Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2021

A economía galega consolida a súa recuperación cun crecemento interanual do 3,2%

O PIB está a 3,5 puntos por debaixo do nivel precrise, segundo o Foro Económico // Aumenta a ocupación a tempo parcial

Os resultados que amosa a análise que o equipo de expertos do Foro Económico de Galicia (Fernando González Laxe, Patricio Sánchez, Santiago Lago e José Francisco Armesto) fan cada trimestre debuxa un escenario de consolidación da reactivación económica ao presentar unha medra do 3,2%, o que supón cinco décimas máis que a media española. Un dinamismo menos intenso que o do conxunto da UE-27 (3,9%). O PIB galego atópase 3,5 puntos por baixo do nivel precrise, claramente mellor que a media española, que está a 6,6 puntos. A presentación do Informe de Coxuntura estreou o salón de actos da sede de Zona Franca en Areal e o delegado do Estado, David Regades, salientou que é “un instrumento fundamental á hora de analizar a nosa economía e tomar decisións estratéxicas para a cidadanía e as empresas”.

O informe sinala canto a demanda interna, o gasto en consumo final tanto público como privado presenta taxas de crecemento positivas superiores á media estatal, ao contrario do que sucede no investimento, que amosa unha contracción do 3,3% en Galicia fronte ao incremento do 1,3% en España. Dende o punto de vista da oferta, a reactivación económica en Galicia no terceiro trimestre rexistrase tan só no sector servizos, o que contrasta co que sucede na media de España, onde a industria manufactureira medra un 1,2% ,mentres en Galicia descende un 0,5%. As maiores caídas neste terceiro trimestre concéntranse -tanto en Galicia como en España- nos sectores da construción, as actividades artísticas, recreativas e profesionais. En relación aos niveis pre-pandemia, tanto en Galicia como en España os sectores de administración pública, sanidade e educación, actividades financeiras e de seguros presentan valores superiores.

Asignatura pendente segue a ser a produtividade do tecido produtivo galego, que continúa a ser inferior á media española, se ben redúcese o diferencial ao longo do período analizado. Compre insistir na baixa produtividade do sector manufactureiro en relación ao conxunto do Estado: o 71,9% no último trimestre fronte ao 78,2% antes da crise iniciada no 2019. O mercado laboral presenta un bo comportamento atendendo á evolución das taxas de actividade, ocupación e desemprego. Salienta o descenso do paro de longa duración nun 4,1%.

Tanto a poboación ocupada (medra un 2,8% respecto ao 2020) como as afiliacións (2,6%) acadan neste trimestre o nivel pre-crise. Pero malia esta mellora da ocupación é preciso matizar que Galicia se mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación, (a quinta con menor taxa). Asemade este dinamismo non foi homoxéneo tendo en conta que a mellora concentrase no sector servizos. Todas as ramas agás a hostalería presentan unha mellora da ocupación, mentres que na industria manufactureira tan só a alimentaria aumenta a súa ocupación con respecto ao ano anterior.

Segundo os datos da EPA, medra o emprego por conta allea e por conta propia. Neste sentido Galicia rexistra unha medra tanto dos empresarios con asalariados, como dos que non os teñen, mentres que no conxunto do Estado descenden o número de empresarios que non teñen asalariados. Por contra, a calidade do emprego non mellora ca mesma intensidade, dado o incremento da ocupación a tempo parcial e o crecemento dos asalariados con contrato temporal. Neste punto é necesario salientar a elevada desigualdade entre homes e mulleres, atendendo ao peso relativo do emprego feminino a tempo parcial: case a cuarta parte das mulleres teñen un emprego a tempo parcial, fronte ao 6,2% no caso dos homes.

Por outra banda, no concernente ao desemprego, os menores de 25 anos, estranxeiros e persoas con estudos primarios seguen a ser os colectivos máis afectados polo paro. Os autores indican que a pesares de que o impacto da Covid na actividade produtiva en Galicia no 2020 foi menos intenso que no conxunto das CC.AA., o índice de competitividade rexional indica que tan so Galicia e Valencia presentan unha perda da posición relativa (noveno posto en 2020) e se manteñen entre as Comunidades cun nivel de competitividade medio-baixo.

22 dic 2021 / 12:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.