sempre asociamos os fermentados aos iogures ou ao kéfir, pero agora a través da I+D+i están saíndo novas elaboracións e produtos. Eu presentei recentemente unha comparativa entre comunidades para ver cal estaba máis preparada en función do seu nivel de produción, da súa capacidade industrial para transformar, da calidade do seu leite... É como un xogo no que vas eliminando a uns e ao final quedaron Galicia e Asturias como os territorios con máis potencial. Incluso, máis Galicia, porque perdemos menos produción. Aínda que sempre se fala de que en termos absolutos somos os que máis gandeiros perdemos, iso é porque temos unha media moi alta de explotacións, pero en termos relativos a nosa perda está por debaixo das medias das comunidades. Iso é froito da reestruturación brutal do sector, que ten unha capacidade enorme para adaptarse.

—Como valora o ano que acaba de pechar para o sector lácteo galego? A priori hai bos prezos e por riba sostidos no tempo.

Tanto este ano como o pasado foron excepcionais e con producións récord e prezos altísimos. E cos insumos tamén en prezos históricos pero á baixa. Eu nunca vira un diferencial tan alto entre o prezo pagado polo leite e o custo dos insumos, como se está vendo nas mobilizacións de Castela e León entre os grandes produtores de cereal, que protestan polo seu baixo prezo.

Quixemos reactivar o Observatorio para que exerza como elemento dinamizador do sector.

Juan José Cerviño

— Director Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

—E cal é a perspectiva para este 2026 que acaba de comezar no sector lácteo galego?

Se vemos o que está ocorrendo a nivel internacional, en todo o mundo e en Europa, hai unha tendencia á baixa á hora de pagar o leite. É certo que aquí temos a ferramenta dos contratos, que en Europa non existe e que nos permite ter prezos máis sostidos. Cando se renoven os contratos veremos, pero agárdase que se reflicta un pouco esa tendencia de Europa, coa baixada dalgúns céntimos por litro, pero en ningún caso caídas traumáticas. Ademais, o sector lácteo galego é moi maduro. Dende que no 2015 remataron as cotas impostas pola Unión Europea, aprendeu a lidiar coa volatilidade do mercado e os gandeiros saben que pode haber prezos bos e que cheguen outros malos, así que nestas épocas de bonanza tamén fan peto. Ningún sector tivo unha evolución tan positiva en tan pouco tempo como o lácteo.

—En todo caso, esa baixada de prezo tampouco parece unha ameaza a curto prazo, porque Galicia é deficitaria de leite e agora sempre se di que é un produto que escasea ante a alta demanda.

Eu creo que o sector lácteo galego tivo unha evolución moi boa. Hai uns anos aparecera unha corrente social que identificaba o leite cun produto malo para a saúde, e iso fixo que o consumo se deprimise un chisco. Hoxe quizais non se consuma tanto leite líquido como antano, pero estase apostando moito pola innovación e polos derivados lácteos, que é un mercado que tamén lle está dando moita saída ao leite. É certo que falta leite e por iso non se albisca un escenario dunha baixada brusca de prezo. Penso que non volveremos ver os tempos do leite a 30 céntimos.

Tracking Pixel Contents