Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«É a época do ano que máis agardan todos os ferroláns»

A cidade naval prepárase para acoller milleiros de visitantes na súa Semana Santa, declarada Festa de Interese de Turístico Internacional

Veciños e visitantes ateigan as rúas de Ferrol para presenciar as procesións de Semana Santa.

Veciños e visitantes ateigan as rúas de Ferrol para presenciar as procesións de Semana Santa. / CEDIDA

Ferrol

Cando chega a Semana Santa a Ferrol, a cidade transfórmase para vivir con ilusión e devoción un dos seus períodos máis importantes do ano. «É a nosa semana grande por excelencia, a época do ano que máis agardan todos os ferroláns. Todos os residentes da comarca e mesmo de fóra de Ferrol visitan a cidade nestes sete días para gozar das procesións e das diferentes actividades de lecer que se programan», explica a concelleira de Turismo, Maica García, sobre esta prezada festa declarada de Interese Turístico Internacional.

A Semana Santa supón unha importante inxección económica para a localidade, o que, mesturado co compromiso impagable das cinco confrarías da cidade, dá como resultado unha organización medida ao detalle para ofrecer uns espectaculares actos litúrxicos que se superan cada ano.

Na primeira xornada, o Domingo de Ramos, destaca a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén, un desfile que «enche por completo a Praza de Amboage na estrea das festas». O Luns Santo ten como momento máis significativo a procesión do Cristo Rei e a Virxe da Amargura, un percorrido que a edil describe como «moi solemne e fermoso». O Martes Santo conta con outro dos desfiles máis emocionantes, o de Xesús da Columna e da Santísima Virxe. Esta distínguese por ser a procesión das mulleres e das nenas e significa «un dos momentos máis bonitos da Semana Santa, sen dúbida», constata García.

En canto ao Mércores Santo, o prato forte do día é a procesión do Cristo dos Navegantes, pois conta coa compaña de toda a Armada e pasa polo Arsenal Militar da cidade: «É unha das xoias que ninguén pode perder».

Dentro dos numerosos actos do Xoves Santo, a concelleira de Turismo fai fincapé na procesión do Santísimo Cristo da Misericordia e María Santísima da Piedade: «Conta con moitos tronos e o acompañamento de varias bandas, polo que ese factor musical único fai que sexa especial».

No que atinxe ao Venres Santo, a procesión do Santo Encontro é, segundo Maica García, un acto que todo visitante debe presenciar. «Enche a Praza de Armas e é un dos momentos máis emotivos da Semana Santa, ninguén debería perdela», apunta. Asemade, considera «ineludibles» o acto do Desencravo e as procesións do Santo Enterro e dos Caladiños. Xa inmersos na fin de semana, o máis remarcable do Sábado Santo é a procesión da Caridade e o Silencio, mentres que o Domingo de Resurrección representarase a volta á vida de Xesucristo. «Este é un día de vitoria que remata con todos os confrades sacando o capuz», explica a edil.

ESPECIAL SEMANA SANTA 2026

ESPECIAL SEMANA SANTA 2026

ESPECIAL SEMANA SANTA 2026

Desde a Concellería de Turismo poñen a disposición do público un folleto con todas as actividades paralelas á Semana Santa para que os turistas descubran a historia da cidade naval e a súa riqueza patrimonial e gastronómica.

Tracking Pixel Contents