Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A galega Deleite lanza o A2, un leite natural sen a proteína que provoca molestias dixestivas

Esta será a primeira ocasión en que se produce e se comercializa a gran escala en Galicia e no resto de España

    Cargando reproductor ...

A marca galega Deleite, impulsada por gandeiros galegos, está a lanzar ó mercado o leite A2, segundo a firma “o mellor leite natural posible, caracterizado por ser máis dixerible que o leite convencional, entre outros beneficios”. Ademais, engade, “é puro e natural, sen aditivos, que destaca por conter só proteínas con betacaseína A2”. Que significa isto? Deleite explica que hai unha pequena pero significativa diferenza: “o leite convencional presenta unha combinación de dúas betacaseínas, A2 e A1. O que fai especial ó leite A2 é a ausencia da betacaseína A1, que, entre outras cuestións, relaciónase con molestias dixestivas nunha parte da poboación. Estas persoas poden consumir leite A2 dun xeito confortable, sen sentir molestias na súa dixestión”. O director executivo de Leite Noso, Pedro González, resaltou que esta iniciativa ten “algún precedente fóra, pero en España e de venda a gran escala non o fixo ninguén”. “O futuro está no leite A2”, subliñou, antes de referirse a estudos universitarios que avalan o seu produto.

Os estudos clínicos, asegura a láctea galega, “comprobaron que as persoas que teñen molestias dixestivas bebendo leite convencional -que son arredor dun 34% da poboación en España (EFSA, 2010)- declaran sentirse mellor bebendo leite A2, cunha dixestión máis confortable. As investigacións demostraron ademais que co leite A2 redúcense nestas persoas a dor abdominal e os gases, en comparación co consumo de leite convencional. Os beneficios do leite A2 complétanse co seu positivo efecto a nivel inmunolóxico, pois constatouse que o seu consumo reduce os marcadores inflamatorios intestinais, diminúe a presenza do aminoácido BCM-7, que pode ter efectos adversos na saúde, e aumenta a produción natural do antioxidante glutation”.


ORIXINAL

A firma láctea asegura que o leite A2 é completamente natural e de feito considérase o orixinal, pois orixinariamente as vacas só producían leite A2. As granxas que suministran a Deleite seleccionaron vacas que producen só leite A2. Matiza que parte dos problemas de intolerancia ó leite que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1. Para as persoas que certamente non poidan consumir lactosa, Deleite lanza tamén un leite A2 sen lactosa.

O leite A2 comezouse a producir e a elaborar hai anos en Nova Zelanda, desde onde se extendeu a outros países como Estados Unidos, China ou Australia. Esta será a primeira ocasión en que o leite A2 se produce e se comercializa a gran escala en Galicia e no resto de España, constituíndo tamén un fito a nivel europeo, onde só houbo ata o de agora pequenas experiencias.


100% galego

Obtense de xeito natural polas granxas de subministran a Deleite, que durante os últimos anos seleccionaron vacas que producen leite que contén só a proteína con betacaseína A2. Esta selección dos animais, que se fai cun sinxelo test de ADN, “permite garantir que todo o leite comercializado pola marca Deleite é leite A2. Como ata o de agora, Leite Noso só comercializará leite de calidade 100% galego. O único que cambia é que desde agora especialízase en exclusiva no A2”.


Prezo diferenciado

As granxas que lle entregan a Deleite leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un prezo diferencial, por riba do que se paga polo leite convencional, segundo informa a empresa, que engade que, deste xeito, a marca galega, impulsada polos propios gandeiros, “consolida a súa aposta de pagar no campo prezos xustos que remuneren o traballo das granxas”. Nos puntos de venda, Deleite pasa a situarse na liña de prezos das marcas premium -se ben cunha oferta de lanzamento estas primeiras semanas-, e desenvolverá unha campaña de marketing en toda España para dar a coñecer e posicionar o seu leite A2. Outro fito de Leite Noso radica “na estabilidade que a sociedade gandeira lles proporciona ás súas granxas proveedoras, pois na última renovación asinaron para os próximos tres anos. Esta é a primeira ocasión en que unha marca asina a tan longa duración. Coincidindo co lanzamento do Deleite A2, Leite Noso está a extender ademais a súa rede de distribución na comunidade. A maiores dos supermercados de Vegalsa – Eroski, grupo Cuevas (Aquí, Plenus), Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés e tendas tradicionais, onde xa se comercializaba Deleite, desde agora pode atoparse tamén nos supermercados Froiz e Gadis.


Leite Noso é unha sociedade impulsada por gandeiros galegos que naceu co obxectivo de asumir a transformación e comercialización do leite das súas granxas provedoras. A sociedade iniciou no 2016 a comercialización da marca Deleite en diferentes cadeas de distribución e tendas de proximidade de Galicia, realizando tamén unha experiencia a nivel estatal coa marca Muuu por medio dun acordo con Carrefour. Situouse na súa primeira etapa como unha ‘marca xusta’ de leite galego de calidade e engade agora un plus ao seu posicionamento entre os consumidores. Sen perder a súa esencia orixinal, Leite Noso centrouse na diferenciación desde a orixe coa produción de leite A2, que se sitúa no mercado como “o mellor leite natural posible”.

27 ago 2021 / 14:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.