Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cincuenta anos de ecoloxismo galego: facendo país dende a defensa da terra

Da loita contra os vertidos tóxicos no Atlántico ao Mar Exeo e o Prestige, Adega cumpre medio século de actividade convertida nunha peza central da historia ambiental galega e nun actor incómodo nos debates sobre territorio, desenvolvemento e poder. A asociación celebra o seu papel clave na defensa de Galicia e lembra a súa loita contra os residuos contaminantes e a súa resistencia

Manifestación de Adega en Londres no verán de 1983 contra os vertidos radioactivos na costa atlántica galega.

Manifestación de Adega en Londres no verán de 1983 contra os vertidos radioactivos na costa atlántica galega. / ECG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Iria D. Pombo

Iria D. Pombo

En Galicia existe un costume político bastante antigo, propio dos devanceiros do país. A desfeita chega primeiro, a conversa seria, despois. Acontece cos incendios, cos plans urbanísticos, coa xestión e os monocultivos forestais, co mar e as rías contaminadas e coas grandes crises ecolóxicas. Entre que sucede o dano, chegan os informes, as explicacións técnicas e as promesas, ábrese o espazo das asociacións veciñais, as plataformas cidadás e as organizacións que van demostrar que aquilo non era inevitable.

Cando a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) cumpre cincuenta anos permíteselles aos galegos e ás galegas lembrar a súa historia recente e aprender a mirar o territorio como un taboleiro político e non como unha simple paisaxe. E é que por moito tempo, Galicia tratou á natureza dun xeito contraditorio. Durante os anos do fraguismo, a comunidade perfeccionou unha contradicción que aínda estrutura unha boa parte da política ambiental galega. Manuel Fraga construiu unha identidade pública profundamente sentimental cara á paisaxe —a aldea, a costa, o verde e a morriña convertidas en marca rexistrada— mentres a terra se trataba, segundo un importante sector da sociedade, como un espazo dispoñible para a explotación económica, unha Galicia como patria nos discursos e solo negociable nos despachos.

No medio desta longa historia, Adega naceu cando falar de ecoloxismo aínda sonaba a extravanagancia ianqui e defender os dereitos dun río era, para moitos, unha excentricidade. A idea dominante de progreso tiña unha dirección bastante clara: pedíase máis industria, máis estradas, máis explotación forestal e, en definitiva, máis infraestruturas. A pregunta ambiental rara vez era se algo debía facerse, senón canto custaría facelo. Porén, unha década antes da súa creación a defensa da terra e do desenvolvemento substentable xa estaba á orde do día na loita contra os encoros de Belesar (1963) ou Castrelo de Miño (1969), ou contra a implantación da celulosa de Pontevedra.

Vista da marcha de protesta pola central nuclear de Xove, camiñando dende Viveiro até a localidade mariñá. Abril de 1977.

Vista da marcha de protesta pola central nuclear de Xove, camiñando dende Viveiro até a localidade mariñá. Abril de 1977. / XAN CARBALLA

No 1973, foi Xosé Manuel Beiras, dirixente histórico do Bloque Nacionalista Galego, quen lle preguntou por correspondencia epistolar a Domingo Quiroga, expresidente de Adega, se «non sería oportuno e posible crear unha asociación para a defensa ecolóxica de Galicia na que se xuntasen personas e máis tamén entidades». Convenceuno, e apenas uns meses despois, no 1974, veu ao mundo a organización de xeito clandestino. Foi o 15 de maio de 1976, apenas seis meses despois da morte do dictador Francisco Franco, Adega foi legalizada.

Galicia empezaba a saír do franquismo e a preocupación ambiental estaba moi lonxe de ocupar o centro de ningunha conversa pública. «Cando isto comeza a moverse non era doado promover unha asociación ecoloxista, de ideoloxía que se podía relacionar coa esquerda e con visión progresista», lembrou este luns Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, durante a xornada Adega. 50 anos de ecoloxismo galego. Para Manuel Soto, presidente de Adega, celebrar este aniversario entre «loitas abertas», como é o caso de Altri, é celebrar «medio século de dignidade, de amor polo noso país e a nosa terra, e de resistencia».

Un home participa na marcha antinuclear de Xove (A Mariña lucense) promovida por Adega, en 1997.

Un home participa na marcha antinuclear de Xove (A Mariña lucense) promovida por Adega, en 1997. / XAN CARBALLA

A asociación comezou funcionando case como unha mestura improbable de laboratorio cidadán, grupo de presión e arquivo de conflitos territoriais. Houbo campañas educativas, traballo científico, denuncias ambientais, alegacións administrativas e litixios e, algo menos visíbel, unha pedagoxía social que axudou a introducir palabras novas na conversa galega. Biodiversidade. Impacto ambiental. Ordenación do territorio. Patrimonio natural.

O Atlántico como patio traseiro

Antes do desastre Prestige xa existía unha memoria do agravio. Nos anos oitenta o Atlántico galego funcionou como unha sorte de periferia invisíbel para refugallos industriais perigosos procedentes doutros países europeos. Bidóns con substancias tóxicas eran arroxados en fosas mariñas profundas baixo a promesa tecnocrática de que o océano podía absorber case calquera cousa. Adega xogou un papel activo denunciando prácticas de vertido, colaborando con campañas internacionais e articulando presión política e mediática. Galicia non podía converterse no vertedoiro de Europa pola combinación de distancia xeográfica e febleza política.

Manifestación de Adega, encadenados ás vías do tren, en Londres no verán de 1983 para protestar contra o vertido de tóxicos radioactivos fronte á costa galega.

Manifestación de Adega, encadenados ás vías do tren, en Londres no verán de 1983 para protestar contra o vertido de tóxicos radioactivos fronte á costa galega. / ECG

No libro que conmemora o seu cincuenta aniversario, Adega. 50 anos coidando a terra, a asociación relata como «fronte á inhibición da recente creada Xunta de Galicia, emprendeu unha loita titánica para impedir que se seguisen tirando ao mar eses bidóns cheos de refugallos nucleares. Unha loita que se fixo viral en todo o mundo até conseguir a moratoria dos vertidos en 1982». Adega trasladou as súas manifestacións dende Galicia a Inglaterra e aos Países Baixos e non parou até que se prohibiron definitivamente os vertidos, en 1992.

Cando A Coruña espertou cuberta de petróleo

En decembro dese ano, o petroleiro Mar Exeo embarrancou fronte á costa coruñesa, a poucos metros da Torre de Hércules. O barco ardeu, houbo explosións, milleiros de toneladas de cru chegaron ao mar e á costa. A Coruña espertou, literalmente, envolta en fume negro. Durante días, suspendéronse actividades pesqueiras, multiplicouse o desconcerto institucional e comezou algo que acabaría sendo unha constante na historia ambiental galega: a discusión sobre se as autoridades reaccionaran tarde, mal ou con ferramentas insuficientes.

Adega actuou daquela en varios frontes, participando en labores de denuncia pública, reclamando información transparente sobre os danos e os riscos ambientais, cuestionando os protocolos de seguridade marítima e axudando a situar o accidente dentro dun problema estrutural. O corredor marítimo galego converterase nunha autoestrada petroleira con medidas insuficientes de prevención. Máis alá do accidente concreto, a asociación insistiu en algo que acabaría repetindo durante décadas, que Galicia non podía limitarse a xestionar consecuencias e tiña que discutir causas.

Barco Mar Exeo varado na Coruña en novembro de 1992.

Barco Mar Exeo varado na Coruña en novembro de 1992. / MAGAR

O Prestige

En novembro de 2002, o petroleiro partiu fronte á costa galega e desencadeou unha das maiores catástrofes ambientais europeas. A imaxe oficial daqueles días permanece intacta na memoria colectiva: Nunca Máis, minimización inicial do alcance da desfeita, contradicións institucionais e unha sociedade civil organizándose a velocidade de emerxencia.

Adega estivo entre as organizacións que impulsaron denuncias, coordinación social, mobilización cidadá e análise técnica do impacto ambiental. Tamén participou activamente na crítica á xestión institucional do accidente e no debate posterior sobre seguridade marítima e prevención. Porén, o punto de inflexión foi a reacción que tivo a catástrofe da Costa da Morte nas casas nas que, até ese entón, as conversas ecoloxistas nunca entraran. De súpeto, conceptos que durante anos pareceran marxinais —impacto acumulado, vulnerabilidade ecolóxica, protección costeira, riscos industriais— entraron nas cociñas, nos bares, nas confrarías e nas conversas familiares. A sensación de que o territorio precisaba defensa deixou de parecer unha esaxeración.

Voluntarios limpando o chapapote do Prestige en 2002.

Voluntarios limpando o chapapote do Prestige en 2002. / LAVANDEIRA JR

A política do territorio

Ao longo destas cinco décadas, Adega conseguiu mudar o marco mental dende o que Galicia fala da natureza. Non sempre gañou, xa que moitos aos que se opuña seguiron adiante. Moitas paisaxes mudaron e moitos conflitos remataron con solucións parciais ou derrotas e, con todo, sería difícil explicar debates actuais sobre eucaliptización, minaría, parques eólicos, calidade da auga ou protección do litoral sen ese labor lento de construción cultural e política.

A asociación axudou a consolidar programas de educación ambiental, impulsou litixios, elaborou informes, organizou campañas locais, denunciou vertidos e participou en conflitos que modificaron decisións administrativas ou, cando menos, elevaron o custo político de determinadas actuacións. Como parte fundamental da historia recente de Galicia, o seu labor molesta e é discutido.

Tracking Pixel Contents