Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A provincia da Coruña, destino privilexiado para gozar da eclipse total de sol

A Área de Turismo da Deputación da Coruña presentou na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a súa nova campaña, centrada nun fenómeno astronómico que acaparará a atención mundial: a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. A profesora Begoña Nicolás (USC) foi a relatora de ‘Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña’, que xunto cun vídeo promocional foron a carta de presentación da institución provinvial na feira.

Arriba, Xosé Regueira; no medio, a eclipse parcial do pasado marzo; e abaixo, a Vía Láctea vista dende a praia de Estorde.  | Corvus Maris / Antón Pazos / Begoña Estévez

Arriba, Xosé Regueira; no medio, a eclipse parcial do pasado marzo; e abaixo, a Vía Láctea vista dende a praia de Estorde. | Corvus Maris / Antón Pazos / Begoña Estévez

REDACCIÓN

Santiago

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, pon en valor o «carácter excepcional» dun feito que só se produce en moi contadas ocasións e que, nesta concreta, poderá contemplarse en «condicións privilexiadas» na provincia.

A provincia da Coruña, destino privilexiado para gozar da eclipse total de sol

A provincia da Coruña, destino privilexiado para gozar da eclipse total de sol

«Cunha marxe de escasamente unha hora, veremos como o Sol se oculta completamente dúas veces: unha coa eclipse e outra cun deses solpores espectaculares que temos no noso territorio», destaca Regueira. «Creo que é un evento moi fermoso de gozar e que temos unha contorna moi singular para facelo en plenitude», abunda.

A provincia da Coruña, destino privilexiado para gozar da eclipse total de sol

A provincia da Coruña, destino privilexiado para gozar da eclipse total de sol

O responsable de Turismo destaca o «profundo simbolismo» que teñen os atardeceres na provincia da Coruña, «que historicamente foi coñecida como o fin do mundo coñecido. Xa que logo, o fito astronómico estará tamén acompañado por un profundo simbolismo, precisamente nun territorio cuxas postas de sol teñen gran sona».

En canto aos mellores lugares para gozar do fenómeno, Xosé Regueira coida que ao longo da provincia «hai sitios marabillosos» onde facelo, tanto en terra firme como no mar. «É unha posibilidade única vela nun barco ou tamén nunha embarcación como as que hai na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas», explica

Sexa cal sexa o lugar escollido, convida a facelo «visitando a contorna, gozando da natureza, saboreando calquera produto da nosa terra ou simplemente deixándose levar por un acontecemento astronómico único».

Dous Destinos Starlight

Precisamente, o xeodestino As Mariñas é un dos lugares máis recomendables onde seguir este fito, xa que conta cunha distinción da Fundación Starlight, o que quere dicir que dispón de amplas zonas libres de contaminación lumínica idóneas para a observación do firmamento. O mesmo acontece coa Costa da Morte, outro dos xeodestinos coruñeses con esa mención e que tamén será unha zona onde se marabillar coa ocultación do Sol tras a Lúa.

Ademais, as persoas que se despracen ata a provincia para seguir a eclipse tamén poderán facer o mesmo coa chuvia de estrelas das Perseidas, cuxo máximo está previsto do 12 ao 13 de agosto.

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

Un territorio amplo e diverso

Aínda que nesta edición a eclipse foi a protagonista, a Deputación da Coruña aproveitou a súa presenza en Fitur para trasladar unha mensaxe máis ampla, centrada na diversidade e na identidade da provincia e nun modelo turístico que prioriza a calidade fronte á cantidade. «Falamos dun territorio extenso e plural, con propostas para todo tipo de visitantes, con tres cidades e con oito xeodestinos complementarios e claramente diferenciados», subliña Regueira en referencia aos oito xeodestinos provinciais: Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo. Unha concepción do turismo que aposta «por conservar a identidade e autenticidade» do territorio e por evitar que o desenvolvemento turístico se concentre nun único espazo, «estendéndoo de maneira equilibrada a todos os concellos, que contan coa capacidade necesaria para que o turismo actúe como elemento dinamizador», sostén Regueira.

A participación da Deputación da Coruña en Fitur responde, pois, a unha estratexia concibida a medio e longo prazo. Desde a Área de Turismo, sinalouse a importancia de traballar en dúas direccións fundamentais: por unha banda, colaborar coa Xunta, que ten a competencia directa na promoción turística, a través de liñas de actuación complementarias; e, por outra, reforzar a cooperación cos concellos e cos distintos entes de xestión do territorio. «Todo iso coa vontade de que o turismo xere benestar para a poboación local e de non reproducir modelos que noutros destinos acabaron por erosionar a súa propia base social e cultural», sintetiza Regueira.

Deste xeito, a Deputación vén desenvolvendo nos últimos anos un proceso de estruturación de produtos turísticos cunha liña argumental común asentada na sostibilidade e no respecto pola identidade de cada xeodestino. Desa estratexia xorden os cinco plans que están actualmente en execución e que marcarán as grandes orientacións da política provincial neste ámbito nos vindeiros anos, «cun enfoque que procura preservar o patrimonio material e inmaterial como un dos principais valores competitivos», conclúe o vicepresidente.

Tracking Pixel Contents