Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Manuel Maseda, director do documental 'Ao son da nova regueifa': "A regueifa é unha ferramenta poderosísima, unha bomba"

A peza, candidata aos Mestre Mateo, estréase este sábado no Auditorio de Galicia de Santiago no que promete ser unha festa con coloquio, música e moita improvisación

Manono Maseda Deán

Manono Maseda Deán / Cedida

Martín García Piñeiro

Martín García Piñeiro

Santiago

Bastante antes da pandemia, en tempos onde a regueifa aínda esmorecía en Galicia, Manolo Maseda aproveitaba o magosto que organizaban os veciños das Casas do Vento de San Lázaro para improvisar versos a golpe de acordeón e pedir aos asistentes que escribisen rimas para recitar nas paredes empapeladas do barrio. A música e a festa sempre lle reinaron a este mariñano de Burela, afincado en Santiago desde que chegou estudar a finais dos 90. Pero o da regueifa xa foi algo máis recente.

"Empezou hai uns dez anos", confesa el mesmo. O detonante foi un artigo na prensa que falaba de que os últimos regueifeiros galegos ían morrendo, e con eles a súa arte oral. "Eles parecían os últimos mohicanos" e todo o que se contaba por aquel entón da regueifa tiña "un aire necrolóxico".

Como a maioría deles se concentraban na comarca de Bergantiños, e Maseda daba clase de música no instituto en Fisterra, decidiu facer algo para cambiar aquela narrativa funeraria da regueifa. Xunto ao escritor Sechu Sende moveuse para levar aqueles artistas tradicionais ás aulas. Foron as bases da 'Regueifesta', o proxecto que empezou en 2017 a mudar por completo a regueifa galega, para adaptala á Galicia contemporánea e convertela no que é hoxe: un motivo de orgullo e empoderamento para as novas xeracións. "Logramos mudar aquela narrativa necrolóxica da regueifa por unha positivista", celebra Maseda, hoxe profesor no IES do Milladoiro.

'Regueifesta' no auditorio de Galicia

'Regueifesta' no auditorio de Galicia / Xoán Álvarez

"A rapazada séntea como algo propio"

Non foi un camiño doado. No medio houbo moitas horas de "documentación e gravación" de regueifas, xuntanzas, reunións escolares, aulas de regueifa, deseño de currículos para secundaria... "Este cambio e reconversión da regueifa non sería posible sen o traballo de Carlos Alonso e a Asociación Oral", entidade sen ánimo de lucro de ámbito galego que traballa na conservación das tradicións populares improvisadas de carácter oral. "Foi a primeira pedra para pór en valor a regueifa", relata Maseda.

Con todo ese vento a favor, "conseguimos que a narrativa que existía hai 15 ou 20 anos sexa hoxe diferente", engade. "A regueifa foi quen de mudar cos tempos, adaptarse ao século XXI de xeito que a rapazada o sinta como algo propio". Para Maseda, "a clave estivo no xogo, no ensino, no divertimento, en viaxar moito coa rapazada a Euskadi, en traer aquí xente de fóra...", lembra.

"A cuestión básica é que recuperamos algo que estaba a piques de esmorecer e agora mesmo está nun espazo de empoderamento entre a xente nova, e as institucións tamén o vén como ferramenta normalizadora da lingua, da igualdade de xénero, para traballar valores... É unha bomba a nivel pedagóxico, unha ferramenta moi poderosa na que ademais traballas a rapidez mental, a empatía...".

Parte do documental 'Ao son da nova regueifa'

Parte do documental 'Ao son da nova regueifa' / Cedida

Nominación ao Mestre Mateo

De todo ese caldo saíu o documental 'Ao son da nova regueifa', que constitúe a segunda aproximación seria de Manolo Maseda ao audiovisual. Xa dirixira un documental de Batuko Tabanka, o grupo musical caboverdiano fundado en Burela, ademais de traballar nalgunhas pezas para a televisión de Galicia e Asturias.

Agora, "sempre con humildade absoluta de quen chega a un lugar que non é a súa profesión", púxose á fronte da nova peza documental xunto a Saúl Rivas, co que codirixe, e Xairo Iglesias, e que opta ao mellor documental nos Premios Mestre Mateo que se celebran o vindeiro 21 de marzo.

"Para min é unha sorpresa, e a nivel emocional un recoñecemento", confesa Maseda, que cede todo o protagonismo ao seu codirector e ao realizador. "Esta peza está nos Mestre Mateo grazas a eles. A historia pode ser boa, pero a calidade de profesionalizar o produto é merito absoluto de Saúl e Xairo".

Quen queira vela, ten ocasión hoxe ás 12.00 horas na sala Mozart do Auditorio de Galicia, nun acto que, como case sempre que anda Manolo Maseda polo medio, non será unha simple proxección, senón unha auténtica festa con coloquio, música e moita regueifa. Incluso actuarán algúns deses regueifeiros 'en extinción', como un de Mazaricos "ao que eu non coñezo en persoa" e que demostra que este arte oral non era algo confinado en Bergantiños, senón que se extendía por Xallas ata Santiago, ademais de haber manifestacións similares na Montaña de Lugo.

"Cando vía os primeiros regueifeiros na tele, en programas como 'Sitio Distinto' hai xa moitos anos, parecíame Parque Jurásico", chancea Maseda. Pero a realidade é que, xa entón, tiña claro que estaba ante algo único. "É algo brutal a nivel musical".

Tracking Pixel Contents