Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do Porto do Son a Melide: Descobre as festas que farán vibrar Galicia este verán

Feira Celta do Porto do Son.

Feira Celta do Porto do Son. / Concello

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Pablo Vázquez

Santiago

Galicia e celebración son dous termos que van xuntos en verán, un tempo no que a tradición, a música e a gastronomía converxen para dinamizar cada recuncho da xeografía galega. Entre finais de xullo e o mes de agosto son moitos os concellos que celebran as súas festas, símbolo e reivindicación do seu patrimonio e identidade. O percorrido festivo vai dende as recreacións históricas que retornan ao pasado celta en O Porto do Son, ata as verbenas e festas que marcan o ritmo en Outes e Castroverde, ou as propostas lúdicas e gastronómicas que enriquecen o calendario en Arzúa, Dodro, O Pino, Melide e Lousame. Este calendario festivo invita a descubrir durante estes meses de verán todo un abanico de experiencias inesquecibles.

24, 25 e 26 de xullo: O Porto do Son viaxa ao pasado coa Feira Celta

Feira Celta de 2025 no Porto do Son.

Feira Celta de 2025 no Porto do Son. / Concello

Hoxe comeza a Feira Celta do Porto do Son, na que cada ano a vila torna ao pasado e cambia de época. A feira comeza este venres 24 e remata o domingo 26. O evento permitirá ao público, tanto maiores como pequenos, situarse no mundo celta con recreacións históricas, obradoiros participativos, xogos, actividades infantís, exhibicións, combates, etc. A apertura oficial do recinto ferial, do campamento celta e do mercado de artesanía estará acompañada de pasarrúas, animación musical e espectáculos itinerantes. A xornada culminará hoxe co espectáculo SubUmbra.

O programa continúa mañá durante todo o día, con exhibicións, obradoiros, música tradicional, recreacións históricas, animación infantil e espectáculos itinerantes. Destaca a celebración da Celta Race, unha carreira de obstáculos e resistencia moi especial. Pola noite terá lugar o espectáculo Errantes, unha montaxe de lume de gran formato, á que seguirá música e festa celta. O domingo rematará a feira con numerosas actividades no campamento, música, exhibicións, obradoiros e pasarrúas, pechando o telón dunha festa dedicada á cultura celta e á súa difusión.

Desta forma, o obxectivo é ofrecer unha programación dirixida a todos os públicos, como sinalou o alcalde, Luis Oujo: "A programación está pensada tanto para pequenos como para maiores, con tres días repletos de historia viva, cultura, espectáculos, tradición e convivencia nunha contorna privilexiada, que consolida a nosa Feira Celta como unha cita imprescindible para quen desexe gozar dunha experiencia diferente en Galicia".

Esta edición da Feira Celta preséntase como unha oportunidade inigualable para achegarse e descubrir a riqueza da nosa cultura e as profundas raíces celtas de Galicia. A festa celebra a diversidade do patrimonio galego, invitando a todas as veciñas, veciños e visitantes a sumarse a esta fin de semana inesquecible.

24, 25 e 26 de xullo: Outes celebra o Santiaguiño con tres días de devoción, concertos e verbena

A orquestra Olympus durante unha das súas actuacións.

A orquestra Olympus durante unha das súas actuacións. / Cedida

Outes celebra esta fin de semana unha nova edición do Santiaguiño, un dos festexos con máis arraigo do municipio da comarca de Noia. O pobo está mergullado en tres días de celebración, entre o 24 e o 26 de xullo, cun amplo programa que combina actos relixiosos, actividades populares para todas as idades e verbenas, reunindo cada verán a veciños e visitantes.

O 25 de xullo arrincará o día cunha alborada coa Banda Municipal de Outes e coa misa do Santiaguiño na Capela da Serra ás 12.00 horas, tamén coa Coral Francisco Añón. Ás oito da tarde volverá actuar a banda municipal do Concello na Horta do Muíño, dando paso a un concerto da cantante galega Catuxa Salom a partir das 22.30 horas. Unha hora despois, na praza do Bosque, arrinca o espectáculo da Orquestra Compostela.

A xornada do domingo comezará cun pasarrúas a cargo dos Campantes da Baña. Ás once da mañá haberá unha misa por San Cristovo, patrón dos condutores, coa coral Pedra Xarpal e, ao seu remate, sairá a caravana de vehículos ata O Freixo. Xa ao mediodía, desde as 13.30 horas, sumarase a gastronomía, cunha sardiñada na Horta do Muíño amenizada pola escola de baile tradicional do Concello de Outes. A festa continuará coas actuacións de D’Palique, Tanto Nos Ten e a Charanga Mekánica Rolling Banda. Pola tarde tamén haberá inchables e xogos para a rapazada. O peche a esta edición do Santiaguiño correrá a cargo de Claxxon e do Grupo Gala, a partir das dez da noite na praza do Bosque.

24, 25 e 26 de xullo: Castroverde tamén celebra o Apóstolo

Concerto da orquestra París de Noia.

Concerto da orquestra París de Noia. / ECG

Castroverde celebra esta fin de semana as festas na honra do Santiago Apóstolo cun programa no que a música será a gran protagonista. A celebración coincide coa espera da autorización de Patrimonio para iniciar as escavacións arqueolóxicas no castelo da vila, un dos proxectos patrimoniais máis relevantes do concello. As festas buscan dinamizar a vida local e ofrecer unha programación pensada para veciños e visitantes de todas as idades.

As xornadas festivas comezaron onte cos concertos de D’Cano e a orquestra París de Noia. Hoxe, ás 14.00, será o turno de Los Adrianos; pola tarde, ás 20.00, destaca a actuación de Mekanika Rolling Band. As orquestras Capitol e La Fórmula serán as encargadas de animar a noite, a partir das 23.30.

Programación Festas Castroverde 2026.

Programación Festas Castroverde 2026. / Concello

O sábado 25 de xullo, festividade do patrón, arrincará ás 12.00 horas coa Batucada Tambukda, seguido — as 13.00 horas — coa misa e a procesión na igrexa parroquial. A amenización da sesión vermú, as 14.30 horas, será coa orquestra Acordes no campo da festa. As 19.30 horas Fuego Street Band fará unha animación polos bares da vila. A noite segue as 23.30 horas coas orquestras Capitol e Acordes que farán bailar ao público ata ben entrada a madrugada. A noite pecha cos fogos artificiais a cargo de Pirotecnia Calvo.

O domingo as 12.00 horas Asubíos da Chaira poñerá aos veciños a bailar con música tradicional, á que seguirá a misa solemne as 13.00 horas. Os cantos de taberna, as 13.15 horas, chegan da man de Trasdalomba, Toxo Queimado, Airiños do Neira e Os Xílgaros. As 16.30, na praza do Concellohaberá xogos infantís e logo, animación a cargo de Cé Orquestra Pantasma. A noite seguirá co concerto de Punk’on Keixo e pecha, as 21.30 horas con De Ninghures

26 de xullo: Arzúa Viva; xogos, actividades e actuacións

Edición 2025 de Arzúa Viva.

Edición 2025 de Arzúa Viva. / CEDIDA

A 9ª edición do programa Arzúa Viva permitirá gozar aos máis pequenos dunha tarde de diversión o domingo 26 de xullo. O evento, que se celebrará na carballeira de Santa María, será de acceso libre e gratuíto e xuntará diversos xogos, actividades de lecer e actuacións dirixidas ao público infantil e xuvenil

De 17.00 a 21.00 haberá inchables, obradoiros, xogos tradicionais de madeira e outras moitas actividades recreativas, como por exemplo un fotomatón e un touro mecánico. Ademais, dende as seis da tarde terá lugar un espectáculo de monicreques e, como remate, celebrarase a Festa da Escuma.

Arzúa Viva trátase dunha iniciativa creada polo Departamento de Cultura do Concello de Arzúa. Dende o concello, José Luís García, concelleiro de Cultura, anima a todas as familias a "participar nesta xornada pensada para o desfrute de todas e de todos con actividades que buscan o entretemento e pasalo ben, mais tamén a convivencia entre veciñas e veciños nun ambiente festivo e de lecer".

Ademais da oferta lúdica, destaca o emprazamento natural do evento, que permite aos asistentes gozar dunha contorna privilexiada. O concello confía en poder repetir o éxito das convocatorias pasadas, logrando consolidar esta cita como un referente no calendario estival de Galicia, e logrando que máis visitantes se acheguen á vila.

31 de xullo e 1 de agosto: A "Inchadiña" volve voar en honor a Rosalía

Inchadiña branca vela

Inchadiña branca vela / Jesús Prieto

Outro ano máis, decenas de embarcacións tradicionais volverán surcar a ría en homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase dunha remontada organizada pola Fundación Rosalía de Castro, xunto coa Asociación Cultural Dorna da Arousa. A celebración comezará o venres 31 de xullo coa presentación da revista Ardentía no Pazo de Martelo, en Rianxo, unha revista galega de cultura marítima e fluvial. O percorrido en barca terá lugar o sábado 1 de agosto ás 11.00, saíndo do porto de Rianxo; ás 16.30 será a saída desde Vilarelo e ás 16.45 a recepción final en Dodro, no Agro das Silvas, en Lestrobe.

Programación Inchadiña branca vela 2026

Programación Inchadiña branca vela 2026 / Concello

Esta actividade celebra así a súa 14ª edición, que chegou por primeira vez no 2013 como conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, grazas á iniciativa das xentes mariñeiras que se inspiraron nos versos destas dornas que subían polo río. Como din estes versos de Rosalía:

¡Que inchadiña, branca vela,

antre os millos corre soa,

misteriosa pura estrela!

Dille o vento en torno dela:

«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»

Esta romaría marítima é xa unha cita imprescindible para reivindicar a identidade e a profunda conexión de Rosalía coa paisaxe de Galicia. Trátase, polo tanto, dun acto conmemorativo onde a literatura e a tradición mariñeira navegan xuntas para manter viva a memoria da poetisa máis universal de Galicia.

1 e 2 de agosto: O Pino, 25 anos de Festa do Galo e Mostra Cabalar

Feira do Galo no Pino de 2025.

Feira do Galo no Pino de 2025. / concello

O Pino celebra as vodas de prata da Festa do Galo Piñeiro e da Mostra Cabalar o vindeiro 1 e 2 de agosto. A festa reúne cada ano máis de 15.000 persoas que visitan a parroquia de Arca. Este ano, o pregón virá da man dos rapaces e rapazas do Pino, campións de Europa de fútbol gaélico. O domingo, día grande da celebración, terá lugar a Feira de Galos de Raza Piñeira —emblema do concello— e a Mostra Cabalar, cunha dotación de máis de 4.200 euros en premios.

A programación inclúe espectáculos como "Quimera" e a exhibición ecuestre "Sin Límites", ademais dunha degustación gratuíta de carne de galo e un xantar popular. Celebrarase tamén a VI edición de Artesanía no Camiño, que contará con postos de artesáns, demostracións de oficios tradicionais e obradoiros participativos. A xornada complétase coa II Concentración de Coches Clásicos e Históricos

Do 14 ao 22 de agosto: Melide volverá a vibrar con forza polo San Roque

9Louro en la Cidade da Cultura.

9Louro na Cidade da Cultura. / Rocío Cibes

Melide converterase entre o 14 e o 22 de agosto no epicentro das festas e verbenas en Galicia. Estas festas patronais en honra a San Roque reúnen cada verán a milleiros de asistentes que buscan disfrutar das numerosas actuacións musicais que organiza o Concello.

A programación musical deste ano vén forte, comezando o 14 de agosto coa actuación da orquestra Panorama. Continúan o 15 con nomes como 9Louro ou o artista local Mellita, ademais da charanga Leña Verde. O día de San Roque, 16 de agosto, será a quenda da orquestra Tattoo, de Froito Novo e da Banda de Arzúa. A noite do 17 chega un dos pratos fortes coa actuación de París de Noia, acompañada pola Banda de Visantoña e a charanga BB+.

O Grupo Bomba e Nuevo Tango compartirán escenario o 18 de agosto, mentres que o 19 Los Satélites tomarán o mando das festas xunto coa Banda de Santa Cruz de Ribadulla e a charanga Los Támega. Pola súa parte, La Fórmula, xunto coa charanga Ardores, amenizará a festa o 20. O 21 destaca a actuación do Combo Dominicano, que encabezará unha xornada na que estarán presentes tamén a Banda Grilera, Herba Grilera e a charanga Eravisto. Panorama City será o encargado de pechar as festas o sábado 22.

Desta forma, Melide transfórmase outro verán nun lugar de regreso para os que viven fóra, para os veciños do concello e para os turistas e peregrinos que buscan gozar destas festas.

Lousame celebra o Xantar Popular de San Roquiño

Los mejores chefs españoles coinciden: “El pulpo queda más tierno y sabroso si lo cueces 30 minutos por kilo y añades una hoja de laurel”

Pulpo a feira. / ECG

O que realmente distingue ao Concello de Lousame é a súa conexión co pasado medieval, con monumentos como o Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, que achegan unha rica herdanza cultural. Aquí, o tempo parece deterse, e cada rúa e cada recuncho están impregnados de historia e lendas

Programación Xantar Popular San Roquiño.

Programación Xantar Popular San Roquiño. / Concello

Ademais, a gastronomía local é un atractivo máis, con produtos frescos da terra e do mar. Lousame destaca tamén polas súas festas de verán, como o Xantar Popular de San Roquiño, que se celebrará o próximo 16 de agosto e terá un prezo de 40 euros para adultos (nenos de 0 a 5 anos, gratis, e de 6 a 12, 22 euros). O menú incluirá polbo, churrasco, bebida, café e sobremesa. Tamén haberá bingo, música e sorteos para ensalzar esta festividade.

Tracking Pixel Contents