Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A CIG acusa á Xunta de presentar como reforzo en educación o que é "simple cumprimento" de máximos

A organización sindical manifestou que dende a Cosellería de Educación ocultan información de cales son os centros con unidades habilitadas para o próximo curso, impedindo controis de autorización e exclusión de aulas

A CIG acusou á Xunta de tentar presentar como reforzo en educación Infantil e Primaria o que é "o simple cumprimento dos cocientes máximos" de alumnos por clase e censurou que o Goberno galego relacione o incremento de aulas habilitadas coas medidas para facer fronte á COVID-19.

Nun comunicado, a organización sindical manifestou tamén que a Consellería de Educación "oculta a información" de cales son os centros con unidades habilitadas para o próximo curso e iso "impide un control" sobre os criterios que levan a autorizar unhas aulas e rexeitar outras.

CIG-Ensino indicou que, "pola información da que dispón neste momento", unha "boa parte" desas habilitacións débense "exclusivamente ao cumprimento da legalidade vixente" sobre os cocientes, que fixan un máximo de 25 alumnos por aula en Infantil e Primaria.

"De confirmarse este dato, algo imposible coa ocultación de centros afectados que fai a Consellería, esta medida non gardaría ningunha relación coa COVID-19", censura.

Ademais, expón que os datos de unidades formalmente creadas implican un saldo positivo de 14 aulas, segundo a información do Diario Oficial de Galicia (DOG), pero no cómputo a Consellería inclúe as 18 unidades do colexio de nova creación CEIP Novo Mesoiro da Coruña, das que van funcionar unicamente 15 o próximo curso, polo que "o saldo positivo se reduce a 11".

Todo isto é, a xuízo da CIG, "parte dunha campaña" da Xunta para "correr unha cortina de fume" sobre as preocupacións reais da comunidade educativa, que se refiren a "a alarma creada por un protocolo que vai levar ao máximo os cocientes oficiais".

INCUMPRIMENTO DAS MEDIDAS DA OMS

As medidas do Goberno galego supoñen "un incumprimento" das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e levarán "a unha situación de risco potencialmente alto" nos colexios galegos.

Así, pediu á Xunta que faga "unha reconsideración do erro cometido" co protocolo agora que se incrementaron os contaxios. "Están a tempo se non queren converter o inicio do curso nun problema", dixo.

Tamén critica o peche de dúas aulas no rural na provincia da Coruña --unha en Brión e outra na Laracha--, con cinco matrículas en cada caso. Isto "evidencia o sinsentido da política educativa" porque supón pechar "dous exemplos" dos que máis se achegan ás recomendacións para evitar contaxios, posto que teñen pouco alumnado e condicións "idóneas" para manter a presencialidad. EUROPA PRESS.

12 ago 2020 / 20:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.