Entrevista | Juan Fuentes e Raquel Atanes Presentadores do ‘Quen anda aí?’
«‘Quen anda aí?’ é o programa no que máis rin e no que máis chorei»
Tras máis de seis anos e máis de 1.500 emisións, Juan Fuentes e Raquel Atanes despiden este venres o magazine máis lonxevo das tardes da TVG

Os presentadores Raquel Atanes e Juan Fuentes, no programa 1.000 do ‘Quen anda aí?’ / CEDIDA
A Juan Fuentes (Santiago, 1980) e Raquel Atanes (Alicante, 1982) tócalles despedir este venres, tras máis de seis anos en antena e máis de 1.500 emisións, o programa da TVG Quen anda aí?, un espazo que di adeus á televisión autonómica ao que os seus presentadores definen coma unha «familia».
Tras máis de seis anos e máis de 1.500 emisións, imaxino que vai custar dicir adeus.
Raquel Atanes (R. A.): Levamos uns días cheos de emocións e sentimentos enfrontados, porque son moitos anos compartindo cada tarde con un equipo polo que pasou moitísima xente que axudou a crear este programa marabilloso no que somos unha familia. Estamos orgullos do camiño percorrido, felices pola oportunidade e a confianza da xente que tivemos durante tantos anos, pero tamén emocionados pola despedida.
Juan Fuentes (J. F.): Eu emocionalmente non sei se son un pouco máis burro ou egoísta (ri), pero, pásame en todo na vida, cando algo acontece ou cando algo pasa ou despides algo ou a alguén e tes que pasar un dó, a min pásame días despois ou, incluso, meses despois. Evidentemente, este venres haberá unha explosión de emocións moi bestias, pero a emoción que teño máis presente é a de agradecemento. Tamén teño claro que o luns, o martes, o mércores, o xoves e o venres seguintes sen o Quen anda aí? van a ser duros.
Polo menos será unha despedida ao grande. Non sei se podedes desvelar algo.
R. A..: Pois non o temos moi claro aínda. Penso que haberá bastantes sorpresas e misterios e tamén queremos deixarnos sorprender, porque ao final vai a ser un día moi importante para todos. Ogallá que serva este último día para facer un recordo e unha homenaxe fermosa para todos os que formaron e formamos parte desta familia bonita e para lembrar algúns dos momentos que temos vivido no programa, que temos vivido de todo. Momentos divertidos, momentos emotivos, momentos persoais como cando falei do meu embarazo ou mesmo desgarradores, como cando contamos en directo o tráxico naufraxio do Vila de Pitanxo, unha das tardes máis duras que pasei en directo. Estamos tan vencellados emocionalmente a este programa que agardo que este venres sexa un día de lembrar, de agradecer e, se podemos, volver a encontrarnos con moitos amigos.
J.F.: Tamén entendo que haberá sorpresas para nós. En seis anos de programa houbo moitas épocas, moitas etapas e, sobre todo, moitas persoas que pasaron por aquí e xa non están e nós, este venres, intentaremos que estean presentes e, canto máis familia do Quen anda aí? nos acompañe, moito mellor.
R.A..: Pero é un misterio para nós tamén, eh? Creo que imos ser os primeiros sorprendidos.
Falades de que sodes coma «unha familia», en que momento sentistes que o Quen anda aí? forma parte da vida diaria da audiencia?
J.F.: Creo que o piropo máis grande que recibín na miña vida profesional é algo que escoito practicamente tódolos días cunha frase que creo que a xente cando a di, non é capaz de entender o importante que é para nós: ‘Ah! Juan Fuentes. Perdoa, que te coñezo porque ti es como da casa’. Que che digan a diario ese ti es como da casa na rúa é incrible, porque realmente é para o que traballamos e nos esforzamos. Nós temos que acompañar á xente e, ás veces, como dicía Raquel, non é sinxelo polos temas que tes que tratar, pero que nos digan que somos como da casa supón que algo fixemos ben.
R. A.: E demóstrannolo! Sempre que nos atopan pola rúa ou cando veñen a visitar o noso estudo, sempre son tan cariñosos e ti notas perfectamente esa familiaridade coa que che falan, porque eles senten de verdade que te coñecen. Neses momentos dis: ‘Pois estámolo facendo ben’. Logo, como ben apunta Juan, entreter é importantísimo, sobre todo nos tempos que corren, pero tamén acompañar e, cando se achegan a ti con historias de familias e persoas que, polas súas circunstancias, precisan esa compañía porque se sinten máis sós ou porque están nun momento máis delicado, eres máis consciente da importancia do traballo que facemos, non só Juan e máis eu, senon todo o equipo. Iso é o máis gratificante e sentímonos moi afortunados e agradecidos de que nos derán a oportunidade de formar parte da súa familia e que nos escolleran cada tarde.
Con que se quedan do Quen anda aí?
J. F.: Coa xente. A que está aquí, a que estivo e a xente da casa tamén. Falar do Quen anda aí? é falar de persoas e eu quédome coas persoas.
R. A.: Si. Con todas as que aportaron o seu talento e axudaron a construír este universo marabilloso. A nivel convidados, os temas, o tratamento que fixemos… penso que hai un selo Quen anda aí?, un estilo televisivo que é mérito de toda a xente que traballou no programa.
J. F.: E o ton do programa, que permite que dentro dun espazo poidas falar de desgrazas, de desaparicións, de mortes, de algo tan terrible como foi a pandemia ou de cousas máis alegres de forma moi natural. É o programa, con diferencia, no que máis rin e no que máis chorei. Un programa polo que pasou de todo. Charangas, coches, motos, mesmo tanques ou cebras. Penso que non hai nada que se dixera: ‘Non. Isto non pode vir ao plató’.
Que vos gustaría que os espectadores pensen cando recorden o programa dentro duns anos?
R. A.: Que somos familia. Eu penso que ese é o recordo máis bonito, que sexamos como da casa e que teñamos ese oco no seu corazón.
J. F.: Desde logo! E estaba pensando agora que, durante unha época, fomos moi punkies, e iso gústame.
Por último, que lle depara o futuro a Raquel Atanes e Juan Fuentes?
R. A.: Pola miña parte, quería aproveitar un tempo para pasar co meu pequecho, porque ao final, con este tipo de proxectos tan ilusionantes, requírese de moito esforzo e sacrificio persoal. Despois, xa veremos a onde nos leva a marea.
J. F.: Eu voume facer apicultor. Non, é broma (ri). Seguiremos traballando e espero que nos sigan vendo en outros formatos da mesma casa.
- El furtivismo resiste en los ríos de Galicia con electricidad, redes, sedales y lejía: 'El kilo de trucha se paga a 80 euros
- “A soidade non desexada é unha pandemia”: Loli Gómez se estrena en las tardes de TVG para buscar compañía a quienes viven solos
- Galicia bate récord en plazas de FP para el próximo curso: impartirá el primer ciclo superior internacional de España
- Rosalía (y no De Castro) se cuela en el comentario de texto de la PAU en Galicia
- Nervios, alivio y altas expectativas en el primer día de la PAU en Santiago: «Esperaba algo mucho peor»
- Las consecuencias de los errores de selectividad: la Xunta da un paso al frente y quiere formar parte del comité organizador para 2028
- La Xunta cambia al gerente del Sergas en medio de las protestas sanitarias: el oncólogo Luis Ángel León Mateos asume el cargo
- El exconselleiro Alfonso Villares vuelve a la primera línea política: será el nuevo delegado territorial de la Xunta en Lugo
