Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A distancia social: unha oportunidade para o rural galego

O despoboamento e o abandono seguen a torturar o interior de Galicia que só ve como se perden servizos e recursos de maneira continua

O rural galego é un deses grandes esquecidos, tanto antes da pandemia como agora. Desde mediados do pasado S. XX comezouse a abandonar as vilas cara ás cidades para atopar unha vida acorde á situación. Eses remansos de paz e tranquilidade que eran algunhas vilas como Moeche, na Comarca de Ferrol, quedaron asolagados pola ausencia de xente, de vida e de recursos. As cidades enriquecéronse máis que as vilas (infraestruturas, recursos, transporte...), abocando moitas ao abandono permanente, e moitos anos despois quérense recuperar. Esta situación volve estar enriba da mesa debido á pandemia, porque teñen que primar as distancias, os espazos abertos e sen aglomeracións. Pois isto é o rural galego, vilas coas que cumprir todas estas esixencias (polo menos a maioría) e tentar poñer algo bo a todo este horrible problema que nos está a asolar desde hai un tempo. Para obter diferentes puntos de vista sobre o fenómeno do despoboamento e do abandono, falamos con Beatriz Bascoi, alcaldesa da vila de Moeche polo BNG, coa Consellería do Medio Rural e por último, con Lourdes Carril, residente na parroquia de Vilamor en Toques, un pequeno concello da provincia de A Coruña que se atopa nun constante despoboamento.

A distancia social: unha oportunidade para o rural galego

No caso de Moeche, falamos dunha vila que chegou ter máis de 3.500 habitantes no seu mellor momento e agora non alcanza as 1.200 persoas. A súa alcaldesa verbalízanos as necesidades do rural, que se constrúen ao redor de tres eixos: transporte, servizos e infraestruturas. Nas súas palabras “é necesario que vivir non rural non supoña un sacrificio”. A implantación de transporte público para poder ir traballar ou estudar a sitios achegados (Ferrol, no caso de Moeche) é unha das medidas que tomaría Beatriz para poder fomentar nova poboación no rural galego e así asegurar o relevo xeracional, a poboación atópase moi avellentada. Ademais, os sectores primarios como a agricultura ou a gandería necesitan de axudas para que xente vexa factíbel dedicar a súa vida a este sector. Non se ven suficientes os axudas de vivenda para poboacións de menos de 5.000 habitantes, xa que na práctica, segundo a alcaldesa, non cobren todo o que deberían.O despoboamento é un perigo para a nosa cultura, a nosa continuidade como país e para as vindeiras xeracións. Beatriz está convencida de que unha vila pode ser o lugar idóneo para vivir e criar aos fillos e as fillas, sempre e cando se lle dote dos servizos necesarios, xa que non se dota deles na actualidade e deixase morrer as vilas. Nunha vila queda presente o sentimento de comunidade, sobre todo nas pequenas como é este o caso, ademais atrás quedan os ruídos, as aglomeracións, o tráfico. É a oportunidade de ter os produtos naturais do comercio local na “porta da casa”.

A Consellería do Medio Rural, centra as súas accións contra este fenómeno en diversas ferramentas. Este é o caso da promoción da ‘Lei de terra agraria de Galicia’ que facilitaría “poñer en valor terras en estado de abandono ou infrautilización e devolvelas á produción”. Ademais, púxose en marcha ‘Mercaproximidade’, unha rede para garantir a comercialización dos produtos agroalimentarios galegos afectados polas restricións nos mercados locais, na restauración e na hostalería. Isto todo forma parte da gran baza contra esta situación que presenta a Consellería de Medio Rural, no ‘Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural fronte aos efectos da covid-19’ que ao contar cun presuposto superior aos 165 millóns de euros intentará facer fronte aos efectos desta pandemia. Este plan baséase na promoción, comercialización e internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos; a sustentabilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal; o reforzo da resiliencia do territorio rural; a formación, innovación e dixitalización e a simplificación e flexibilización administrativa.

A distancia social: unha oportunidade para o rural galego

Pola outra banda, temos a opinión dunha muller que convive día a día coa realidade do rural galego. Lourdes Carril Vilariño, de 87 anos de idade, leva máis de 60 anos vivindo na parroquia de Vilamor, no concello de Toques e, a día de hoxe, a súa actividade diaria baséase no coidado das súas vacas, coellos e galiñas, entre outros animais. Lourdes traballou máis de 20 anos en Correos, sendo unha das poucas mulleres na época e foi das primeiras mulleres da zona en sacar o permiso de conducir. Hoxe coméntanos como é a situación do rural no seu concello e esta realidade caracterízase por unha perda continua de recursos, como escolas, xa que Lourdes falaba da existencia de escola na súa parroquia e un instituto en Toques pero que agora tiñas que ir si ou si a Melide. Ademais, ela conserva a esperanza de que volva xente a darlle vida ás vilas, pero que se a cousa segue así, eliminando servizos médicos e transportes (hai pouco máis dun bus á semana cara á Melide), isto cre que vai ir a peor. Ela mesma confesa que non dan axudas suficientes para as granxas e tampouco información. Lourdes encarna o berro desesperado dun rural ao que lle fan falta xente e recursos. Finaliza con que se non tivese coche e se non se valese por ela mesma, tería que marchar a vivir con algún dos seus fillos a un núcleo de poboación máis grande.

09 mar 2021 / 10:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.