Entrevista | Anxos Fazáns Directora de cinema
«‘As liñas descontinuas’ é un abrazo ao público»
A cineasta galega regresa este venres ás salas de cine coa súa segunda longametraxe

Anxos Fazáns, durante as rodaxes de 'As liñas descontinuas'. / Cedida

Tras a estrea de A Estación Violenta en 2017, a cineasta galega Anxos Fazáns (Marín, 1992) regresa este venres ás salas de cine con As liñas descontinuas, drama intimista protagonizado pola compostelá Mara Sánchez e o pontevedrés Adam Prieto que a comezos de mes obtivo ata 11 nominacións nos Premios Mestre Mateo.
Máis de seis anos de traballo detrás de As liñas descontinuas, había ganas de levar o filme ás salas de cinema?
Moitas ganas! Estaba desexando que botase a andar polas salas de cinema. Xa se puido ver en festivais, xa houbo uns cantos pases, pero a súa chegada ás salas xa se sinte como o paso final, é o parto definitivo, de que a película bote a andar soa e que xa sexa do público.
Unha estrea que se produce nun mes que arrincou cunha moi boa noticia para o proxecto. Ata 11 nominacións nos Premios Mestre Mateo, incluídas Mellor Longametraxe e Mellor Dirección. Son as mesmas candidaturas ás que opta toda unha película con opcións aos Oscar coma Sirat, dise pronto...
Foi unha noticia estupendísima. O reforzo do sector en Galicia, das académicas galegas, sempre senta moi ben. Recibir cariño na casa é moi bonito e estou moi ilusionada de compartir candidaturas con películas tan potentes. A ver que pasa.
Como definiría As liñas descontinuas?
Gústame moito unha das definicións que me deu unha persoa do público despois dun pase. Díxome que viu a película coma un abrazo e a verdade é que non se me ocorre mellor maneira de explicalo que coma un abrazo ao público.
Unha longametraxe, a súa segunda, rodada no seu Marín natal e na cidade de Vigo que nace dunha noticia real.
O punto de partida é un titular que lin hai moitísimo tempo dun ladrón que quedou durmido na casa á que entrou a roubar. Aquel titular espertou moito a miña imaxinación e comecei a pensar posibles escenarios e posibles historias que partisen por mor dese encontro, dunha persoa que chega á súa casa e se atopa a alguén durmindo nela. Tardei moito tempo en darlle forma e en decidir que quería facer unha película na que, finalmente, o do ladrón durmido é máis unha anécdota e unha escusa para o que realmente se quere contar, o valor do encontro e da amizade.

A cineasta galega Anxos Fazáns / Cedida
Unha historia de encontros improbables que está protagonizada por un mozo trans e unha muller duns 50 anos. Por que elixe estas dúas personaxes?
É a primeira decisión que tiña que tomar a partir da premisa do filme e, dándolle voltas á construción desas personaxes, decidín moi rápido que me interesaba ese perfil dunha muller madura maior de 50 anos e dun rapaz trans máis novo de 30 porque son personaxes que vemos moi pouco representadas no cinema e que, sen embargo, se parecen ás persoas que me rodean. Motivábame dar con estas personaxes.
Dá a sensación de que Adam Prieto leva toda unha vida actuando. Como deches con el?
Si. Dá esa sensación pero foi todo un descubrimento. Din con el porque lanzamos a convocatoria dun casting aberto e unha amiga pasoulle o anuncio, por sorte presentouse e puidemos coñecelo así. Foi fortuito totalmente porque el nin sequera fixera nin teatro no colexio nin nada. Era a primeira vez que facía algo de interpretación, pero tiña esa pulsión artística, el sabía que lle gustaría e, cando viu o anuncio, presentouse. O casting foi moi longo e fase tras fase vin que xa era potencialmente un actor. Ten moito talento natural e daquela xa conectaba moito coa súa personaxe.
Quen non é precisamente unha debutante é a compostelá Mara Sánchez, que regresa ás pantallas tras non ter oportunidades durante un tempo.
Efectivamente. Para a personaxe de Bea quería unha actriz con experiencia. O seu nome estivo desde o comezo e, ao vela, detectei rapidamente que conectaba moito coa personaxe. É unha muller con moita experiencia, eu recordo moito os seus papeis en televisión e foi unha sorte contar con ela, que leva os últimos anos sen recibir chamadas, o clásico de que cumpres 50 e che deixan de chamar, pero nós convocámola, probamos e funcionou deseguida. Tamén estou moi contenta de devolvela ao mundo da interpretación, ademais como protagonista, e oxalá isto supoña que continúe recibindo chamadas e poida nos próximos anos traballar na interpretación.

A compostelá Mara Sánchez, en 'As liñas descontinuas'. / Cedida
Tanto Adam coma Mara achegan unha historia na que a música tamén ten o seu protagonismo. Incluso podemos ver un breve cameo da banda de Muros The Rapants. Bota en falta, ao igual que un dos protagonistas do filme, a súa antiga banda, Contenedor de mierda.
Si, foi unha experiencia marabillosa poder estar na escena musical galega con Contenedor de mierda. Bastante durou para o punky que era (ri). Durou o que durou pero os proxectos teñen que chegar á súa fin. Gustábame moito aquel mundo escénico, porque facíamos máis performance que outra cousa, pero agora estou feliz vivindo completamente do mundo do cinema aínda que sen saber se algún día volverei ao mundo musical, un mundo que ten moitísima importancia en As liñas descontinuas. Desde moi pronto no guión fun metendo escenas nas que as personaxes escoitan música, no caso de The Rapants trátase da rodaxe dun videoclip, e pouco a pouco fun completando o guión con respostas musicais concretas inspiradas principalmente na escena galega, que é o que me rodea, o que máis coñezo e o que máis me interesa.
Gústame moito esa idea que transmite a película de perseguir os nosos soños. Anxos Fazáns está a facelo?
Facer unha película é unha loita diaria e supón un traballo constante, pero é certo que tamén ten moito de soño cumplido.
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- Galicia activa alertas por nieve, viento y lluvia: las precipitaciones pueden superar los 40 litros por metro cuadrado
- Rebelión en el monte gallego contra la caza del jabalí con las técnicas 'en mano' y 'al salto': 'Puede causar muchos accidentes
- Médicos de hospitales gallegos dejarán de hacer peonadas ante la «negativa» de la Xunta a negociar el fin de la huelga
- Galicia registra el invierno más húmedo de los últimos 25 años