Entrevista | Miguel de Lira Actor de 'Clanes', serie de Netflix sobre narcotráfico en Galicia
«As series sobre narcotráfico son o wéstern galego»
Miguel de Lira interpreta ao patriarca dos Padín, capo da droga que adquire un maior protagonismo nesta nova entrega de 'Clanes'

O actor Miguel de Lira, na nova entrega de 'Clanes', serie de Netflix sobre o narcotráfico en Galicia. / Jaime Olmedo / Netflix

O actor galego Miguel de Lira descarga de novo en Netflix este venres co regreso da serie Clanes, ficción producida pola compañía coruñesa Vaca Films na que interpreta ao patriarca dos Padín, capo da droga que adquire un maior protagonismo nesta nova entrega.
Había ganas de volver a descargar en Netflix con esta segunda entrega de Clanes?
Desde logo! Pero non só pola miña parte. Percibo na xente unha expectación e unhas ganas grandes de vela.
Unha nova temporada que nos sitúa tres anos despois dos acontecementos sucedidos na primeira entrega e non son poucas as cousas que cambiaron, especialmente para o seu personaxe, José Padín, que adquire un maior protagonismo agora que xa non se atopa tras as reixas.
O meu personaxe, ao estar na prisión durante a primeira entrega, estaba construído naquel ámbito. Pero, agora que se atopa fóra, crece, porque a liberdade xera crecemento. Nesta temporada, o patriarca dos Padín trata de tomar o temón do seu clan e, ao poder facelo en liberdade, dalle máis marxe de actuación ca súa xente, cos aliados, cos inimigos...

Os galegos Tamar Novas e Miguel de Lira, na segunda entrega de 'Clanes'. / Jaime Olmedo / Netflix
Unha liberdade que mostra máis desencontros co seu fillo Daniel (Tamar Novas).
Xa estaba presente nos primeiros capítulos e, agora, vai a ir a máis como consecuencia desa historia de amor que Daniel (Tamar Novas) mantivo con Ana (Clara Lago). O sangue tira, pero Daniel xa non pensa tanto no sangue paterno.
Menudas incorporacións as de Luis Zahera e Federico Pérez Rey. Desde logo que lle engaden moita pementa ao asunto…
Engádenlle moita pementa e moita chicha á serie! Son moi bos actores da canteira galega que coñecen a realidade da que se fala en Clanes e, aínda que na vida real sexamos colegas, non nos queda de outra que ser rivais.

O compostelá Luis Zahera, na segunda entrega de 'Clanes'. / Jaime Olmedo / Netflix
Moitas son as series que, nos últimos anos, achegaron as nosas pantallas a droga en Galicia pero, que é o que converte a Clanes nesa serie tan especial?
Achegar o mundo do narcotráfico é algo que funciona, un xénero polo que Netflix aposta e que, aquí, en Galicia, sabémolo facer. Hai solvencia profesional para facelo bastante ben desde a actuación e desde a produción. Xa temos participado en moitas series dese mundo e, dalgunha maneira, son o noso wéstern. Os americanos fixeron wésterns a saco e nós series sobre ese mundo do narcotráfico. Eso si, son moi diferentes unhas series doutras. Clanes destaca non tanto polo que conta do mundo do narcotráfico, que non é nada novo, senón por como se conta. Esa mestura de intriga, lealtade, paixón e esas outras cousas que son máis humanas a través de personaxes moi desenvolvidos. Todo iso converte á serie nunha especie de narcoculebrón co que conecta moita xente.
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El ascensor que vuelve a poner a Santiago en la élite de la arquitectura mundial
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- De Arzúa a 'La Isla de las tentaciones': esta es la nueva pareja que se une al popular 'reality' de Mediaset
- Santiago se queda sin aeropuerto 35 días: fechas, motivos, alternativas y el impacto económico
- Un popular influencer gastronómico se rinde a un restaurante 'de pueblo' a media hora de Santiago: 'Va a ir a tu lista
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un autobús atascado colapsa el tráfico en el periférico de Santiago durante más de dos horas