Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Sen inclusión, non hai educación»: familias e docentes piden un xiro nas políticas da Xunta

«Non entendemos como se pode falar de que temos o ensino máis inclusivo do Estado cando parte do alumnado galego, o máis vulnerable, está desprotexido», censura a Plataforma en Defensa do Ensino Público

Dous cabezudos en representación de Alfonso Rueda e Román Rodríguez posan ao peche da manifestación na Praza das Praterías

Dous cabezudos en representación de Alfonso Rueda e Román Rodríguez posan ao peche da manifestación na Praza das Praterías / Xoán Álvarez

Mateo Garrido Triñanes

Mateo Garrido Triñanes

Santiago

«A profe loitando, tamén está ensinando», «Rueda atende, o ensino non se vende» e «sen inclusión, non hai educación» foron algunhas das consignas que resoaron esta mañá nas rúas do centro de Santiago onde centos de familias, docentes e estudantes reclamaron máis recursos e un xiro nas políticas educativas do Goberno galego.

A mobilización, convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público; que integra sindicatos como a CIG ou o STEG, anpas, movementos pedagóxicos e organizacións estudantís, quixo evidenciar que as reivindicacións do profesorado transcenden o ámbito laboral. «Reclamar melloras nas condicións de traballo do profesorado é esixir melloras para o sistema educativo galego», subliñou Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, antes do inicio da marcha.

Paso da marcha pola céntrica rúa da Senra

Paso da marcha pola céntrica rúa da Senra / Xoán Álvarez

Entre as demandas figuran a recuperación do horario lectivo previo aos recortes, a baixada de ratios e un reforzo da dotación de persoal, especialmente en atención á diversidade. «O sistema educativo galego mudou moitísimo. O alumnado con necesidades educativas aumentou e mesmo se duplicou, segundo datos da propia Xunta e do Ministerio, pero o profesorado de apoio non medrou na mesma proporción», advertiu.

Desde a Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete apelou ao dereito do alumnado a unha educación igualitaria. «Non nos podemos permitir que ningún neno nin ningunha nena quede atrás porque non hai recursos suficientes ou por unha mala xestión. Iso non pode pasar neste país», afirmou. Ao seu xuízo, garantir os recursos axeitados é condición indispensable para que «as aulas funcionen con normalidade e todo o alumnado se sinta integrado».

A lectura do manifesto, na Praza das Praterías, puxo o foco na fenda entre o discurso oficial e a realidade dos centros: «Non entendemos como se pode falar de que temos o ensino máis inclusivo do Estado cando parte do alumnado galego, o máis vulnerable, está desprotexido», denunciaron.

O texto incidiu en que esta falta de apoios non afecta só ao alumnado con necesidades específicas. «Cando non se atende a quen o precisa, as súas compañeiras e compañeiros tamén se ven prexudicados e non interiorizan a inclusión porque non a ven. E se non a ven, non van promover unha sociedade mellor; aquí perdemos todos», recolleu o manifesto.

Entre as demandas realizadas pola Plataforma: unha baixada das ratios en todas as etapas educativas, máis especialistas de PT e AL, orientación e persoal auxiliar coidador, así como unha redución da burocracia á que se enfronta o profesorado no seu traballo diario.

Unha manifestación «politizada»

Onte mesmo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentaba a través das súas redes sociais que a protesta en favor do ensino público non era «espontánea». «É politizada, organizada e dirixida ao milímetro: buses, consignas e ata manual ao máis puro estilo comunista para pais e nais», censurou a líder popular.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, enmarcou a manifestación nunha «estratexia de confrontación política», vinculando á plataforma convocante cun «entramado de BNG, VIG, UPG e toda unha serie de organizacións».

Tracking Pixel Contents