Plan xeral de normalización da lingua galega
A Xunta abre a porta a negociar a presenza do galego na educación "sempre que exista a unanimidade necesaria"
López Campos pide que "non se reduza a unha cuestión concreta, como é o decreto de plurilingüismo", o novo documento que conta con máis de 700 medidas

O conselleiro de Lingua, José López Campos, este mércores en Cidade da Cultura / Xoán Álvarez

O Executivo galego presentou este mércores a súa proposta para a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, unha folla de ruta na que, en palabras do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a Xunta abre a porta a negociar a presenza do galego no ámbito do ensino, o que podería chegar a permitir que calquera materia poda impartirse en galego, "sempre que exista a unanimidade necesaria" na Cámara autonómica e "se respete o equilibrio lingüístico".
Nun multitudinario acto na Cidade da Cultura que empezou coa actuación de 9Louro e que estivo conducido por Esther Estévez e Xosé Touriñán, o titular de Lingua chamou a "dar comezo a unha nova etapa", nunha data que coincide, ademais, no calendario co 141º aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, "a nai das nosas letras". O documento, presentado meses máis tarde do previsto e conformado por máis de 700 medidas, é, nas súas palabras, "unha proposta ambiciosa" que pretende marcar o camiño a seguir na próxima década.
A preguntas dos medios de comunicación, unha vez finalizado o acto, López Campos pediu que este documento "non se reduza a unha cuestión concreta, como é o decreto de plurilingüismo" de 2010, que limita o uso do galego nas diferentes etapas educativas. Sen ir máis lonxe, a día de hoxe, no caso de Secundaria, non se poden impartir en galego as materias de ciencias. "O plan fala dunha estratexia xeral na que pode haber determinados axustes que permitan actualizar a norma", resumiu o conselleiro, que incide en que esperan que "moitas das cuestións que estiveron encima da mesa se poidan concretar".
"Igual que nós asumimos este documento que nace da sociedade galega, o resto das formacións políticas teñen unha responsabilidade para entender que este proceso de negociación non pode xirar en torno ás reclamacións unilaterais dunha parte concreta, neste caso da nacionalista", alegou López Campos. Deste xeito, remarcou que a súa vontade é que "exista capacide de diálogo".

López Campos xunto a parte das autoridades asistentes ao acto / Xoán Álvarez
O conselleiro, os presentadores do acto e varios vídeos reproducidos incidiron, así mesmo, en que o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 debe actualizarse porque "Galicia cambiou e xa non é a mesma". Desta forma, previu que sexa "nos próximos días" cando dea comezo o debate sobre as propostas concretas, unha vez remitido o documento, que inclúe a aprobación dunha nova normativa que complemente a Lei de Normalización Lingüística de 1983, ao Parlamento.
Máis alá da educación, a proposta dada a coñecer este mércores polo Executivo galego busca "favorecer o uso da lingua" en todos os contextos sociais, "o incremento da súa presenza nas plataformas" ou mesmo que "se podan facer, por primeira vez, os procesos xudiciais en galego".
"Existen puntos débiles na saúde social do galego"
O primeiro en tomar a palabra foi Manuel González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinador deste novo plan da lingua galega, quen xa participara na creación do documento aprobado por unanimidade na Cámara galega no 2004. "Existen puntos débiles na saúde social do galego como a baixada como lingua habitual ou a súa escasa presenza no contexto urbano", declarou, ao tempo que puntualizou que esta folla de ruta é froito de 11 comisións sectoriais "que analizaron a situación en cada sector", nas que participaron de máis de 130 profesionais, así como dunhas 1.300 achegas da sociedade. Así, chamou a que "todas as forzas políticas cheguen a acordos", algo que, ao seu ver, "contribuirá a incrementar o amor pola nosa lingua e identidade".
González recordou que o galego é "un depósito no que se almacena a historia" e, apuntou, "o normal é que ningún dpobo abandone a súa lingua". Deste modo, incidiu en que o galego viuse afectado, entre outras cuestións, polo auxe das telecomunicacións, as redes sociais e mesmo a intelixencia artificial. É por iso que considerou que é "necesario adoptar medidas de discriminación positiva" para que a "recuperación e a normalización social do idioma non queden en manos da libre competencia".
Entre os presentes na Cidade da Cultura estiveron a conselleira de Política Social e a de Mar, Fabiola García y Marta Villaverde, respectivamente; o presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; ou a reitora da USC, Rosa Crujeiras, entre outros. Entre as ausencias, o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Un proceso polémico
A situación do galego enfronta dende hai décadas os partidos con representación na Cámara autonómica. Dende que hai dous anos o Executivo liderado por Alfonso Rueda anunciou a súa intención de comezar a dar pasos para conformar un novo pacto pola lingua, as polémicas sucedéronse. Este anuncio coincidiu no tempo cun informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) no que se revelaba que, por primeira vez, o galego era minoritario na comunidade e que un terzo dos nenos non sabía falalo. «O galego é a única lingua do Estado que perde falantes e competencias, mentres vostede di que imos na boa dirección», espetoulle hai unhas semanas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao presidente da Xunta. Para os nacionalistas, a solución pasa por que o PPdeG «dea marcha atrás nas súas políticas».
Sobre esta cuestión tamén ten falado dabondo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen acusou hai poucos días o PP de situar a lingua «en perigo de morte». Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou esta mesma semana que o «acordo xeral» sobre o galego xa existe desde hai 20 anos, ao tempo que acusou o Goberno galego de «incumprilo». «Se a Xunta quere empezar a asumir o seu deber de promover a lingua, debería comezar por levantar todos os vetos impostos ao galego, como o mal chamado decreto do plurilingüismo», alegou.
- Laureano Oubiña se convierte en guía turístico: así será su Ruta por el Narcotráfico gallego
- Un centro comercial gallego, el primero de España en lograr una certificación internacional por su gestión de los riesgos
- La política gallega, 'cerrada por vacaciones': de la ruta en moto por Portugal de Rueda a los días de Pontón en A Illa de Arousa y de Besteiro en A Mariña
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Galicia dice adiós al calor extremo: este será el brusco giro del tiempo desde el lunes
- De capitán de pesca a vender carne de Rubia Gallega por toda España sin intermediarios: así es Gandería Os Bravos
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- El mundo elige a sus siete maravillas contemporáneas: ¿Cuáles serían las mejores candidatas de Galicia?