Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día da Galicia Mártir

Cascas de piñeiro na honra de Bóveda: «Un acto de amor e reivindicación»

Pontevedra e Poio acollen varios actos nos que se lembrou a figura do galeguista

«Ese piñeiro foi a última testemuña da súa firmeza», afirmou a súa filla ante o cadro de Castelao no Museo

Amalia Bóveda deposita as cascas de piñeiro ante o cadro «A derradeira leición do mestre» de Castelao. | RAFA VÁZQUEZ

Amalia Bóveda deposita as cascas de piñeiro ante o cadro «A derradeira leición do mestre» de Castelao. | RAFA VÁZQUEZ

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Ana López

Pontevedra

A memoria material dun dos episodios máis tráxicos da historia recente de Galicia quedou este 17 de agosto fronte a fronte coa súa representación artística. Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, depositou ante o cadro «A derradeira leición do mestre», de Castelao, no Museo de Pontevedra, cascas do piñeiro da Caeira vencellado ao lugar no que o seu pai foi fusilado polos sublevados en 1936.

Ofrenda floral a Alexandre Bóveda en Poio. | RAFA VÁZQUEZ

Ofrenda floral a Alexandre Bóveda en Poio. | RAFA VÁZQUEZ

O xesto formou parte dos actos do Día da Galicia Mártir converténdose nunha das imaxes máis cargadas de simbolismo da xornada.

Acto do BNG na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra. | R.V.

Acto do BNG na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra. | R.V.

«Reivindicamos a dor da nosa historia transformada en dignidade. A memoria dunha Galiza á que quixeron cortar a voz, pero á que nunca puideron silenciar a alma», afirmou Amalia Bóveda ao comezo da súa intervención.

O tradicional acto na Caeira, con representantes dos concellos, Deputación e Xunta de Galicia. | FDV

O tradicional acto na Caeira, con representantes dos concellos, Deputación e Xunta de Galicia. | FDV

Nas súas mans levaba un obxecto «profundamente íntimo» e, ao mesmo tempo, patrimonio da memoria colectiva: anacos da cortiza do piñeiro da Caeira. «Contra el, nun atardecer de agosto de 1936, o fascismo intentou apagar os nosos anhelos dun país asasinando a Alexandre Bóveda», sinalou. «Ese piñeiro foi a última testemuña da súa firmeza. E amparou o seu último alento e recolleu o sangue dun cidadán que soñou para nós un futuro de xustiza, cultura e liberdade».

Amalia Bóveda bica o restos do piñeiro ante o que asasinaron a seu pai. | R.V.

Amalia Bóveda bica o restos do piñeiro ante o que asasinaron a seu pai. | R.V.

Bóveda foi fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira, en Poio, poucas semanas despois do golpe militar contra a República. A súa figura acabaría converténdose nun dos grandes símbolos da represión exercida sobre o galeguismo e, precisamente na data do seu asasinato, Galicia conmemora cada ano o Día da Galicia Mártir.

As cascas da árbore co cadro «A derradeira leición do mestre» ao fondo. | R.V.

As cascas da árbore co cadro «A derradeira leición do mestre» ao fondo. | R.V.

A súa filla explicou que a cortiza daquela árbore, recollida pola viúva de Bóveda, Amalia Álvarez, gardou «en silencio» a pegada da inxustiza, pero tamén a forza duns valores que os verdugos pretenderon erradicar. A colocación das cascas diante da obra de Castelao permitiu, nas súas palabras, «pechar un círculo cargado de significado».

Asistentes ao acto celebrado onte no Museo de Pontevedra. | FDV

Asistentes ao acto celebrado onte no Museo de Pontevedra. | FDV

O diálogo simbólico entre a cortiza da Caeira e «A derradeira leición do mestre» centrou boa parte da intervención de Amalia Bóveda, que evocou a capacidade de Castelao para trasladar á arte o sufrimento dunha xeración perseguida pola súa defensa da democracia, da cultura e da identidade galega.

Coloquio na Cervexaría Nasa, na rúa Galera do casco histórico.

Coloquio na Cervexaría Nasa, na rúa Galera do casco histórico.

A filla do galeguista quixo deixar claro que o acto non pretendía alimentar o resentimento polo sucedido hai noventa anos. «Depositamos esta mostra da nosa historia non como un tributo ao rancor, senón como un acto de amor, reparación, esperanza e reivindicación», asegurou emocionada.

«Polo meu pai, por Castelao, por todas as mestras e mestres e por Galiza, que seguen a aprender e a espallar a súa lección máis profunda», concluíu.

Reivindicación política

No acto tamén interviron os presientes das fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, Miguel Anxo Seixas Seoane e David Otero.

Seixas Seoane, que foi o primeiro en falar, reivindicou a irmandade política e persoal entre Castelao e Alexandre Bóveda, unidos no Partido Galeguista e na defensa do autogoberno, da democracia e da liberdade de Galicia.

Lembrou o papel decisivo de ambos na conquista do Estatuto de Autonomía de 1936 e denunciou a violencia coa que o golpe militar tentou destruír aquel avance colectivo. Destacou especialmente a valentía de Bóveda, convertido nunha «figura inmortal», e subliñou que Castelao contribuíu decisivamente a perpetuar a súa memoria, facéndoo símbolo universal da liberdade, da tolerancia e da dignidade do pobo galego para sempre.

Pola súa banda, David Otero reclamou á Xunta de Galicia e ao conxunto das institucións galegas que o 17 de agosto sexa declarado oficialmente Día Nacional dos Mártires Galegos. Otero defendeu a necesidade de «superar os silencios e avanzar na reparación, na xustiza e no recoñecemento institucional das vítimas da represión franquista». Reivindicou a memoria de Alexandre Bóveda e de todas as persoas asasinadas como parte esencial da construción democrática de Galicia. Para o presidente da Fundación, esa declaración contribuiría a fortalecer a convivencia, a liberdade e «unha memoria colectiva asentada na verdade, na dignidade e na reparación».

Pechou o acto no Museo provincial o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, que defendeu a súa presenza no acto de homenaxe a Alexandre Bóveda malia asumir que será criticado «dun lado e doutro» por ser dirixente do PP. Domínguez lembrou que xa recibira duras críticas cando foi o primeiro presidente popular en Pontevedra en acudir ao acto da Caeira e reivindicou como un avance que esta xornada se celebre con normalidade no Museo. Subliñou que Bóveda foi asasinado por amar Galicia. «Estamos aquí para lembrar unha inxustiza, para lembrar un asasinato, para lembrar moitos asasinatos. Falamos de Bóveda pero falamos de moitísimos máis», dixo.

Ante o monolito da Caeira

A homenaxe no Museo de Pontevedra únese á tradicional ante o monolito a Alexandre Bóveda na entrada da Caeira, en San Salvador de Poio, que contou con representación dos concellos de Pontevedra e Poio, da Deputación de Pontevedra e mesmo da Xunta de Galicia.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reivindicou a memora de Bóveda e convidou a «saber convivir con pensamentos distintos, tendo clara que por riba de todo debe estar o respecto». «Condenamos calquera tipo de ditadura, todas, e calquera feito no que non se respecte a democracia».

Tras os discursos e a entrega da Fundación Alexandre Bóveda do Premio Galicia Mártir ao Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, que recolleu Marga Doval, realizouse a tradicional ofrenda floral por parte de entidades e institucións, e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio pechou o acto.

Primeiras críticas

As primeiras críticas políticas chegaron coa voceira municipal do BNG de Poio, Marga Caldas, que denunciou a «hipocrisía» do PP con Bóveda e lembrou a «grave contradición entre a posta en escena institucional no concello e o comportamento do partido no Parlamento galego, votando en contra de oficializar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir».

Tamén a deputada provincial do BNG Marta Ortega, presente nos actos de Pontevedra e Poio, reclamou «memoria con feitos» e insistiu no clamor «para institucionalizar o Día da Galiza Mártir». «A memoria non se pode reducir a asistir a actos, facer discursos ou pronunciar palabras bonitas. O Compromiso ten que traducirse en feitos, en recursos e políticas públicas», subliñou.

Acto do BNG

Xa no serán, O BNG homenaxeou en Pontevedra a Alexandre Bóveda no Día da Galicia Mártir, cun acto encabezado por Ana Pontón, que reivindicou a plena vixencia do seu pensamento político e económico. A portavoz nacional destacou o seu compromiso co autogoberno e coa creación dunha Facenda propia, ligando esas ideas á proposta actual do BNG.

Pontón defendeu tamén a memoria como ferramenta de futuro e xustiza democrática, e evocou «A derradeira leición do mestre», de Castelao, como símbolo da dignidade fronte á barbarie. Concluíu chamando «a seguir construíndo unha Galiza forte, xusta, libre e con futuro».

Por outra banda, Mocidade Galega pola Memoria e Galiza Nova organizaron un coloquio sobre Castelao e a memoria na Cervexaría Nasa, no casco histórico.

Suscríbete para seguir leyendo

Fuente: Faro de Vigo

Tracking Pixel Contents