Así se enfrontan dúas xeracións de regueifeiros en Galicia: mozas contra veteranos
A estrea en Santiago do documental 'Ao son da nova regueifa', candidato aos Mestre Mateo, sirve de excusa para montar unha festa interxeracional no Auditorio de Galicia

M.G.P.

A escusa era a estrea en Santiago do documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas e que opta a un premio Mestre Mateo. Pero o certo é que o pase no Auditorio de Galicia acabou converténdose nunha festa interxeracional de exaltación da regueifa, a tradición oral, a cultura e o idioma. Foi algo improvisado (ou non)... que ao fin e ao cabo é a esencia de regueifar.
Antes da proxección, foi a quenda das autoridades, que adoitan ser precisamente as que menos improvisan. Pilar Lueiro, concelleira de Cultura de Santiago; a responsable provincial do ramo na Deputación, Natividad González; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, puxeron en valor non só o documental senón o traballo desinteresado de moita xente durante anos para evitar a extinción da regueifa, un xénero artístico da tradición oral galega con epicentros en Bergantiños, O Courel ou Vigo, que viviu o seu apoxeo entre os anos 40 e 80 de século pasado. Cando estaba a piques de desaparecer, un grupo de persoas puxéronse mans a obra para recuperar a regueifa e metela nas aulas, co fin de que enganchase nas novas xeracións para blindar o seu futuro. E así foi, ata o punto de que a regueifa vive un renacer.
Esa é a historia que conta, a través de varios personaxes, Ao son da nova regueifa, documental no que aparecen moitos dos vellos regueifeiros herdeiros de mestres como Calviño de Tallo, Xaviña e compañía. E toda a transición ata as novas escolas de regueifa espalladas por Galicia, colectivos que traballan por ela e artistas que a reivindican sobre o escenario como o propio Maseda, Ses, Xurxo Souto...
As autoridades tamén resaltaron o papel que ten a regueifa como ferramenta para introducir o galego entre a xente nova, así como os valores vinculados á igualdade, o feminismo ou a solidaridade. Todo nun día no que se celebraba a nivel europeo o Día da Lingua Materna.

Participantes na festa e no documental / M.G.P.
O duelo: chavalada contra 'sintrón'
En todo caso, ao rematar o pase e tras un breve coloquio cos directores, Manolo Maseda e Saúl Rivas, houbo unha exhibición de regueifa das novas fornadas protagonistas do Regueifa Tour, unha das moitas iniciativas galegas para recuperar esta arte. Media ducia de rapazas dunha punta a outra de Galicia, de Vila de Cruces ata o Courel botáronlle uns cantos improvisados de presentación ata que decidiron subir ao escenario algúns dos veteranos da regueifa, comandados por Pinto D´Herbón. Xunto a el estaba a 'retranca' cubana de Alexis Díaz Pimienta, o ton vigués de Lobariñas e a veteranía de Oleiro de Mazaricos. Tamén se incorprou despois Lupe Blanco, profesora da escola de regueifa de Carballo, que visto o nivel, preferiu sumarse ao equipo das mozas.
E houbo repaso para todos, especialmente para os veteranos, que tiveron que encaixar coplas alusivas ao sintrón, á próstata, aos marcapasos e á xubilación. Porque a rapazada vén sobrada de enerxía e de talento, pedindo paso e marcando o ritmo ao son da nova regueifa.
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Tiendas de pesca de Galicia apuran las ventas ante la inminente apertura de la temporada de río: 'Esta semana es una fiebre
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- Más de 50 personas se dan de alta al día como demandantes de vivienda protegida
- Muere Antón Louro, figura clave del PSdeG en la llegada de Touriño al poder
- Galicia gestionará más de 31.000 solicitudes de agricultores y ganaderos en la PAC, superando los 220 millones
- Galicia regresa a Netflix: primeras escenas de Luis Zahera en 'Clanes' junto al compostelano Tamar Novas
- Ni Abbey Road ni el cruce de Shibuya: el paso de peatones más sorprendente está en Galicia y mide más de 40 metros