Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A arxentina Sabrina Dalio chegou a Galicia en setembro de 2019 para facer un mestrado e quedou. Cando teña un traballo estable, traerá tamén aos seus pais. Ela xa estivera na comunidade en 2006, co programa de campamentos TEXTO Felisa Castro

“A bolsa foi o empurrón para decidirme a vir aquí”

Aínda que ela non naceu en Galicia, nin sequera os seus pais, está aquí e quere quedar. A súa galeguidade chégalle directamente do seu avó materno, que era de Noia. Marchara para á Arxentina moi novo, con 11 anos; ía co seu pai, e nunca retornou á súa terra. O primeiro volveu, pero o segundo nunca máis. Comunicáronse mediante cartas o resto das súas vidas.

Sabrina Dalio ten agora 30 anos e chegou en setembro de 2019, para facer un mestrado na Universidade de Santiago. Foi unha das beneficiarias dunha bolsa BEME. Ela mesma confesa que gracias á axuda puido pensar en vir vivir á comunidade autónoma: “Como experiencia persoal para min foi moi gratificante. A bolsa foi o primeiro paso para que eu decidise vir a Galicia, porque desde o seu Bos Aires natal non o pensara nunca. Economicamente é moi difícil. A bolsa é unha axuda moi grande e un empurrón para tomar a decisión”.

A súa aventura comenzou na Arxentina. Durante moitos anos bailou nunha asociación galega. Ademais, en Bos Aires hai unha oficina da Xunta de Galicia, onde ela soubo das bolsas da Secretaría Xeral da Emigración, na páxina web deste departamento da Xunta: Galicia Aberta. Cando chegou, en setembro de 2019, viviu durante un tempo con familia da súa nai. Además de en Noia, tamén ten en Compostela primos e sobriños, cos que quedou. Despois, no mestrado, coñeceu a outras dúas mozas de Venezuela e Uruguai e marchou vivir con elas. Cursou os estudios en Xestión e Dirección Laboral da USC e a súa idea era traballar, pero coa pandemia do covid-19 que estamos sufrindo está esperando a ver se mellora a situación. Desde logo, o que quere é quedar en Galicia. Agora vive na Coruña, canda unha amiga que cursou os mesmos estudos que ela.

Polo medio estivo en Ferrol porque unha parte do mestrado se cursaba alí e alí precisamente a colleu o confinamento. Sen embargo, non estivo soa, porque os seus pais, que viñeran de vacacións a principios de marzo para estar con ela, tiveron que quedar aquí por obrigación hasta o mes de xuño.

A SEGUNDA VEZ EN GALICIA Pero non era a primeira vez que Sabrina pisaba a terra do seu avó materno, senón a segunda.

No ano 2006 viaxou a Galicia con outro programa da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, o programa de campamentos para rapaces que viven fora de España. Estivo quince días vivindo coa súa familia de Noia. Daquela coñeceu o mundo da verbena e das festas, “e fascinoume”, confesa.

Fascinouna porque era un tema que non era novo para ela, aínda que de oídas. Ela non coñeceu ao seu avó, porque morreu cando a súa nai tiña 14 anos, pero desde muy pequena, con 4 anos, bailaba nunha asociación de galegos. “Todo o meu ambiente era galego e todos eran emigrantes que chegaran a Bos Aires e, por circunstancias, nunca puideron voltar á súa terra. Xuntabámonos todos e alí vivín o ambiente das verbenas e a festa”, asegura.

Cando se lle pregunta que lles contaban estes emigrantes, asegura que alí coñeceu a morriña. “A música encantábaslle. Eu bailaba, tocaba a gaita e a pandeireta”.

“Escoitar a música galega lembráballes moito a súa terra”, asegura. De feito, conta que co grupo co que bailaba Sabrina visitaban moitos fogares de galegos anciáns: “Tratabamos de sacalos a bailar, pasodobles e outros bailes, e nese momento viamos que se sentían completamente felices. Só con escoitar a súa música, trasladábanse a Galicia”.

Pero, una vez aquí, na actualidade, non todo é de cor rosa, tamén ela ten morriña: da familia, dos amigos, dos costumes de xuntarse os domingos a comer en familia... “Aquí estou soa, por máis amigos do mestrado que teña, estou soa”.

Aínda así, o seu soño e o que sabe que vai facer é quedar aquí. “Quero quedar aquí e, cando estea economicamente ben e teña estabilidade, a miña idea é instalarme, conseguir un traballo fixo e traer aos meus pais comigo”.

Sabrina ten dous irmáns, Nazer e Julio César, que non coñecen a terra dos seus avos. “Nazer ía vir en verán a visitarme e por culpa da pandemia non puido facelo, pero se traigo aos meus pais, el tamén quere vir vivir aquí”, asegura, mentres reflexiona que Julio César ten a súa propia familia alí e a súa situación é distinta: “Ao mellor, cando esteamos todos aquí, igual cambia de opinión”.

Agora, para manterse sen traballo, aproveita o que lle quedou da bolsa y está cobrando a prestación por desemprego, porque ela traballou 10 anos en Bos Aires e a cotización serviulle para cobrar aquí o paro. Era administrativa nunha cadena de supermercados que se chama Jumbo Retail.

Cando atope emprego aquí gustaríalle que fose do seu, no departamento de Recursos Humanos dunha empresa, xa que ela é licenciada en Relacións Laborais en Bos Aires.

Non dubida para nada que é o que máis lle gusta de vivir aquí: “A tranquilidade e a seguridade. Agora vivo na Coruña, é unha cidade pero ten moitos costumes de pobo”.

15 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito