Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A aceleradora galega BFFood consolida seis novos proxectos

Apoiará durante un ano o desenvolvemento destas iniciativas no campo da alimentación

Seis proxectos do sector alimentario participarán no primero programa de consolidación da Business Factory Food (BFFood), a aceleradora especializada neste ámbito industrial e que está impulsada pola Xunta e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

A esta convocatoria de consolidación presentáronse 27 candidaturas, das que catro pasaran anteriormente pola fase de aceleración en 2019. Os proxectos seleccionados acceden a un programa de apoio integral e especializado de 12 meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios específicos concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento mediante un préstamo participativo da Xunta a través de XesGalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros.

O comité de selección de BFFood destacou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados, que teñen que atender a algún dos retos definidos pola industria alimentaria como a dixitalización e automatización, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos, a interacción con clientes e consumidores, así como fortalecer a resiliencia do sector ante situacións de emerxencia derivadas de pandemias.

IMPULSO. Esta iniciativa, que desenvolve ao mesmo tempo tamén a segunda edición do programa de aceleración, enmárcase na rede galega de aceleradoras, a plataforma StartIN Galicia, que aglutina todos os apoios ao emprendemento do Goberno galego e, máis concretamente, no modelo Business Factory, que aposta pola innovación aberta en sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o aeronáutico ou o agroalimentario.

Essence Food, Monkey Markets, Muutech Food, Triple Alpha, Refix – Atlantic Sea Water e Sensebit son os seis proxectos elexidos.

Essence Food é unha iniciativa presentada desde Pontevedra, formou parte da primeira edición do programa de aceleración de BFFood e traballa no desenvolvemento de novos produtos alimentarios, a partir de excedentes e/ou residuos alimentarios da produción, transformándoos en novos produtos alimentarios de alto valor engadido. Rubén Hidalgo, de Capsa Food (Larsa), exercerá como mentor deste proxecto no seu paso polo programa de consolidación.

No caso de Monkey Markets, proxecto procedente da Coruña e acelerado na primeira edición da BFFood, baséase nunha ferramenta B2B online que facilita aos produtores europeos do sector alimentario a venda en China e aos importadores chineses a compra en Europa. Rosana Domínguez, directora de márketing de Quescrem, foi a mentora desta iniciativa durante o seu paso polo programa de aceleración e continuará, agora, no de consolidación xunto a Mónica Cascallar, directora de innovación de Congalsa e Pablo Gómez, director da división láctea de Clun.

Tamén participa a Muutech food monitoring platform. Esta iniciativa, procedente de Pontevedra e acelerada no primeiro programa de BFFood, permite a recollida de datos de calquera fonte, agregalos e analizalos en tempo real a través dunha plataforma de monitoraxe que facilita ás empresas da industria alimentaria a optimización dos seus procesos e dos custos, tomando de forma áxil decisións informadas. José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, encargarase de mentorizar este proxecto durante o seu paso polo programa de consolidación.

Outra das iniciativas que se consolidará é a plataforma de aprendizaxe automática desenvolta por TripleAlpha. Este proxecto coruñés, que formou parte do primeiro programa de aceleración de BFFood, permite replicar calquera planta física de fabricación e optimizar á súa vez os procesos, mediante algoritmos de predición e prescrición baseados en técnicas de analítica avanzada e aprendizaxe automática. Ángel Pereira, responmsable de innovación de Galacteum encargarase da súa mentoría.

No caso de Refix – Atlantic Sea Water presenta unha bebida reconstituínte elaborada con ingredientes naturais e fabricada con auga de mar extraída na Costa da Morte. Será mentorizado por Antonio Cortés, director de responsabilidade social corporativa de Gadisa.

E, por último, atopamos a iniciativa Sensebit. Unha solución, desenvolta por TasteLab, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo que consiste nun software de análise sensorial altamente personalizable por tipo de cliente e sector alimentario co que as empresas poden facer unha análise organoléptica (características físicas que ten un alimento apreciables mediante os sentidos) fiable que lles permite o aforro no ensaio-erro, ao ter en conta ao consumidor. Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D e Calidade do Grupo Nueva Pescanova, mentorizará esta iniciativa.

“o Noso ‘software’ de análise sensorial dos alimentos é único en españa”

Sensesbit é unha aplicación desenvolvida por TasteLab, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo. A súa xerente, Maruxa Quiroga, sinala que “somos unha start-up que participou en varios programas, co cal temos unha certa bagaxe e experiencia e gústanos ser seleccionados nesta porque destacamos que nela atópanse as empresas tractoras e poder facer, deste xeito, ese feedback e determinar se o que estamos a desenvolver é interesante para os nosos clientes, que son empresas como as que participan no programa”.

En canto á solución que presenta Taste Lab, apunta que “é un software de análise sensorial que pode ser personalizado por cada cliente e tamén por cada segmento dentro do sector alimentario para que as empresas realicen as súas análises fiables e teñan en conta aos consumidores”.

Para iso precisaron tempo. “Levamos con este desenvolvemento desde o inicio da empresa alá por 2015. Creouse para chegar ao momento actual. É un software como servicio (conocido como SaaS) no que os clientes compran a licenza de uso e eles poden utilizalo para facer as catas”, sinala, e destaca que “a nivel nacional non hai ningún e no campo internacional son poucos entre a competencia. Ademais o noso elemento diferencial é a xeración de informes automáticos. O que fai é que sexa moito máis fácil e rápido que outros que haxa no mercado mundial”.

En canto á achega que lles proporcione a aceleradora BBFood, comenta: “Esperamos que durante este programa logremos unha mellora da estratexia, de poder facer ese feedback coas empresas tractoras e ter un crecemento do desenvolvemento do negocio grazas ao apoio que imos recibir”.

Por outra banda, en canto ao posible financiamento da Xunta, declara que “é unha cuestión que valoramos positivamente e está no noso plan pensar niso e levalo ao consello de administración da compañía. Na actualidade xa hai un grupo investidor na empresa”.

E lembra que os inicios de TasteLab “foron duros, creo que como calquera start-up, pero desde logo frutíferos, porque onde queriamos chegar, ao momento actual, a lanzar un software como servizo no que os clientes poidan facer as súas propias catas, conseguímolo e xa estamos no plan comercial, desenvolvéndoo a nivel das vendas e xa comenzarmos a telas”.

“Estes ecosistemas de innovación e colaboración son o camiño a seguir”

Congalsa é unha das empresas que mentoriza dous proxectos desta convocatoria da aceleradora BFFood. Sitrav e Monkey Markets. A empresa foi fundada en 1990 por Luís Simarro e está especializada na elaboración de produtos precociñados a base de peixe.

A súa directora de innovación, Mónica Cascallar, sinala que “co tempo, fomos implementando diferentes liñas de produtos conxelados. Sempre tratamos de ser ante todo bos fabricantes, e para iso mantivemos políticas de reinvestimento de beneficios na mellora, dotándonos das máis modernas infraestruturas e de maquinaria avanzada”.

“Todo iso, xunto ao know-how achegado por un equipo de profesionais moi capacitados, permítenos hoxe en día ser un referente entre as compañías españolas do sector mantendo, iso si, a esencia e fortaleza das empresas familiares”, apunta.

Con respecto á convocatoria de BFFood, explica a súa experiencia: “Estamos mentorizando agora mesmo dous proxectos, e. atopámonos cunha cantidade de xente emprendedora en Galicia con moitas ideas e moitas ganas de achegar no armazón industrial galego”. “Nese aspecto, estes ecosistemas de innovación aberta e colaboración son o camiño para seguir”, engade.

Sobre o proxecto en consolidación de Monkey Markets, salienta que “ten un gran potencial e de toda a oferta que era ampla, apostamos por mentorizar este proxecto polo enfoque, a actitude e as ganas dos seus emprendedores”.

“Que BFFood, o Clusaga e Gain conten connosco, supón un respaldo contundente ao noso modelo de innovación”, expresa, xa que “a aposta polo I+D+i sempre estivo no noso ADN, pero nos últimos tempos potenciámola favorecendo o desenvolvemento de novos produtos e creando xornadas de traballo, os Xoves InnCon, na que os nosos empregados achegaban ideas para fortalecer este ámbito.

E mostra a súa satisfacción xa que Congalsa “foi unha das empresas seleccionadas nesta convocatoria no marco do Programa Fábrica Intelixente, cuxo obxectivo é favorecer o avance do tecido industrial galego cara ao modelo 4.0”.

colaboración
sinerxías público privadaS

··· A Xunta de Galicia colabora neste programa a través do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de XesGalicia.

··· Nesta iniciativa participan diversas empresas galegas tractoras como poden ser Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Lar- sa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congal-

sa, Galacteum, Gadisa, Kiwi Atlántico, Ques-

crem, Nueva Pescano-

va, Torre de Núñez e Viña Costeira.

19 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito