Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A FP bate o récord de matrículas con 59.700 estudantes

Bota a andar na cidade de Ourense o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional

A falta de pechar os datos definitivos, este curso a Formación Profesional en Galicia volve acadar un novo récord de alumnado. Xa hai 59.700 matriculados para este curso 2022/2023, unha cifra que supera en máis de 900 alumnos e alumnas o rexistro do ano pasado e que pasará dos 60.000 cando se peche a matriculación.

“É unha opción educativa potentísima pola que moitos xa optan en primeiro lugar”, afirmou o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita onte ao novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, en Ourense, na que tamén participou o presidente da deputación, Manuel Baltar.

O titular do Goberno galego incidiu en que, na actualidade, a FP e a realidade laboral van en paralelo e que esta fórmula de ensinanza ten experimentado unha revolución silenciosa. Salientou, neste aspecto, os “datos ben elocuentes” que reflicten as taxas de inserción laboral, que se sitúa no 85% e aumenta ata o 100% na FP Dual. Do mesmo xeito, fixo alusión ao aumento da oferta, en más de 1.700 prazas.

Salto adiante. Unha mostra da aposta por esta formación é o novo Centro Galego de Innovación da FP, inaugurado onte en Ourense, en colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación provincial que conta cun investimento de 11 millóns.

Rueda destacou que se trata dun proxecto de país cuxa influencia situará a Ourense como polo de innovación en Formación Profesional a nivel nacional, e que que “era imprescindible facer un centro que se dedicase exclusivamente á FP e xa está dando os seus froitos”.

O centro, nomeado en honra a Eduardo Barreiros, forma parte dunha aposta continuada da Xunta por este tipo de ensino, que xa ten trazada unha folla de ruta para os vindeiros anos, como é a Estratexia Galega de Formación Profesional, que conta cunha dotación de 900 millóns de euros para reforzar estes estudos ata o ano 2024.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quixo lembrar que foi no Debate de estado da provincia de 2018 cando lanzou a proposta de acoller en Ourense o Centro Galego de Innovación Profesional. Unha dotación que, segundo indicou, “non estaba ideada orixinalmente para Ourense, que hoxe xa é o territorio mellor conectado de Galicia e que dende logo merece esta infraestrutura. Isto é discriminación positiva, equilibrio territorial e vangarda”.

Asemade, valorou este novo espazo dentro do polo de innovación de Ourense, con ferramentas como o “Parque Tecnolóxico de Galicia ou o Edificio Provincia Intelixente, situado a poucos metros de aquí e que xunto a Abanca puxemos a disposición das empresas con máis alto valor tecnolóxico da comunidade.”.

Ambos políticos aproveitaron, ademais, para poñer en valor a figura de Eduardo Barreiros, veciño de Nogueira de Ramuín e de quen recibe o nome o centro de investigación. Trátase dunha figura de gran relevancia no eido da automoción, que revolucionou o sector en España coa súa patente de transformación de motores gasolina a diésel.

Seis áreas específicas. A actividade do centro estará focalizada en seis áreas específicas: industria 5.0, para afondar en robótica ou ciberseguridade; fabricación aditiva, como a impresión 3D; enerxía e sustentabilidade ambiental para traballar en hidróxeno verde, eólica ou biomasa; gastronomía multisensorial, tanto en degustación como en preparacións culinarias innovadoras; biotecnoloxía aplicada, na sanidade, no agro ou no medio ambiente; e experiencias de inmersión para mellorar a contorna de aprendizaxe con espazos interactivos.

Actualmente, o centro Eduardo Barreiros xa está completado e equipado, mentres que súa actividade comezará gradualmente ata acadar o pleno funcionamento a comezos do 2023.

21 sep 2022 / 20:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito